Ampliacións ao post sobre o Entruido en Castrelo de Abaixo: https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2026/02/o-entruido-en-castrelo-de-abaixo.html?m=1
![]() |
| Cartaz do Entroido de Castrelo de Abaixo deste ano 2026 |
A continuar vaise transcribir unha información que nos foi comentando Joaquín Prado Barazal, Quin, nunha conversa mantida nun grupo, das redes sociais, de Castrelo de Abaixo.
Máis ou menos foi isto o que nos contou a todos:
"Eu creo que xa aportara algo das ideas e costumes do Entroido de Castrelos, do que recordó de rapaz, e do que me contaban algúns veciños que xa non están con nós, en concreto o Nelo, Daniel Diéguez, que en paz descanse, pero foi moi interesante a súa aportación de como se facía o entroido en Castrelos, aló polos anos 40, 50, 60 e 70 do século XX.
Cuando a época de entroido, o 'meco' levábase nun carro de vacas. A partires do ano 1975, aproximadamente, o meco empezou a recorrer nun tractor as dúas rúas da localidade e das aldeas veciñas porque era máis cómodo e fácil de levar. Todo vai cambiando cos tempos.
Reporto un pouco de información para que quede de arquivo para un futuro dos veciños de Castrelos:
1) Vestíase o Entroido con palla e roupa vella, ó final dos setenta mesmo cunha funda de obra, púñanlle unha chaqueta de pana por exemplo, e unha careta normal, tapábase a cabeza do meco cunha gorra ou sombreiro de palla, tamén podía ser unha viseira, e como calzado recordo unhas botas de goma Katiuskas.
2) Logo os mozos que máis sabían centrábano no medio do carro, ben suxeito, coas pernas abertas, todo moi ben amarrado porque, ata que se sacara do carro na praza onda o forno, e se baixara para queimalo, que era ó remate final do entroido o martes de carnaval, o meco non debería caer do carro.
3) Había unhas normas, uns costumes, no carro. Só lles estaba permitido montar ás mozas, ás Madamas, ou algunha persoa con pouca movilidade. Ningún mozo de máis de 15 anos ou home se lle permitía montar no carro do Entroido. As mozas, por costume, non todas, levaban unha cesta de vimbias para poñer os ovos que os veciños lles ían dando. Logo, ó remate do entroido, o martes de carnaval, facíanse tostas de pan con ovos e filloas, e café, e chocolate.
4) O carro mesmo ía adornado un pouco. No pinallo do carro cruzábanse dous paos amarrados ó mesmo pinallo onde os mozos máis fortes suxeitaban de cada lado para levantar o carro á altura da cintura. Logo, dos chavellos ou chavellas do pinallo de diante do carro, amarrábase unha corda a cada lado, de aproximadamente uns oito metros cada corda, onde os mozos tiraban do carro polas rúas da aldea e cuando se salía co Entroido a outras aldeas da contorna.
No entroido, o último día, Martes de Carnaval, que era precisamente cuando salía o carro polo pobo co Entroido, había unha figura importante que destacaba e mandaba en toda a parafernalia do entroido. Era o Entroido Maior. A ser posible escollíase un mozo dos máis altos e robustos do pobo. Ese mozo disfrazábase intentando no ser recoñecido, o menos posible, polos veciños do pobo, somente polos mozos, que tamén se disfrazaban, e participaban así no carnaval. A máscara ou careta, os anos que eu lembro, era sempre unha moi fea, coa imaxe do Demo, Satanás. Ese mordomo xefe levaba un lareiro, estaca larga cun saco ou farrapeira na punta, chea de lama, e mollada. Representaba toda a orde do desfile. Cual era a sua misión? Pois que os mozos tiraran do carro con forza, e vixiar que somente montaran enriba dele as mulleres e rapaces pequenos, nunca ningún mozo, do contrario pasáballes a farrapeira polas costas, polo lombo. Por algo era o Mordomo do Entroido.
Durante muitos anos, por costume ou machismo ou a saber, as comidas, troulas, no pobo eran exclusivamente cousa de homes, todo o ano, pero en carnaval, no Martes de Entroido, era unha reunión ó finalizar o entroido e queimar o meco, na que se xuntaban mozos e mozas para comer as tostas, filloas e chocolate. Mozos, mozas e rapaces.
Termino. Cuando pasabas de rapaz a mozo. Moi importante isto:
Na praza de detrás do forno, durante muitos anos, había un pau largo, fora de pino ou de castiñeiro, no que por costume se sentaban os mozos do pobo cara a noitiña, ó pór do sol, pero estáballe prohibido achegárense os rapaces. O motivo era moi simple. Os mozos falaban de muitas cousas, festas, mozas, amoríos, e os rapaces xa se sabe que non guardan segredo.
Para ser mozo, aproximadamente entre os 15 e 16 anos, cando eras admitido como mozo, tiñas que pagar un cántaro de Viño e mesmo aportar algún diñeiro para unha troula no forno do Concello, e desde ese día eras admitido xa como mozo e pasabas a formar parte da mocidade para esas troulas e festas.
Creo que, para admitírente como mozo, o que tiñas que pagar era entre un cántaro ou dous de viño. Eran costumes que xa viñan de moi atrás.
Coa chegada da democracia pos todo foi cambiando. Agora muitos deses costumes xa non se levan. Tamén xa quedan poucos mozos e mozas nos pobos, e todo foi cambiando co progreso e cos novos tempos que vivimos.
É todo o que sei destes costumes que che/vos podo aportar. Isto é o que recordó eu como rapaz máis o que me contaron os nosos pais e avós.
Os costumes e tradicións dun pobo non se poden esquecer, nin olvidar que son as nosas raíces e a nosa historia."
Dámoslle o agradecemento a Joaquín Prado Barazal por todo o que aportou aiquí para a comunidade do pobo de Castrelo de Abaixo e non só. Obrigados pois.
Un saúdo a toda a comunidade, e irase a seguir recollendo desta riquísima tradición oral, do entruido e doutras que foren xurdindo...




