martes, 31 de agosto de 2021

Imos Aleilar

XXXVI Xuntanza Internacional de Gaiteiros en Monterrei (Ourense)

https://m.youtube.com/watch?v=rzQX41b2qic

Neste vídeo aparece un grupo musical de Pontevedra chamado Clave de Fado, coa súa vocalista Iria Estévez, que na XXXVI Xuntanza de Gaiteiros en Monterrei, entre outras pezas tradicionais, interpretaron unha cantiga de sumo interese para Castrelo de Abaixo.

Trátase das cantigas de 'Aleilar', na presentación chámanlle "cántigo de aredaledou" que en Castrelos consistían en irlle cantar, aleilar, dende este lado do monte, aos portugueses de Vilarinho e Quiras que estivesen do outro, usaban así o ecoar, a reverberación, das montañas e o val para potenciar o són do canto da voz humana (en simbiose coa Terra), eles respondían á cantiga con outra cantiga (intúese que en portugués).

Segundo se di no vídeo, istos cántigos de aredaledou, son propios das zonas do Riós e A Gudiña e chegan ata Manzaneda, cantados por pastores entre dous montes (o aleilar de Castrelo de Abaixo non era só propio de pastores, tamén era cantado por labregos, e incluso cantado por simple divertimento, seguramente que máis ben cousa de mozos ou mozas cando non tiñan tarefas que facer: "Vámoslle aleilar ós portugueses ó Alto da Chaira").

A presentación ocorre no minuto 45:00 do vídeo por parte do musicólogo Xosé Lois Foxo. A cantiga comeza arredor do minuto 55:45.

Vai tempo que se leva preguntando a veciños de Castrelo de Abaixo por se se lembrasen da letra dalgunha cantiga de aleilar mais polo momento non se deu coas persoas axeitadas que souberan dalgunha. Pode ser que as mulleres de maior idade sexán as portadoras deste coñecemento. Haberá de seguirse pescudando neste eido.

Se coñecedes ou sabedes quen poda coñecer algunha destas cantigas é de interese mesmo que o compartades para tratar de recollelas e que non se perdan para sempre, se callar (non entanto están as recollas das cantigas do Riós no libro do propio Xosé Lois Foxo: "Cancioneiro das Terras de Riós", vai tempo seica tamén andivo pola zona recollendo cantigas Ramón López, hoxe do grupo de música tradicional Candaira, xunto con outros integrantes do grupo de música e baile tradicional Birimbao cando aínda existia, como Anxos Airavella).

Grazas a Rafa Castro, gaiteiro e moito máis, que nos pasou a información.

luns, 30 de agosto de 2021

O Entrúido en Castrelo de Abaixo

A celebración do Entrúido en Castrelo de Abaixo ocorría dende o Xoves de Compadres ata o Martes de Entrúido. Contaban que daquelas a súa poboación era relativamente abondosa, que había moita 'mocidá', dicíanque aínda máis que en Castrelo de Cima, a pesar de estar alí a casa reitoral, o posto da Guarda Civil, ser unha meirande parroquia e haber pretendido constituírse coma concello polas primeiras décadas do século XIX. Había certa rivalidade con algunha poboación veciña, sobre todo nas festas, por exemplo cos de Berrande, aos que os mozos e mozas de Castrelos lles chamaban de forma burleira "Os da chaqueta rachada". Nas festas había boa relación en xeral coas aldeas da veciñanza, A Arzoá, A Silva, O Mourisco, Castrelo de Cima, A Veiga do Seixo, Sampaio, Santa Comba de Baroncelle, Moialde e as veciñas portuguesas da Cisterna, Vilarinho de Lomba, Quiraz, Edroso e Pazos de Lomba. O Entrúido era unha festividade máis íntima de cada aldea onde en todas sempre se facía algo.

Nestas celebracións do Entrúido había unha loita de sexos na que os homes botábanlle cinsa ás mulleres e viceversa (non se botaba fariña nin farelos xa que non había suficiente e reservábase para o consumo propio ou da facenda) e enzoufábanse as caras entre eles con borrallo do forno, das lareiras e dos potes (non confundir co borrallo dos camiños, chamado así nesta zona á poeira). Isto acontecía durante todas estas datas con maior incidencia nos días máis sinalados: No Xoves de Compadres, no Xoves de Comadres, no Domingo Gordo e no Martes de Entrúido.

No Xoves de Compadres as rapazas e mozas facían un boneco ao que chamaban O Compadre, o ritual consistía en querer queimalo e os rapaces e mozos tiñan que tratar de impedilo.

No Xoves de Comadres eran os rapaces e os mozos os que facían a boneca, A Comadre, e as rapazas e mozas tiñan que tratar de que eles non a queimaran.

Entre todos facíase un meco ao que chamaban O Entrúido, normalmente con roupas vellas recheado con pallas e unha carauta. Durante os días grandes dos festexos: No Domingo Gordo e no Martes de Entrúido maiormente, subíano ao alto dun carro e paseábano por toda a aldea e os veciños ofrecíanlles viandas e viño. Tamén se desprazaban a outras localidades da veciñanza co carro e co Entrúido, ían ata O Mourisco, Castrelo de Cima, Santa Comba de Baroncelle e Moialde, non ían á Arzoá, nin a Sampaio, nin á Veiga do Seixo, si que pasaban pola Silva pero de camiño a Santa Comba e Moialde, non pedían viandas, só era unha forma de reafirmárense como mocidade ante outras comunidades veciñas. Ao carro apretábanselle as treitoiras para que cantase máis, era tirado polos Vellarrós (máscaras disfrazadas de vellos) e no alto ían subidas as Madamas (mozas vestidas con roupas bonitas), acompañábaos tamén xente disfrazada coas Mascaritas ou mesmo sen disfraz.

Personaxes do Entrúido:

Os Vellarrós (Vellarrón en singular): Parodiaban aos homes vellos, ían adobiados con máscaras feitas de pelica, tea ou cartón duro, e disfrazados con roupas vellas de home improvisadas, tamén adoitaban por un coxín nas costas a modo de xiba e levaban un caxato para camiñaren dobregados. Unha das súas misións era acompañar ao carro do Entrúido, tamén ían polas casas pedindo viandas e os veciños dábanllas sen coñecerse nunca a súa identidade.

As Vellarronas: Similar aos Vellarrós só que desta volta parodiando ás mulleres vellas e disfrazadas delas, era frecuente que os homes se vestiran tamén de Vellaronas.

As Madamas: Rapazas e mozas que se vestían con roupas elegantes, adoitaban botar unha colcha por riba dos ombreiros, se callar a mellor que se tiña na casa, tamén se pintaban os beizos e a cara con coloretes nas meixelas, non levaban alfaias ao non se teren nas casas humildes.

As Mascaritas: Eran disfraces que consistían en porse roupas improvisadas e carautas de pelica, tea ou cartón duro, diferenciábanse dos Vellarrós e Vellarronas porque estas non cumprían a función de parodiar aos vellos, non actuaban, o que si era é que ían percorrendo os Fiadeiros que xurdían polas noites nas lareiras ou no forno calquer día dos festexos.

Os Cigarrós (Cigarrón en singular, distinto aos de Verín máis co nome seguramente que da súa influenza, tamén se ouvíu chamarlle así a uns personaxes con chocallos, carauta e zamarra, máis rudimentarias e menos elaboradas que as verinesas, no entanto non se sabe certo desta máscara) ou Vellarois (Vellarrón en singular, non confundir cos outros Vellarrós propios) de Castrelo de Cima e da Veiga do Seixo: Eran uns personaxes que viñan de visita dende estas dúas localidades veciñas, tiñan un traxe moi elaborado e vistoso, cunha camisola de felpa enfeitadas con fitas ou papeis de cores, cun deseño en triángulo invertido, igual que os calzóns tamén de felpa e enfeitados con fitas, nas pernas levaban unhas polainas de couro negro, nas maus unhas luvas brancas, unha faixa branca á cintura e un pano tamén branco ao pescozo, unha máscara de home feita de cartón duro con cellas pintadas e barba ou bigoteira de lá de ovella negra, cun branco dentame, con nariz e orellas moi grandes, enriba da cabeza levaba unha especie de pucho feito con vímbios aos que lle colaban papeis de cores cunha masa feita de farelos, levaban un cinto con esquilas que facían soar aos choutos e movementos da cintura, espantaban así aos rapaces, tamén portaban un 'farrampo' a modo de tralla ou zamarra, que se asemellaba a un mallo, feito cun mango de pau e unha tira de coiro, ás veces forrada de tea de saco de esparto, no entanto eran unhas máscaras fustigadoras á vez que petitorias, ás veces pedían viandas, ás veces eran acompañados por unha Madama e un Farranpón (persoa disfrazada que se ocupaba de recoller as viandas nun cesto), dicíanlle así ao seu paso "Vello, vello, Vellarrón, mete os cartos no bolsón !" (personaxe moi ben recollido e documentado nas obras de Xerardo Dasairas de Verín "O Entroido en Terras de Monterrei", e José Rodríguez Cruz da Gudiña "Mitos, crenzas e costumes da raia seca. A máxica fronteira galego-portuguesa". Esta máscara é a día de hoxe o emblema do entroido do concello do Riós. En Castrelo de Cima tratan de recuperala con todo o seu ritual orixinal). http://monterreicultura.blogspot.com/2015/01/os-vellarrois-veiga-do-seixo-e-castrelo.html https://www.osil.info/nos-dominios-do-vellaron/

No Domingo Gordo íase á misa de mañá. Un apuntamento, estas máscaras e personaxes sempre respectaban o eido sagrado.

No Martes de Entrúido só se adoitaba traballar pola mañá, pola tarde tíñase música e baile, un gaiteiro, normalmente O Gaiteiro de Castrelo d'Arriba, unha caixa, acho que viña un veciño de Barxa, e un bombo, O Bombeiro de Santacomba, rematábase a festa co bouramento a paus e queima do Entrúido pola noite na praza onda Ó Forno, eixo central de todos os festexos e rituais profanos.

Como é de lóxica, todos estes actos eran festexados pola tardiña ao remate das tarefas do campo e ao acomodárese a facenda, a non ser o Domingo Gordo que xa era o día propio de descanso, se non había traballos pendentes, máis o Martes de Entrúido pola tarde, e, o dito, o lugar de reunión sempre era ao redor do forno comunal (tamén cando se chamaba a concello e cando se reunían no Fiadeiro que as máis das veces se facía aquí no interior do forno e outras nas lareiras).

Non se sabe se na época da guerra civil española se celebrou o Entrúido (indagarease no tocante). Durante a ditadura franquista non estaba permitido pero seguíuse facendo ás agochadas das autoridades.

Na actualidade seica algúns mozos e mozas de Castrelos aínda fixeron o meco do Entrúido, iso si, con menos elaboración, e queimárono no Martes de Entrúido.

Estas máscaras e costumes seica non son exclusivas de Castrelo de Abaixo, hóuboas ou hainas con variantes en moitas aldeas da contorna e aínda máis lonxe, de certo que cunha orixe común.

Unha tradición a recuperar na súa totalidade.

domingo, 22 de agosto de 2021

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo

REVISADO E AMPLIADO

O 15 DE SETEMBRO DE 2021

A continuar imos pór uns nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo e publicados no seu día no blog Verín Natural, alén de máis aportacións.

Isto é o que se recolleu ata o momento:


Insectos:

Barrosiño, Coccinella septempunctata, coccinélidos, dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

polas calles de Lisboa

que che hei dar pan e cebola".

Na Arzoá dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

que ao parar na miña casa

heiche dar pan, viño e cebola".

Fedegosa, insecto hemíptero, a especie máis coñecida é Nezara viridula, cheira moi mal

Faldracadela, insecto dermáptero, a especie máis coñecida é Forficula auricularia, dicían que se se che metía unha Faldracadela nun ouvido quedábase un xordo, non é certo, é só unha crenza infundada

Bicho relumbrón, lampíridos, a especie máis coñecida é Lampyris noctiluca, emiten luz pola noite, bioluminiscencia

Carballesa, Mantis religiosa, Empusa pennata, dicíanlle así:

"Carballesa pon a mesa,

pona alta, que se vexa".

Cabra louca, Gerris lacustris, andaban nos pozos de rega

Vaca loura, Berberomeloe majalis, tamén Physomeloe corallifer ao aparecer esta especie rara na zona

Polboretas, lepidópteros, bolboretas en xeral, tanto ás nocturnas coma ás diurnas, nunca atopamos nome específico para calquer especie de lepidóptero dada, existía a crenza de que ao rondar unha Polboreta nas luces do interior da casa pola noite era sinal de que en breve se ía recibir unha carta

Morrión, morriós en plural, larvas de lepidópteros, eirugas de bolboretas, poida que tamén outras eirugas de insectos, tamén sinónimo de verme, é exemplo: "os morriós das mazás"

Gaiteiros, odonatos, libeliñas e cabaliños do demo indistintamente

Escarabellos, coleópteros

Avésporas, himenópteros

Saltón, saltós en plural, ortópteros a escepción dos gríllidos

Grilo, Gryllus campestris, outros gríllidos, 'capábanse' cunha palla


Miriápodos:

Cempatas, escolopendromorfos, a especie máis coñecida é Scolopendra cingulata, a súa picadela é moi dolorosa


Moluscos:

Lerme, moluscos gasterópodos de diferentes grupos, a especie maís coñecida é Arion ater, de cor negra, aínda que hai moitas máis especies difíciles de identificar

Caracol, en plural caracois, moluscos gasterópodos, a maioría son da Familia dos helícidos, a especie máis común é Helix aspersa


Anélidos:

Mioca, Lumbricus terrestris


Arácnidos:

Alacrán, Buthus occitanus, a súa picadela é moi dolorasa


Anfibios:

Salamanca, Salamandra salamandra, poida que tamén Triturus marmoratus e Lissotriton boscai xa que había as da terra e as da auga respectivamente, teñen algo de toxicidade, sobre todo as de pintas amarelas, Salamandra salamandra, pero non son perigosas para os humanos

Sapo cunqueiro, Bufo spinosus, estaba o dito de que "cando nacía un sapo nacía unha sapa", referíndose a que cando algunha presoa tiña algún defecto sempre había outra con semellanzas a ela. Dicían que se che mexaba un sapo ou se tocaba por onde andivera un saíache 'goxo', crenza infundada, a toxicidade do sapo cunqueiro non traspasa a pel humana e é moi feble, só se inocularía polas mucosas e a reacción sería un pruicio leve. Tamén había unha oración para esconxurar o goxo, recitábase mentras se fretaba un miolo de pan facéndo cruces sobre a zona afectada e ao rematar tirábaselle este miolo ás pitas para que o comeran, dicía así:

"Goxo, goxiño,

vaite deiquí,

o miolo do pan

vai tras de ti,

se eres de cobra

mítete á cova,

se eres de salamanca

mítete á barranca,

se eres de sapo ou lagarto

mítete ó buraco.

Un Padrenuestro ionha Avemaría

á honra de Dios e a Virghen María".

Sapa, Alytes obstetricans (?), de pequeno tamaño e canto nocturno moi entrañable

Rana, un castelanismo, Pelophylax perezi, a verdadeira 'rana', a que se comía, era a que tiña no lombo unha risca verde, a outra era a que chamnaban Rana cruzada

Rana cruzada, Hyla molleri, Rana iberica, podían ser estas dúas especies ou só unha delas, non nos souberon identificar certo, no entanto a máis común na zona é Rana iberica

Cágados, larvas de anfibios


Réptiles:

Ladra (?), Tarentola mauritanica, poida que aquí non se lle dé esta designación a esta especie, o máis correcto acho que sería Lagartiña, nome xenérico compartido con lacértidos dos xéneros Podarcis e Psammodromus, tamén se recollera o nome de Dragón pero de clara influencia da emigración ao ser unha designación dada na Cataluña e outras partes do Mediterráneo español. En Castrelo de Abaixo recolleuse unha crenza popular sobre estas Ladras, viña a dicir que traían boa sorte, está publicada no seguinte enlace: https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

Escouparón, Blanus cinereus, referíanse a este especie en concreto con este nome dándolle aos lagartos ápodos ou semiápodos a designación de Esóupolos, esta especie debería levar o apelido de "Escouparón cego" para non confundirse con outras designacións de Escouparón en localidades próximas, ademáis foi o nome común escollido polos herpetólogos para designar a especie en galego xa que esta especie só está presente en Galicia nas zonas máis mediterráneas do Búbal, Támega e Mente da bisbarra de Monterrei

Escóupolo, Anguis fragilis, Chalcides striatus, tamén se recolleu o nome de Liso pero debe ser unha introdución recente doutra lingua peninsular reflexo da emigración a outras rexións da España

Lagartas, Lagartiñas, Podarcis lusitanica, Psammodromus algirus

Serpes, é máis frecuente aínda chamarlles Culebras, en castelán, en frases feitas populares díselle Cobra, estes nomes refírense aos colúbridos en xeral, as culebras din que 'muran' moi ben, do verbo murar, cazar ratos, no entanto pese a seren beneficiosas están mal vistas e ata se matan, as únicas especies de serpes velenosas son as víboras, Vipera spp., na zona non se atopou presenza nin testemuño destas especies, en Castrelos dixéronnos que nunca as viran por aquí pese a coñecelas xa que nos contaron que si que as había polo Tameirón da Gudiña, onde as vían ao ir á seitura, alí está constatada a súa presenza, de facto nestas zonas onde aparece chámanlle Bicho de cordón, Bicho d'ascada, poida que incluso Bichorro, sería a da especie Vipera latastei. Tamén hai un topónimo que se chama Ós Quiobros, en zonas próximas da Mezquita ou o Tameirón chámanselle quiobras ás culebras

Lagarto, Timon lepidus, poida que co específico Lagarto arnal (?), diferenciándose así de Lacerta schreiberi que era máis pequeno e andaba nas beiras do río


Mamíferos:

Zorra, Vulpes vulpes, tamén Raposa pero o máis común era chamarlle Zorra en feminino. Á zorra nos contos populares chamábaselle como "Señora Comadre". Dicían que moitas veces víanse nos prados cazando grilos. Comíase, contaban que houbo quen a comeu dicíndolle que era lebre. Falaban que se se trataba de matar unha zorra esta defendíase mexándote, dicía unha historia, contada coma real, que un labrego ía por un camiño e lle saíra a zorra, levaba un sacho ao lombo e tratou de darlle con el, seica a zorra mexouno por tres veces nas pernas e non a deu matado. Sempre se vía como arteira: https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html

Cando saía o sol nun día chuvioso dicíase que estábase casando a zorra, "estase casando a zorra", noutras partes de Galicia a esta condición atmosférica chámaselle Orada e Enxairo, e recitábase:

"Chove e chuvisca

na casa da brisca,

chove e fai sol,

cásase a zorra,

ímoslle á boda

e comémola toda".

Lobo, Canis lupus, do lobo dicían que  "un día comía terra, pro outro comía aire e pro outro comía carne, e ó cuarto descansaba". Falábase do "vento do lobo" que consistía en que se el te vía a ti antes de que ti o viras a el, arrepiábaseche o corpo e púñaseche o cabelo requichado, podería ser algo semellante ao que se coñece como 'horripilación', esclusivo dos grandes simios e homínidos. Cando alguén viña con cara de asustado dicíanlle: "Parece que viches ó lobo". Cando un neno comía a carne sen pan dicíanlle: "Comes coma o lobo". Tamén estaba o dito: "O lobo sempre sigue os camiños" co mesmo significado que "quen busca atallos, busca traballos". En Castrelos hai o topónimo Ó Pozo do Lobo

Oso, Osa, Ursus arctos, ían ás colmeas do mel, xa non lembran velo, só o coñecen de ouviren falar del. Nomeárono como o Oso mais pode que fose a Osa, en feminino, xa que na toponimia aparece como tal, en Castrelo de Abaixo existe a 'pala', oquedade natural nunha fraga a modo de acubillo, chamada A Pala da Osa

Ourizo cacheiro, Erinaceus europaeus

Doniña, Mustela nivalis, había os seguintes ditos:

"Doniña bonita,

cazola queimada,

mataches o home

coaquela machada".

"Doniña bonita,

criada do cura,

... (?) e continuaba dicindo algo con retranca contra os curas".

Furón, Mustela putorius

Toupa, Talpa occidentalis, esta especie que temos aquí é endémica do oeste e centro da Península Ibérica. Dicían que "o sapo deulle o rabo á toupa e a toupa deulle os ollos ó sapo", de aí ven o dito "trocar os ollos polo rabo", é dicir, cambiar unha cousa, boa, non tan boa ou mala, por outra pior

Lirón, en plural é lirós, Rattus norvegicus, R. rattus

Lirón da auga, Arvicola sapidus, comíanse, andaban nos pozos de rega

Teixugo, Meles meles

Londra, Lutra lutra, víanse incluso nos regueiros índo para A Arzoá

Ghabalí, Sus scrofa, en castelán, na escrita con gheada, designación recente, en tempos debía ser unha especie escasa pola presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos, a forma máis correcta en galego é xabaril ou porco bravo, aínda que tamén se admite xabarín como menos recomendable

Ratos, roedores en xeral, a especie máis común nas casas é Mus musculus, hai varias especies máis

Corza, Cabra, Capreolus capreolus, Cabra poida que sexa unha designación moderna, máis correcto sería Corza, de facto en Castrelos hai o topónimo Valdecorzas, no entanto debeu ser unha especie escasa en tempos pasados debido á intensa presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos

Coello do monte, Oryctolagus cuniculus

Lebre, Lepus granatensis, especie moi perseguida e apreciada para comer, dicían que a súa carne cheiraba moito a 'bravume', chaman así aquí ao bravío

Ardilla, Sciurus vulgaris, nome en castelán de recente introdución, o seu sería Esquío ou Esquilo

Ghineta, Genetta genetta, en castelán, o seu sería Algaria ou Rebisaco

Gato montés, Felis silvestris

Garduña, Martes foina, M. martes, "comían as pitas"

Municegos, Quirópteros, varias especies en diversos hábitats, humanos e silvestres


Peixes:

Trúita, Salmo truta, eran moi apreciadas para comer, collíanse a mau nas preseiras das caldeiras dos prados e muíños

Boga, en principio Psedochondrostoma duriense, no entanto a taxonomía destas Bogas están variando continuamente ao separárense as especies das diferentes cuncas dos ríos

Peixes, para ciprínidos en xeral, Bogas e poida que tamén Squalius carolitertii

Barbo, Barbus bocagei, eran moi sabrosos, esta especie en Galicia só aparece nos ríos da cunca do Douro: Búbal, Mente, Rabaçal (os ríos de Pentes e Barxa) e Támega

Anguila, Anguilla anguilla, especie en perigo de extinción ou pode que xa extinta na zona

Tradicionalmente pescábase tamén con Turuvisco, Daphne gnidium, unha planta con toxicidade natural que se deixaba pisotear nos camiños por onde pasaban as ovellas para logo botala na auga e envelenar as pozas do río, iso deu paso ao envelenamento con lixivia, moi perigosa e destrutiva para os organismos acuáticos


Aves:

Ás aves chámaselles páxaros e non paxaros coma no galego normativo, aos niños díselles ninos, e aos ovos, güevos, un vulgarismo castelanizado. Cando os páxaros abandonan a posta do nino, maiormente por molestias humanas, dise que 'enxeitan', de enxeitar. Para axotar os páxaros dos cultivos púñase un aparello que facía ruído co vento chamado 'tarabela'.

Cuco, Cuculus canorus, dicían que marchaba cando vía as primeiras gavelas da seitura, que non quería traballo, tamén estaba o dito:

"S'o cuco non ven

entre marzo ie'abril,

ou o cuco é morto

ou a fin vai vir".

Cando cantaba o Cuco as mozas casadeiras dicíanlle así:

"Cuco, cuquiño,

rabo de escoba,

cuantos anos me faltan

pra miña voda?".

E logo contaban as veces que cantaba o Cuco que eran os anos que lle faltaban para se casar.

Bubela, Upupa epops, cheiraban moi mal, dicían que comía merda e que facía o nino con ela, non eran boas para comer. Unha historia, din que real, contaba que un veciño lle preguntou a outro: "Como se chama ese páxaro que fai "bu-bu bu-bu"?", o outro contestoulle: "Ai oh!, ti non sabes?, a bubela!", e o primeiro respostoulle: "Merda pra ti e pra ela".

Anduriña, Hirundo rustica, hirundínidos, había un conto para as anduriñas pero non se lembraban del

Perdiz, Alectoris rufa, eran moi apreciadas para comer, collíanse nas leiras de centeo cunha trampa chamada 'ichó', tamén eran moi buscados os seus ovos postos no chau, buscábanse pola Pascua, nesta celebración tocaban as campás toda a noite, e dicíanlle aos mozos que o primeiro que fora tocar as campás era o que ía atoparlle os güevos ás perdices, seica era toda unha festa atopalos

Rola, Streptopelia turtur

Pombo, Columba palumbus

Moucho, Athene noctua, existía a crenza de que si se ouvía cantar un moucho era sinal de que ía morrer algún veciño, tamén pasaba o mesmo con "as señas", é dicir, ver luces estranas pola noite, parecer ver algún defunto, soñar con defuntos, eran sinal de morte, sen embargo se se soñaba coa morte dun vivo alongábaselle a este a vida

Curuxa, Tyto alba, Strix aluco, era páxaro de mal fado, dicían que se se houbía o seu bufido pola noite era que ía haber algunha morte

Goucho, Strix aluco, dicían que cando cantaba pola noite, "buuh-buuh-buuuuh", era sinal de que ía haber algunha morte, cando se pousaba nun tellado dunha casa era sinal de que aí ía morrer alguén

Lavandeira, Motacilla alba, tamén coñecían as Lavandeiras do río, Motacilla cinerea

Pardal, Passer domesticus, antes moi abondosos nos Negrillos, Ulmus minor, unha especie de árbore moi común no pobo no pasado e hoxe extinta en fase arbórea por mor dunha doenza, si que queda presencia en fase arbustiva

Tornillo, Sturnus unicolor

Corvo, Corvus corone, C. corax, estes últimos de maior tamaño e solitarios ou en parella víanse na Fraga do Curral, o seu canto era considerado sinal de que ía morrer alguén

Pega, Pica pica

Gabilán, Accipitridae, rapinas diúrnas en xeral, dicían que sempre houbo un nino de gabilán na Fraga do Curral (fragueiros ripícolas) polo que se identificaría con Falco peregrinus

Torda, Turdus spp.

Merla, Turdus merula, dixéronnos este conto:

Polo mes de xaneiro a merla pedíalle de comer á formiga, e a formiga contestáballe:

"Merla,

andas no vrau de silveiro en silveiro,

chirlo merlo, chirlo merlo,

busca de comer pro inverno".

Chasco, Saxicola rubicola, porque andaba sempre "chisca, chisca"

Vencello, Apus apus, chamábano así porque collía as pallas para facer o nino e atábaas coma se fosen un 'vencello': atadura vexetal para atar os feixes de més ou palla

Escribenta, Emberiza cirlus, E. spp., porque tiña os ovos cunhas manchas que semellaban estar escritos

Verderol, Chloris chloris

Paporrubio, Erithacus rubecula, dicíanlle así:

"Paporrubio, paporrubio,

papea, papea".

Carriza, Troglodytes troglodytes, os seus fillotes chamábanse Carrizos, estaba o dito "ser máis pequeno conha carriza"

A Pazpallá, tamén recolleuse a Pazpallota, Coturnix coturnix, en feminino, cantaba así: "pazpallá-pazpallá", había un dito sobre a pazpallá:

"Pazpallá, pazpallá,

moita palla

e pouco grau".

A Tentenarraíz, Miliaria calandra, en feminino, nome onomatopeico, do seu canto: "tentenarraíz-tentenarraíz"

Azulenta, Prunella modularis, puña os ovos azuis

Cigüeña, Ciconia ciconia, de introdución recente, en castelán, andaban pouco por alí, no entanto hai un topónimo chamado Á Cigoña

Averrapiña, Circus pygargus

Tecelán, Falco tinnunculus, tecía no aire, había uns ditos que dicían así:

"Tece, tece, Tecelán,

técellas calzas ó meu can,

se as sabes tecer ben

téceme outras a min tamén".

"Tece, tece, Tecelán,

tente, tente na raíz".

Bufo, Bubo bubo

Noitevoá, Caprimulgus europaeus, por voar de noite

Grulla, Merops apiaster, castelanizado, o máis correcto sería chamarlle Grou, nome recollido nas proximades, díxose que había tamén outro nome para este páxaro que papaba abellas pero que non se lembraba

Pito verdeal, Picus sharpei

Picapau, Dendocopos major, tamén lle chamaban Páxaro carpinteiro

Cutuluvía, Lullula arborea, dicían así:

"Cutuluvía, vía, vía,

cuanto máis alta

máis asubía".

Cutuluvía do capelo, Galerida cristata, chamábanlle así ás persoas a modo de insulto protocolario non ofensivo, normalmente nos fiadeiros: "Oh, Cutuluvía do capelo !"

Merla truiteira, Cinclus cinclus, dicían que se metía na auga para apañar trúitas e peixes, en realidade é unha especie insectívora

Chincho, Fringilla coelebs, hoxe en día hai un veciño con este alcume "o Chincho"

Picanza, Lanius spp.

Rabolargo, o máis seguro é que sexa dado a Aegithalos caudatus

Pigarra, Garrulus glandarius, tamén recollimos para esta especie o nome de Gaiomonte, variante da outra designación en galego de Gaio

Avión, Oriolus oriolus, din que existía o costume de dicir entre os mozos: "Avión, pronde vas ?"

Pintasilva, Carduelis carduelis, recolleuse tamén o nome de Picacardos que poida que sexa un nome contaminado doutras rexións, no entanto escoitouse chamar Picacacardos a dúas persoas diferentes sen parentesco algún

Naviñeiro, Linaria cannabina, "depenicaban as uvas nas viñas, e ían ás boas"

Choia, Pyrrhocorax pyrrhocorax, "andan 'chorando' cando vai nevar, barruntan a neve"

Rousinol, Luscinia megarhynchos

Arruñador, Certhia brachydactyla

Pedreiro, Phoenicurus ochruros

Águila, Accipitridae, nome que de seguro é de recente introdución, non debían ser comúns na zona as aigas, Aquila chrysaetos, aínda que se ven de forma ocasional, hai un topónimo que se chama A Aguieira

Había unha rapina diúrna que era Perdigueira, comía os perdigóns das perdizes, pode que fora a mesma Averrapiña, Circus pygargus (?)

Foleca, identificouse coma Sylvia undata, non se recolleu nome para Hippolais polyglotta que noutras zonas lle chaman así

Millarengo de papada, Serinus serinus

Meixengro, Parus major, Cyanistes caeruleus

Papamoscas, Ficedula hypoleuca, este nome pode estar contaminado, a designación para esta especie recollida na Arzoá e en Castrelo de Cima é Trallón

Picopeixe, Alcedo Atthis, dicían que cazaba insectos e cabras loucas pola tona da auga do río, non mergullaba, non era moi común, no entanto estarían confundidos, este páxaro non é insectívoro senon piscívoro, de facto da merla truiteira dicían que pescaba trúitas e tampouco é verdade, esta si que é insectívora, unha simple confusión entre ambas especies.

O Páxaro, Accipitridae, chamábanlle así ás aves de rapina diúrnas, de tamaño grande, que levaban as pitas, a saber que especies serían

Millarengo ou tamén Millarenga, Linaria cannabina

Cágado, non soubemos identificar a especie, era ruín, case só tiña rabo, toda ela era da mesma cor castaña, andaban polas barreiras


https://verin-natural.blogspot.com/2020/02/nomes-vernaculos-para-as-xoaninas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/12/nomes-vernaculos-para-as-lermes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/11/nomes-vernaculos-para-as-pintegas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/10/nomes-vernaculos-para-as-fedegosas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/07/sobre-os-nomes-dos-vagalumes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/dermapteros-na-cultura-popular.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/e-mais-recollas-de-nomes-vernaculos-de.html

https://verin-natural.blogspot.com/2016/10/conversando-sobre-ladras-landras-lascas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

https://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html


Moitas grazas aos informantes, continuaremos coa pescuda en Castrelo de Abaixo de maís nomes vernáculos de Fauna que falten ou que estén errados, tamén contos, lendas, crenzas, historias ou ditos.

Se coñecedes máis ao respecto agradécese que se facilite coa finalidade de que non se perda esta tradición oral con serio risco de desaparecer.

Saúdos

xoves, 19 de agosto de 2021

1936: Obras de arte cruzaron o Mente

"Nalgunha parte do río Mente, entre o treito que transcorre dende A Veiga do Seixo ata o lugar de Trambolosríos, onde se xuntan o río Mente co río Arzoá, contan, díse que a finais de agosto de 1936, xa comezada a Guerra Civil, os contrabandistas máis importantes de Verín, e da comarca, pasaron, cruzaron o río varios cadros en embalaxes, cadros do Museo do Prado, con dirección á cidade portuguesa de Lisboa, cadros do Greco, Velázquez e outros importantes pintores.

Os cadros pertencían a unha gran colección de corenta e tres obras de arte que habían sido trasladadas do Museo do Prado de Madrid a Oviedo e a Gijón, case dúas terceiras partes das sesenta e seis obras máis importantes da época, do Museo do Prado.

As obras de arte que logo se dixo que foran destruídas e queimadas polo movemento revolucionario obreiro de Asturias, foi unha grande mentira, foron roubadas e 'estraperladas' por xente importante do bando republicano, e algúns cadros cruzaron unha noite de agosto o río Mente, onde no primeiro pobo portugués de Quiras de Lomba, un camión estaba agardando a mercancía, logo foron trasladadas á cidade de Lisboa, e din que remataron na embaixada norteamericana, onde ata a data de hoxe non volveron a parar ao noso país, seguro están a bo resgardo.

A historia dos corenta e tres cadros trasladados do Museo do Prado a Oviedo e Gijón está nas emerotecas e libros de historia, o meu avó José Barazal Fernández, de alcume O Sancristán, que morreu en 1985, contoume a historia e foi el un dos portadores, dos que pasaron as embalaxes, ata o río Mente, entre outros contrabandistas máis importantes que meu avó da vila de Verín, os cadros baixaron ata o río en cabalos, e pola parte portuguesa subiron o monte ata o pobo de Quiraz tamén en cabalarías, meu avó dicía que os contrabandistas de Verín pagáranlle moi ben o traballo aquela noite do 36, pero que en todo momento unha persoa importante de Verín os acompañou ata o río, e lles dixo que trataran a mercancía con moita delicadeza e coidado polo seu enorme valor, esta historia xa ma contou o meu avó que foi un pequeno contrabandista da época, cando eu todavía tiña 14 ou 15 anos."

Tradución ao galego desta interesante historia narrada a través do Facebook por Joaquín Prado Barazal, Quin.

Moitas grazas pola aportación.

Uns contos da zorra, O Responso e o Padrenuestro Pequeniño na tradición oral dende o blog Rexiomontanos

A continuar ponse uns enlaces a unhas entradas do blog Rexiomontanos onde se recollen uns contos da zorra, O Responso e O Padrenuestro Pequeniño na tradición oral recollidos en parte en Castrelo de Abaixo:

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/o-responso.html

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/10/o-padre-nuestro-pequenino-na-tradicion.html