O topónimo Castrelo de Abaixo en documentos antigos

A continuar vanse por unhas referencias antigas do lugar de Castrelo de Abaixo, atopadas en documentación da época pola egrexia arqueóloga, investigadora e apaixonada da bisbarra Nieves Amado Rolán, veciña de Laza, un traballo de calidade, moi laborioso e de suma importancia histórica, onde ten recollido a toponimia e alusións máis antigas das aldeas e vilas da comarca de Monterrei.

Isto é o que recolleu no tocante a Castrelo de Abaixo:


1029 - Castrello, alio Castrello (saen os dous Castrelo)

1183 - Castrellos de Yuso (Yuso=Abaixo)

1325 - de Castrelos, de Mourisco e doutro Castrelos e da Veyga

1476 - Santa Maria de Castrelo de Fondo

1507 - Lugar de Castrelos de Abaxo (Foro que lle fixeron os condes de Monterrei a Castrelo de Abaixo)

1587 - Sta. María de Castrelos de bajo (este -j- pronunciaríase como o actual -x- en galego)

1845 - Castrelos de Abajo (Sta. María) (Diccionario geográfico-estádístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, Dicinario Madoz, Pascual Madoz Ibáñez, este home foi un político e ilustre persoeiro da época pero en tonponimia usaba os nomes castelanizándoos, tede en conta que xa é do século XIX


Moitísimas grazas á súa autora pola interesante información proporcionada de maneira altruísta para mellor coñecemento do percorrido histórico dun pobo.

Saúdos.

Toponimia de Castrelo de Abaixo

A continuar vanse relatar todos os nomes de lugares, topónimos, que se teñen recollido ata momento en Castrelo de Abaixo, haberá moitos máis, microtopónimos, aínda por se recoller. A información foi facilitada por Vicente Feijoo Ares, do Riós, recompilada e disponible na rede a través da páxina web da plataforma Galicia Nomeada.

Comezamos o relato entrando polo sur, por Trambolosríos, e imos subindo cara Castrelos de esquerda e dereita e de dereita a esquerda dos lombeiros en ziguezague, pola esquerda chegarase ata o Río Arzoá, A Cavanca dos Mouros, O Castrillón, Camiño do Regueiro e A Cabeza, e pola dereira ata o Río da Veiga e Portugal, pasando logo polo medio da poboación, e continuar a norte cara á Faquiña para virar logo a oeste polo límite co Mourisco e pasando pola Chaira da Trapa, e volver a baixar cara o sur pola parte oeste de Castrelos, pola parte da Silva e Valcovo, limitando xa logo coa Arzoá e rematando na zona inmediata do Castrillón.

Estes son os topónimos recompilados:


Trambolosríos

A Louseira Vella

O Rouso da Louseira Vella

As Lascas

Muíño do Campelo

Preseira do Muíño do Campelo

A Sonlleira da Carolina

O Salto

A Louseira Nova

A Sonlleira

Os Porteleiros

O Pozo dos Porteleiros

A Fraga da Vela

O Uzal Novo

Camiño do Uzal Novo

O Campo das Covas

O Cavanco das Covas

A Viña dos Romeros

A Casa da Viña dos Romeros

Camiño da Viña dos Romeros

A Lameira dos Romeros

A Fraga do Curral

A Viña do Ferreiro

A Umbría

Camiño da Umbría

A Pedra Longa

Fragueiro da Pedra Longa

Camiño da Pedra Longa

A Pala da Osa

Camiño de Trambolosríos

A Touza da Valiña

O Regato do Enrique

O Xestal do Chamusquera

A Aira das Pedras

Camiño da Aira das Pedras

Preseira do Ferreiro

A Ribeira

As Touzas da Ribeira

Regueiro da Ribeira

O Silvaral

Camiño da Ribeira

Fontela do Silvaral

O Cavanco da Ribeira

As Queimadas

O Cucote das Barreiriñas

Os Amarroadeiros

Fontela dos Amarroadeiros

O Lombo da Igrexiña

O Arroxal

O Cavanco do Colmear

O Refervedoiro

Pozo do Refervedoiro

A Arganiza

O Prado do Pisón

Río Arzoá

A Touza dos Portelas

A Viña dos Portelas

A Lameira dos Portelas

Fontela dos Portelas

As Zarripas

Camiño da Arganiza

As Morgadas

Os Formigueiros

O Picote dos Formigueiros

Camiño de Formigueiros

A Cañada dos Formigueiros

O Lombo dos Formigueiros

Camiño do Porto

O Prado do Porto

As Touzas do Porto

O Porto

A Preseira do Porto

O Guiocho

Camiño do Guiocho

O Lombo dos Formigueiros

O Cotarón

A Chaira da Brea

Camiño da Brea

Mina de Portantigo

Portantigo

Os Prados de Portantigo

Camiño de Portantigo

Camiño das Colmeas

As Colmeas

Pozo das Colmeas

As Toleiras

Camiño das Toleiras

O Toutelo

A Fraga das Gándaras

O Xardón do Clemente

O Prado do Clemente

As Gándaras

Preseira do Pitarella

O Prado da Malladiña

A Malladiña

A Ladeira da Malladiña

As Hedras

O Enxame

A Entrada das Touzas

Os Avesedos

Río da Veiga

A Leira das Ferreiras

As Lameiras

Fontela de Castreleiros

A Chaira de Castreleiros

Camiño de Castreleiros

O Lombeiro de Castreleiros

Os Barrocos

A Estreitura

O Carballo

Camiño das Hedras

A Fragueira do Castelo

O Castelo

A Cavanca dos Mouros

O Castrillón

O Afreixo

Fonte do Afreixo

A Canteira

Valdepereiro

O Val do Crego

A Aguieira

As Encrocilladas

Valdedomínguez

Rodeira dos Bruxancos

Os Bruxancos

O Lombo dos Bruxancos

Pontón da América de Quiraz

O Fragueiro do Pozo do Lobo

Rodeira do Pozo do Lobo

O Pozo do Lobo

O Pozo do Eliseo

Valdequiraz

Pozo da Tía Comadre

Camiño de Valdequiraz

A Fraga do Corgo

O Corgo

Camiño do Corgo

A Chaira do Lombo

Os Tocos

O Cavanco do Cernado

O Cernado

O Cavanco do Cernado

Camiño do Cernado

Regueiro da Fonte

A Ladeira do Regueiro

O Rigueiro

Camiño do Regueiro

As Rabazas

Detrás da Cabeza

Camiño do Castrillón

A Cabeza

O Souto da Cabeza

A Cigoña

As Pías

Os Pradiños

A Mallada

Camiño da Mallada

O Val dos do Calleteiro

O Recosto de Alá

O Recosto de Acá

A Ladeira das Fontelas

A Fraga das Fontelas

As Fontelas

Fonte das Fontelas

Camiño das Fontelas

A Regada da Nogueira

Regueiro da Regada da Nogueira

Camiño do Liñarciño

O Liñarciño

Os Callostros

A Ladeira da Pingarela

A Pingarela

O Lombo do Souto

A Cañada do Lombo do Souto

Camiño do Lombo do Souto

O Redondelo

Fontela do Redondelo

Os Bagoeiros

A Ladeira do Cachón

A Fraga de Ferro

Alto da Chaira

Campo de Fútbol do Alto da Chaira

O Souto

O Ladeirón

A Callella

A Souteliña

As Viñas da Fonte

A Fonte

Camiño da Faceira

A Faceira

O Val da Hedreira

A Cancela

A Costa da Cancela

A Fonte da Aldea (A Fonte Vella)

Camiño da Fonte

Valdasnogueiras

Fonte de Valdasnogueiras

Camiño de Valdenogueiras

Os Pozos do Barro

A Chaira dos Pozos

A Cortiña das Figueiras

A Pasaxe

As Cortiñas da Costa

Os Nabales das Cotarelas

A Fonte Nova

As Cortiñas das Moureiras

O Barrio das Figueiras

Mina do Maestro

Igrexa de Santa María

As Cortiñas da Forxa

O Morete

O Barrio da Forxa

O Barrio do Calleteiro

As Cortiñas do Calleteiro

As Airas do Calleteiro

O Pinar

O Forno

Praza Diante do Forno

Praza Tras do Forno

O Barrio do Campo

Os Lagartos

Tras das Adegas

Camiño do Cabeceiro

O Lombo do Cabeceiro

A Canteira do Cabeceiro

As Hortas da Portela

O Pombal

O Barrio da Portela

O Barrio da Hedreira

O Barrio da Touza

As Cortiñas da Hedreira

O Lombo da Aira Vella

A Aira Vella

As Barracas

Camiño do Pardo

O Pardo

As Cortiñas de Barreiros

A Ribeira da Faquiña

O Regueiro da Faquiña

A Faquiña

Camiño da Faquiña

Os Prado da Insuíña

Muíño de Ladeirós

Camiño dos Prados da Insuíña

O Lombeiro da Insuíña

O Lombo do Porto do Espiño

A Viña do Carrera

A Chaira do Carril

O Lombeiro do Pinar

A Bouza

A Gorbia

Camiño da Gorbia

Camiño do Porto do Espiño

O Rouso do Carril

O Carril

A Chaira do Carril

Camiño do Lombo do Espiño

O Val da Vella

O Barreu

Val de Quiobros

A Chaira da Trapa

O Atallo da Portuguesa

O Cavanco da Silva

Camiño da Carba

A Carba

Regueiro de Barreiros

O Cavanco de Barreiros

O Lombeiro da Silva

Camiño de Castrelo de Abaixo (ou da Silva)

Valongo

Camiño de Valcovo

A Estouzada

Molina

Camiño do Muíño

O Lombo de Valcovo

O Cavanco de Valcovo

A Fraga Grande

O Lombo do Muíño

A Ladeira de Valcovo

A Regada da Bárbora

As Viñas do Lombo

As Leiras de Valdecorzas

As Viñas de Valdecorzas

Valdecorzas Arriba

Fontelas de Valdecorzas

Camiño de Valdecorzas

Muíño de Castrelo de Abaixo

Preseira da Presa

O Prado Novo

Río da Silva

Valcovo

A Chaira de Valcovo

Camiño de Valcovo

O Lomberio da Poula

O Regato do Caganinos

As Touzas do Muíño

A Pala

A Tapada

Camiño da Arzoá

Regueiro de Valdecorzas

A Ladeira de Valdecorzas

Camiño do Lombo de Berrande

O Lombo de Berrande

Camiño de Fonte Begosa

Fonte Begosa Arriba

As Viñas dos Papeleiros

Regueiro de Fonte Begosa

Camiño do Val de Crenchas

O Val de Crenchas


Algún topónimo non estaba inserido na base de dados, ou non era do todo correcto o nome, estas revisións serven para aclarar esa información obtida. Se observades algún erro ou imprecisión só é comentalo, agradécese.

Faltarán algúns sitios e moitos microtopónimos, nomes de lugares máis pequenos, de viñas en concreto, de leiras, de zonas do río, de fontelas, de construcións singulares, de camiños, de carrouchos ou mesmo de cachos que están dentro dos nomes máis coñecidos. Se sabedes dalgúns, e queredes, podedes aportalos.

Grazas, un saúdo.

Un contrabandista filántropo de rexo carácter

A continuar vaise escribir sobre parte da vida dun veciño singular de Castrelo de Abaixo, Daniel Reigada Pérez, alcumado o Tío Fona, que coma veremos máis adiante foi un contrabandista filántropo, afouto e cun carácter moi marcado.

Fotografía de Mari R. R.

Isto foi o que contaron del os veciños, as amizades e os familiares:


Era o dono do comercio e taberna da Forxa, en Castrelo de Abaixo, foi tratante de gando e o maior contrabandista da contorna. Seica antepuña a xente aos negocios. En cuestión de contrabando, e debido ao seu mal xenio, os veciños temíanlle, pero con respecto, máis a el que aos propios guardas civís (e iso que entón tíñaselle moito medo á guarda civil da época da ditadura franquista. Daquelas, e aínda hoxe, pola Raia, aos guardas tamén era frecuente que se lles chamara "os carabineros", nome herdado do Cuerpo de Carabineros, que vixiaban as fronteiras e o contrabando na España, desaparecido xa acabada a guerra no ano 1940 e integrado despois na Guardia Civil. Aos 'guardiñas' portugueses, Guarda Fiscal e mesmo a GNR (chamada e pronunciada como "llí-ene-erre") Guarda Nacional Republicana, non se lles tiña tanto medo, si á PVDE Polícia de Vigilância e Defesa do Estado ata 1945, que foi sucedida logo pola PIDE Polícia Internacional e de Defesa do Estado, unha policía política encargada da represión de calquer tipo de oposición da ditadura portuguesa do Estado Novo, tamén abranguían o servizo de estranxeiros e fronteiras, en Portugal eran mesmo de terror, por desgraza non desapareceu ata o ano 1969. Seu equivalente como medio represor no réxime dictatorial de Franco era a chamada Brigada Político-Social BPS, oficialmente Brigada de Investigación Social BPI, seica estivo asesorada mesmo pola Gestapo da "Alemaña Nazi", dependía do Cuerpo General de Policía, desmilitarizado e reconvertido no actual Cuerpo Nacional de Policía CNP, que ten a súa orixe directa na 'Constitución' de 1978, mais esta Brigada Político-Social non desaparecu ata a chamada 'Transición', sendo substituída xa ben entrada a 'Democracia' pola BCI Brigada Central de Información. Todos estes a Castrelos non chegaban, actuaba entón a guarda civil).

Na súa xuventude fora chamado a combater na guerra civil española no bando nacional dos sublevados. Estivo loitando na histórica batalla do Ebro onde foi ferido de gravidade nunha perna por metralla de fogo aéreo. No entanto, políticamente, sempre se definíu como socialista acérrimo, non había quen lle levara a contraria, "vós que sabredes!" dicía.

Era un defensor da xestión comunitaria do pobo, herdanza da tradición oral galego-portuguesa, dicía: "Eiquí sempre resolvimos as cousas chamando "a concello"".

Antes nos comercios adoitábase comprar ao fiado ao non se teren, moitas das veces, capacidade monetaria para se pagar, el esperáballes ao tempo das castañas para cobrar, deste xeito o Daniel axudaba á xente no que poider, veciños do pobo, veciños da contorna, veciños portugueses. Escoitouse falar ben del deste xeito ata a veciños da Chaira do Riós, moi afastada xa xeográficamente das aldeas da Ribeira do Riós, dicindo unha muller dalí que "daquelas o Daniel de Castrelo d'Abaixo quitou muita fame", dicían o mesmo nas aldeas portuguesas da raia, "o Daniel tirou muita fome".


Tamén din que pagou moitos billetes a América. A xente acudía a el para poder pagar a pasaxe, se non podían devolverlle os cartos ofrecíalles, se quixeran, para lle pasar contrabando durante un tempo pactado e saldaren así a débeda. Os beneficiados quedáronlle sempre moi agradecidos xa que doutro xeito nunca houberan podido emigrar.

Non era crente, "bó!, trapalladas!" dicía. O caso foi que un día na festa da padroeira de Castrelo de Abaixo, A Santa María, o 15 de agosto, día da Asunción, coñecéndoo, o 'crego' (chamábaselle mesmo así aquí aos curas), que xacando era Don Lisardo, 'peseteiro' (que lle gustan os cartos), contrabandista e mesmo mullereiro, desafiouno a que se atrevera a pasarlle a colecta, "o cepillo", na misa, e que repartirían despois a medias a recolleita, e, todo afouto, aceptou o desafío. Entrou na igrexa no momento da colecta, agarrou a cesta e foi pasándoa por onda todos os fregueses (seica escachaban coa risa xa que coñecían de sobra o seu xeito descrente), ata foi onda os que estaban no sagrado (chámaselle así aquí ao adro) fóra da igrexa. Un home non ía botar esmola, parouse, mexeuno polo brazo e díxolle: "Ei!, Ti índa non botaches!", respondeulle o veciño: "É que non teño solto", e díxo o Daniel ordeando: "Pois bota entón un billete!", e botoullo mesmo. Despois entrou na igrexa levando o cesto co diñeiro, tapándoo coa mau para que non se escaparan os billetes, e foi directo para a sancristía, o crego seica deixou mesmo de misar a metade da cerimonia e entrou correndo na sancristía, apañou o cesto e levouno para onda el no altar, érache ben desconfiado e avarento. Seica nunca tantos cartos se recolleran.

Coma contrabandista pasaba, como moito, café (Sical mormente), 'whisky' (J&B mormente) ou tabaco (Winston mormente), seica nin el nin os fillos aceptaron nunca, e repudiaron sempre, tanto o narcotráfico como a trata de persoas, coma cando se levaban portugueses para a Francia, deixándoos moitas das veces tirados a metade de camiño (esa ralea de xentuza eran contrabandistas sen escrúpulos nin moral).

Cando morreu, no día do seu enterro, onde aistíu unha multitude, só se ouvía falar: "Ai!, a cuanta xentiña axudou o Daniel!", "o Daniel quitouche muita fame", "cuanto axudou este home!", "o Daniel foiche mui boa persoa", e cousas semellantes.


Agora uns relatos do contrabando que teñen a súa parte de graza mais tamén a súa parte de seriedade e traxedia, mesmo dramáticas, xa que ocurriron en tempos moi difíciles, hai que velos coa perspectiva do contexto histórico do momento, unha posguerra, unha ditadura, a época da fame, a necesidade de supervivencia, os profundos cambios dunha comunidade labrega que esmorecía, que socialmente non estaba atrasada, ao contrario, nalgúns eidos, de coexión social, de respecto polo alleo, de cultura tradicional, de felicidade do individuo, era ben avanzada, un pobo en armonía, como din os vellos e vellas: "Antes non tiñamos moito mais erámosche felices", a xente seica ía cantando ás labouras do campo, había unhas regras non escritas que non eran violadas, herdanza da nosa tradición oral galego-portuguesa, funcionaba mesmo, estivo funcionando así durante séculos, coas súas tristuras e ledicias.

Ben, eis aquí os relatos:


O primeiro intitulado: Neste lugar sobra un dos dous.

Hai moitas historias e anécdotas de interese que contar del, maiormente relativas ao contrabando, como cando a guarda civil recibíu unha denuncia de que o Daniel tiña na casa un cargamento moi importante de contrabando.

Din que se presentaron no comercio da Forxa un capitán, varios sarxentos e un feixe de guardas. Seica revolveron todo o comercio, as adegas e a casa, e ata miraron no interior das almofadas e colchóns.

A súa muller, a Tía Dolores da Forxa, que era "unha santa", discreta, de carácter afable e moi sentida (cando morreu, no día do seu enterro ouvíase dicir ás mulleres: "Ai! Doloriñas, Doloriñas! Cuanta fame nos quitaches!"), choraba na cociña e el dicíalle refunfuñando:

- "Eló pra que choras?, muller!, se non morreu naide".

Non atoparon nada de valor, o máis que viron fora nunha adega unhas cantas peles de cabrito e un par de lingotes de cobre de contrabando, unha miseria en relación a todo o que en realidade tiña, o resto estaba ben agochado xa que sabía de antemao que o habían denunciado e que o ían a rexistrar, semella que sabía incluso quen fora o delator.

Mentres os guardas civís estaban reunidos falando entre eles, enviou a espreitar á súa filla pequena, a Xon, que aínda era unha nena, para que ouvira o que dicían e que logo llo viñera a contar. A meniña foi e escoitaba e logo ía contárllo todo. Nunha ocasión descubrírona e dicía un guarda en ton despectivo:

- "¿Qué hace aquí esta polilla?".

(Como anécdota comentar que, por mor de facerlles tanta graza este nome e circunstancia, dende entón a esta filla quedoulle o alcume da Polilla).

E outro dos guardas reprochoulle á rapaza:

- "Niña, ¿qué haces aquí?".

E ela, con ton enfadado, contestoulle:

- "Que vou facer ? -respondendo a unha pregunta con outra pregunta, unha característica enxebre da linguaxe galega-, veño buscar ó meu pai".

Ao que o guarda dixo cara aos outros:

- "Es de su misma raza".

Total, que o capitán chamou ao Daniel para interrogalo e púxose a esixirlle:

- "¿Dónde tiene usted escondido el contrabando?".

El levantábase con todo o seu mal xenio da mesa, arrastrándoa e todo, e dicindo:

- "Eu non teño nada!, cona!".

A filla pequena, que estaba agochada debaixo da mesa, tiráballe da perna e el calmábase e sentábase de novo.

Logo o capitán volvía a insistir:

- "¿Le digo que me diga donde tiene usted el contrabando?".

E o Daniel, levantándose de novo mais desta vez con calma, baril, e dicíalle todo serio en castelán:

- "Mi capitán, en este lugar sobramos uno de los dos".

(Quen vería ao capitán!)

Logo de non atoparen nada máis e dándose por vencidos o capitán chamouno de novo para que asinara unha acta de aprehensión polo pouco que lle colleran e díxolle:

- "¿Quiere que le lea el acta para firmarla?".

E o Daniel co seu mal xenio contestoulle con autoridade:

- "Non firmo nada que non houbera redactado eu".

O capitán ao ver o panorama ordeou chamar polo pedáneo do pobo que era o que tiña que asinar en caso de que o acusado non quixera. Chamaron ao pedáneo, que daquelas era o Trescadelas, e ameazárono de que tiña que asinar a acta ou senón iría detido para Verín, ao que o Daniel lle dixo:

- "Como se che ocurra firmar son eu o que vai ir a por ti non eles, da cárcel xa sairás".

E non asinou.

Entón díxolle o Daniel:

- "Non te preocupes que mañá estás fóra".

Vendo isto o capitán non lle quedou outra que ceder, chamando polo Daniel a parte e deixándoo redactar a el a acta. Fíxoo tal cual e devolveulla asinada.

Levárano detido para Ourense.

Alí o Daniel coñecía a xente influínte, os do Simeón, que saíron ao seu favor, e ao día seguinte estaba xa de volta para Castrelos parando antes en Verín para recoller ao pedáneo, o Trescadelas, que había sido levado detido para a vila. Saíu canda el e díxolle:

- "Xa che dixen que hoxe estarías fóra".

No final de toda a historia as autoridades puxéronlle unha multa, acho que foran cento oito pesetas daquelas, unha miseria en comparación co enorme cargamento de contrabando que tiña. Pagounas con gusto.

E aí quedou o conto, co seu temperamento irreductible e co negocio ben feito.


E o segundo relato intitulado: Pau, cenoria.

Logo había máis historias, coma outra que contaba que entre o Daniel e os fillos, estaban o Pepe e o Ghenete, tiñan un camión Ebro cargadiño de caixas de figuras de porcelana de contrabando xa listas para írenllas entregar a un comprador castellano.

O caso é que, outra volta, foron denunciados ante a guarda civil. Unha parella de guardas de Castrelo de Cima viñan xa pola Chaira da Trapa para logo coller pola Gorbia, pola parte de atrás de Castrelo de Abaixo, e un veciño víunos e deu o aviso.

O Pepe e o Ghenete apresuráronse a saír co camión a toda présa pola outra entrada de Castrelos, polo Calleteiro. Aínda non chegaran alí cando un veciño chegou correndo a informalos de que os gardas deberan ver algo raro e deran a volta para entrar por onde eles ían.

De súpeto puxéronse a descargar o camión coa axuda de todos os veciños, cadaquén agochaba como podía unha caixa na súa casa, seica voaban (unha mostra de axuda comunitaria). O caso é que en poucos minutos cando chegaron os guardas ao Calleteiro o camión estaba totalmente baleiro.

É lóxico que os guardas desconfiaran, preguntando onde estaba o contrabando.

O Daniel apareceu en escena e díxolles:

- "Ben sei que a vós que vos mandaron, tendes que facer o voso traballo, polo tanto tomai un saco de café para que non vaiandes cas maus vacías, e se queredes tomar e comer algo vinde polo comercio".

Déullelo saco duns poucos quilos de café e os guardas foron a comer algo e a tomar un viño ao comercio da Forxa e coa mesma marcharon para Castrelo de Cima ata case que agradecidos.

(Coma o burro do xitano para que andivera, pau, cenoria).

Logo o Pepe e o Ghenete volveron a subir as caixas ao camión e marcharon tan campantes a levar o cargamento de contrabando ao seu destino.


Máis un relato de cando salvou a uns 'atracadores', intitulado: Esperade eiquí que vou eu.

Nunha ocasión, o cabo e os guardas de Castrelo de Cima viñeran á Forxa onda el para pedirlle un favor. Foi na época da posguerra.

Seica se dicía que nunhas covas dunhas fragas que había polos Bruxancos estaban agochados os que a xente lles chamaba "os atracadores" (que en realidade eran fuxidos da guerra ou poida que tamén houbese algún guerrilleiro da loita antifranquista, os menos).

O caso é que os guardas non se atrevían a ir sós na procura dos 'atracadores' porque podían ter armas, e, coñecendo o carácter afouto do Daniel pedíronlle se os acompañaba. Nun principio non aceptou, dicíalles:

- "Como?, primeiro andandes tras de min e agora vindes a que vos acompañe?. Non vou".

Eles insistiron tanto que se lle ocurríu unha idea para ir e aceptou entón.

Foron cara aos Bruxancos e, por Castreleiros, antes de chegar ao lugar do suposto campamento dos 'atracadores' o Daniel díxolle aos guardas:

- "Esperade eiquí que vou eu".

(Eles encantados).

Foi, entrou, estivo un rato e saíu. A idea que se lle ocorrera fora de avisar aos fuxidos. Seica entrou no agocho, víu a estes no interior e díxolles:

- "Estanvos alá arriba os guardias, fuxide d'eiquí".

Ao chegar onda aos guardas díxolles con ton case de enfado:

- "Aí non hai naide!".

Esa foi a maneira de que os gardas marcharan e os fuxidos se libraran de seren apresados.


E para ir rematando vaise relatar unha historia moi emotiva, de tristeza, de alegría e de esperanza, que contou a Chela do Brasil, a sú filla (cando o estaba contando os ollos víanselle vidrados).

Ben, o caso foi que unha veciña de Castrelo de Abaixo, a Elena, quedara viúva, o seu marido fora o Emilio, e quedara 'soa' nada menos que con tres fillas pequenas, naqueles tempos!, imaxinade!.

Ela foi onda o Daniel e díxolle, intúese que con vergoña e humillación:

- "Non temos nada pra comer, podíasme deixar levar algo a fiado do comercio e págocho logo co que me den polos xamós?".

O Daniel seica lle dixo con respecto e admiración:

- "Colle todo o queiras, e se non hai dío, que cho buscamos. Vós comigo fame non pasais".

E así aconteceu mesmo.

Por causa do destiño e pasado moito tempo o Daniel viaxou ao Brasil para visitar aos seus fillos e netos e bisnetos que vivían alá, daquelas en Santos, que era o porto de chegada dos navíos procedentes de Vigo, que xunto co da Coruña eran os portos de saída da emigración galega cara América. E foron facerlle unha visita á Elena. Ela había emigrado tamén para o Brasil, daquelas non quedaba outra, e vivía mesmo en Santos, as súas fillas xa eran maiores, a grande era do mesmo tempo ca Chela, e tiñan contacto con esta coma bos veciños de Castrelos que eran.

E contábanos a Chela con bágoas nos ollos:

- "Olla!, no tempo que nós estivemos lá!, ela estuvo chorando todo o tempo!, abrazada só ao papá, e falaba: -"Hai Daniel! Daniel! Se non fora por ti nós non estábamos xa aquí!"".

Hoxe a Elena xa faleceu e as súas fillas viven moi ben no Brasil. Quedoulle eternamente agradecida. Vólvese a dicir, un relato moi emotivo, ao ouvilo, ao pensalo, ao escribilo e ao lelo. Impresionante!. Fermoso!.


E así moitos máis contos do contrabando, dos dramas e doutras historias reais, algunhas case míticas, non só do Daniel senón que doutros veciños e veciñas de Castrelo de Abaixo tamén, uns heroes e heroínas de antano, unhas nova "Ariadna esposa de Dioniso filla de Minos rei de Creta fillo de Zeus e de Pasífae raíña de Minos filla de Helios", uns novo "Ulises esposo de Penélope fillo de Laertes e pai de Telémaco" de Ítaca, uns novo "Mil Espáin conquistador de Éire sobriño de Ith neto de Breogán bisneto de Brath" de Brigantia, uns novo "Don Quixote de la mancha" de Seabra de cuxo nome non quero lembrarme, uns novo "Áragorn fillo de Árathorn e de Gilraén e chámanlle Élessar Pedra de Elfo herdeiro do fillo de Ísildur señor dos Dúnadan herdeiro do trono de Góndor alcumado Trancos capitán dos Montesíos do Norte" que dicía: "Non sirvo a ningún home, mais persigo aos servintes de Sauron en calquera lugar que se atopen", que se irán contando a medida que se poidan recoller.

Moitas grazas aos seus familiares, veciños e amigos pola información transmitida e o seu permiso para seren recollidas e divulgadas. En especial á Xon do Riós e á Chela do Brasil por contárennos historias súas, ao Toño e ao Julio que aínda teñen máis que contaren, ao Ghenete do Brasil, ao Pepe que xa non está, á Chiqui que nos pasou a fotografía del, ao Lois que nos animou a recoller as historias do seu bisavó e do seu avó, á Marga por nos alentar, e a todos os que participaron contando ou ouvindo.

Desculpade polos posibles erros ou imprecisións.

Adicado á memoria do Daniel da Forxa, é de xustiza merecida, e á súa esposa 'Doloriñas', sen ela nada sería igual. Que saibades que, dende o Brasil e a Galicia, aos vosos bisnetos e bisnetas, e non só, encantoulles e encantaralles escoitar contar estas historias túas, foron eles un dos porqués desta narración.

Fotografía de Mari R. R.
Saúdos e ata a próxima.

Uns seres mitolóxicos

A mitoloxía en toda Galicia é moi rica, está chea de personaxes e animais fantásticos, cada un con características singulares, no entanto non hai moitas recollas en Castrelo de Abaixo, habería de se pescudar máis neste eido preguntando aos veciños máis vellos. Polo de agora estes son os seres mitolóxicos que se teñen recollido:


O Pai das Zocas:

Era un ser que tiña a facultade de provocar o trono e o trebón ao andar coas zocas pola cima das néboas, nubes, non dos neboeiros, sería entón a mesma ou similar figura que á que chaman noutras partes de Galicia O Tronador, O Tronante, O Nubeiro ou poida que O Escoler, con certos matices.

Cando viña unha treboada acendíase unha vela e queimábase loureiro, Laurus nobilis, bendicido no Domingo de Ramos, e recitábase unha oración a Santa Bárbora:

"Santa Bárbora bendita,

que nos ceos estás escrita,

nun papel de auga bendita.

Guarda o pan e guarda o viño

e guarda a xente no camiño.

Santa Bárbora bendita,

líbranos de raios e centellas

e de mortes repentinas."


Os Mouros:

Os de Castrelo de Abaixo din que habitaron en tempos na Cabanca dos Mouros (o lugar é un destacado outeiro cun profundo curte no terreo ao norte coma se fose un foxo, na parte alta do cimo pode que houbera habitación humana onde se ven entullos de muros antigos, hoxe este lugar está catalogado coma unha mina romana de explotación de ouro). Eran temidos, a xente aínda tiña medo de pasar por alí.

Estes personaxes son dos máis comúns en Galicia, non teñen nada a ver cos musulmáns que habitaron na Idade Media na Península Ibérica senón que na meirande parte dos casos fan referencia a outras culturas desaparecidas da antigüidade (da Prehistoria, da Idade do Bronce, castrexos, romanos, da Alta Idade Media). Dise que habitaron ou aínda habitan baixo terra en determinados lugares destacados coma castros, mámoas, dolmes, penedos con petróglifos, penedos singulares ou lugares onde aparecen restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas. Seica teñen a pel escura (ao contrario cas mouras que adoitan ser loiras, cos ollos azúis e fermosas), tamén son portadores de enormes tesouros. Interactúan cos seres humanos pedíndolles que lles ceben un porco ou outras encomendas relacionadas coa facenda ou co campo a cambio da promesa de facelos ricos pero pedindo sempre algo a cambio que adoita ser que se garde o segredo de haber pactado con eles, se non se cumple, que é a meirande parte das veces, bótanlle unha maldición xa que teñen poderes máxicos para facelo. Cando aparecen tellas, normalmente de época romana, ao arárense as leiras coas vacas dicíase que era que se estaba afondando moito a rella e se levantaba o tellado das casas dos mouros ao crerse que habitaban por baixo. Ás veces tamén baixaban á feira de incógnito. Á comunidade dos mouros chamábaselle "A Mourindá". E máis singularidades. Isto contado así a grandes trazos.


As Mouras:

En Castrelo de Abaixo aínda non dimos recollido ningunha lenda sobre As Mouras, póñense por seren un dos eixos principais da mitoloxía galega, seguirase pescudando, de certo que as hai.

Eran mulleres moi fermosas, mozas casadeiras, de longos cabelos loiros e de profundos ollos azuis. A súa raza era distinta da dos mouros. Adoitaban aparecerse penteando os seus cabelos dourados a carón das fontes, dos ríos ou das penedas e lugares de paisaxe moi bela. Tiñan moita riqueza e poderes sobrenaturais. Algunhas chegaban a casar con veciños que se namoraban delas. Nas lendas de mouras sempre había unha moral que aprender (avaricia, envexa, egoísmo, agradecemento, discreción, humildade, afouteza). Tamén podían trasnformarse en serpes aterradoras que se o ser humano cumpría co pactado volvían estas á súa forma de moza fermosa ceibándoa do encantamento e casándose con ela. Nalgúns casos aparecíanselle aos mozos que viñan de facer o servizo militar e comezaba así a historia. Nunha interesante lenda de Medeiros, resumindo, xa que o conto é máis longo, a moura dálles aos veciños, en agradacemento por habela mantido durante un ano, comendo un xato diario, unhas sementes para plantar, non era nada menos que as primeiras sementes da vide, de tantísima importancia coma a memoria milenaria mitificada dos inicios do viño na rexión.


O Trasgo:

É un personaxe burleiro, cambia as cousas de sitio nas cociñas, fai barullos pola noite, métese nas cortes da facenda a axotala, ponse enriba do peito das persoas pola noite na cama e non os deixa durmir, tamén ten a facultade de se transformar noutros animais. Fai estragos pero sempre sen producir danos graves, só molestias.

Noutras zonas de Galicia coñécese como Trasno, hai outras figuras, pero diferenciándose as trasnadas, coma O Tardo que era o que se puña na cima do peito e non deixaba durmir, e O Abelurio, e O Diaño Burleiro, e O Tártalo e aínda máis, cada un con matices propios.

Había un conto que daban como certo, dicía que o avó da Carmiña da Pena do Souto, que era de Castrelo de Abaixo, ía unha noite en dirección ao sagrado (en Castrelos chámanlle así ao adro da igrexa) cando víu un carneiro por riba dunha parede. Pensou que sería dun veciño e foi a collelo para levarllo. Ao chegar onda este e ir a apañalo, o carneiro pegou un brinco e saíu voando por cima do sagrado ríndose a gargalladas: "Ha-ha-ha-ha", ao que o avó da Carmiña dicía: "Ai oh!, eu pensaba que era un carneiro e érach'o trasgo" (seica voaba porque dicían que non podía pisar sólo sagrado).


A Cruz:

Din que consistía nunha procesión de ánimas de defuntos que saían pola noite a andar polos camiños. Levaban unha cruz diante (daí o nome da Cruz) que sempre portaba un vivo, este ao día seguinte levantábase todo esgotado da cama sen se lembrar de nada, ía enfraquecendo aos poucos, ata que a xente ao velo tan fraco murmuraba: "Este débeche andar coa cruz". Se un vivo se atopaba coa procesión e era visto polos defuntos, este acababa tendo que relevar ao outro vivo que portaba nese momento a cruz, se non o vían librábase delo, tamén dicían de facer un círculo cunha cruz no seu interior riscado no chau e meterse dentro para se protexer.

Se unha persoa tiña que andar polos camiños pola noite, ao chegar preto dunha aldea botaba un aturuxo, "ei-ei-ei-eiiii", para que os veciños souberan que era un 'cristián' e non unha ánima.

Chámaselle aquí á figura similar con matices que noutras partes de Galicia se coñece como A Estadea, A Estantiga, A Estadeíña, A Hoste, As da Noite, A Antaruxada, A Pantaruxada, A Procesión de Ánimas, A Rolda, A Roldiña, A Xaira, A Sociedade do Oso, O Enxamio, A Compaña, e outras, no entanto a máis coñecida é A Santa Compaña.


As Bruxas:

En Castrelo de Abaixo non se teñen recollido moitas historias das bruxas, só algunha referencia escasa, de certo que as hai.

No tocante á crenza nelas, en galego díse "habelas, hainas" e en portugués "que as há, há".

Na mitoloxía cristiá dise que as Bruxas tiñan maldade e facían pactos do Demo. Mais ao que se lle adoita a chamar bruxa na tradición oral galego-portuguesa non se corresponde sempre con esta definición, serían máis ben As Meigas, eran ou son mulleres reais e sabidas, mais con algunhas cualidades mitificadas: Feiticeiras, curandeiras, vedoiras, coñecedoras das propiedades medicinais das herbas, sincretizando estes coñecementos transmitidos e empíricos con crenzas, oracións e ritos relixiosos, algo así coma unha 'xamán' (máis un apuntamento curioso: Un dos indicios que agoiraban que unha persoa ía ser vedoira, home ou muller, consistía en que esta falaba xa aínda no ventre materno. Un caso relatado na obra "La aldea gallega" de Nicolás Tenorio, natural de Huelva, libro que narra as súas vivencias a comezos do seculo XX como xuíz na bisbarra da Viana do Bolo de entón, fascinado, ao ser de fóra de Galicia, polas singularidades que víu. O asunto, resumido, é que viña a contar que en Camba de Laza había un vedoiro que tiña moita sona, que cando a mai estaba grávida del estraviáranselle unhas tixeiras e o neno non nato dicíalle dende o útero: "Mira na gabeta da mesa da cociña que alí che están", seica estaban alí mesmo). Estas bruxas reais mitificadas da tradición oral non facían entón o mal senón que axudaban á xente. En Castrelo de Abaixo coñecíase á "Bruxa de Quirás" (haberá de se pescudar máis desta singular muller).

Contárannos o caso dunha muller vella de Castrelo de Abaixo, non era bruxa como tal mais tiña cualidades sobrenaturais, dicían que che facía dano coa vista. Se pasabas por onda ela e mirábala aos ollos esta facíache dano coa mesma mirada aínda sen pretendelo, consistindo este dano en mal de ollo, mal fado: Doenzas, estragos nas colleitas, morte de facenda, dano físico.


O Bichorro:

Dicían que era coma unha 'culebra' pero non tan longo e de corpo groso, tiña a pel de cor negra brillante e era velenoso (non se corresponde con ningunha especie de réptil coñecida aínda que se intúen retallos dalgunhas coma o de corpo groso que se correspondería co Escóupolo, Anguis fragilis, ou que é velenoso coma o Bicho de cordón, Bicho de coller, Bicho da'scada ou mesmo tamén chamada Bichorro, Vipera latastei, a cor negra non é rara nalgunhas especies de colúbridos coma algúns exemplares melánicos da Cobra de auga de colar, Natrix astreptophora, e outras, tamén a outra Víbora de Seoane, Vipera seoanei). Polo inverno metíase debaixo da terra, onde engordaba máis e morría ao non poder mexerse. Logo tiña a cualidade de resucitar na primavera (unha mestura de rasgos de animais reais e cualidades imaxinarias).


As Serpes Voadoras:

Dicían que había unhas 'culebras' que tiñan a facultade de poder voar e que cantaban como as pitas.

Nalgunha zona próxima, coma no Tameirón ou Parada da Serra, da Gudiña, dicíase que as cobras ao íren vellas saíalles nas costas unha especie de par de cunchas a xeito de ás coas que podían voar e ían a morrer ao monte Larouco (unha montaña sagrada, unha porta ao Alén e ata un propio Deus indíxena asimilado polos romanos ao mesmo Xúpiter segundo dúas aras romanas atopadas en Vilar de Perdizes e Baltar, e máis outra en Santo Antonio de Monforte - Curral de Vacas, e existe o que se supón unha representación en pedra deste deus na igrexa de Vilar de Perdizes. Desde Castrelo de Abaixo tamén se vé este mítico monte cara poñente).

Unha vez un cazador contou como certo que un día índo de caza coa escopeta se atopara no monte cunha 'culebra' grande subida no alto dunhas gallas dunha árbore ao pé dun camiño, ao ver vir a este, a serpe botou un chouto e saíu voando, o home dicía: "e cantaba como as pitas".


As Alpabardas:

Inclúese aquí estes seres por seren imaxinarios mais non forman parte da mitoloxía mesma, pertencen a unha brincadeira tradicional para enganar aos incautos.

Adoitábase dicirlle aos rapaces ou aos forasteiros: "Tes que ir buscar as alpabardas", "estanche por tal sitio polo medio das carqueixas", "tes que ir de noite e en silencio para atopalas", "se te oen escapan", "están moi ricas", "abundan moito, mais o difícil é atopalas", "ao collelas tes que metelas nun saco" (e facíanlle levar o saco), e mentiras semellantes. Mentres o incauto ía na procura das alpabardas os outros escachaban coa risa. Cando chegaba e lle preguntaban se collera algunha alpabarda dicía o lóxico: "Pois non vin ningunha", e estes contestábanlle: "Claro!, fixeches ruído" ou: "Pois elas por aí andan", e deixábano así crendo que de verdade existían.

Noutras partes de Galicia estes seres imaxinarios son coñecidos con outros nomes, ou mesmo seren doutra raza, coma Os Meimós (no Riós), Os Biosbardos, Os Cazabellos, Os Cocerellos, Os Gazafellos, alguén tamén incluía As Póutigas, mais estas si que existen, son unha planta parásita das cistáceas sen clorofila, carnuda e de cores amarelas e encarnadas, son mesmo difíciles de atopar ao estaren preto do chan entre a vexetación, búscanse porque son comestibles, a especie é Cytinus hipocistis.

Tamén estaba o dito "andar ás alpabardas", e mesmo "andar ás póutigas", en alusión a estar distraído ou aparvado.


E de seguro que aínda hai máis seres mitolóxicos que se tratarán de ir recollendo e divulgando.

(As fontes consultadas foron directas da miña avóa materna, a Tía Dominga das Figueiras, transmitidas oralmente xa vai motísimo tempo, que foi quen sementou a pasión pola tradición oral galego-portuguesa, o profundo respecto pola Natureza, e non só; do Toño da Guada, tío avó meu, que inculcou moitas destas cousiñas, el era de Passos; de ouvir entón os contos ao meu pai, o Pepe; das frecuentes preguntas á miña mai, a Anita; dos contos da Carmiña da Pena do Souto; das preguntas aos tíos do Brasil, a Chela e o Orlando, tamén á Xon do Riós; de ouvir falar a outros veciños de Castrelos coma o Toñito, e máis que non lles sei o nome, desculpade; de ler e conversar co etnógrafo e escritor José Rodríguez Cruz da Gudiña; das recollas de lendas de transmisión oral do antropólogo cultural e escritor Bruno Rúa Martínez de Verín; de escoitar as conferencias e preguntas sobre patrimonio coa arqueóloga, investigadora e historiadora Nieves Amado Rolán de Laza; do interese mostrado e conversas con Ana Prado Gago de Castrelo de Abaixo, sobre información transmitida pola súa avoa, a María do Xena, que seica foi unha profunda coñecedora das plantas medicinais e as súas propiedades como remedios naturais no eido da tradición oral; alén doutras fontes documentais. Agradécese mesmo a todas e todos polo aportado).

Un saúdo a toda a xente e grazas por interesárdesvos, isto é voso.