domingo, 22 de agosto de 2021

Nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo

REVISADO E AMPLIADO

O 15 DE SETEMBRO DE 2021

A continuar imos pór uns nomes vernáculos de Aves e demais Fauna recollidos en Castrelo de Abaixo e publicados no seu día no blog Verín Natural, alén de máis aportacións.

Isto é o que se recolleu ata o momento:


Insectos:

Barrosiño, Coccinella septempunctata, coccinélidos, dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

polas calles de Lisboa

que che hei dar pan e cebola".

Na Arzoá dicíanlle así:

"Barrosiño, voa, voa,

que ao parar na miña casa

heiche dar pan, viño e cebola".

Fedegosa, insecto hemíptero, a especie máis coñecida é Nezara viridula, cheira moi mal

Faldracadela, insecto dermáptero, a especie máis coñecida é Forficula auricularia, dicían que se se che metía unha Faldracadela nun ouvido quedábase un xordo, non é certo, é só unha crenza infundada

Bicho relumbrón, lampíridos, a especie máis coñecida é Lampyris noctiluca, emiten luz pola noite, bioluminiscencia

Carballesa, Mantis religiosa, Empusa pennata, dicíanlle así:

"Carballesa pon a mesa,

pona alta, que se vexa".

Cabra louca, Gerris lacustris, andaban nos pozos de rega

Vaca loura, Berberomeloe majalis, tamén Physomeloe corallifer ao aparecer esta especie rara na zona

Polboretas, lepidópteros, bolboretas en xeral, tanto ás nocturnas coma ás diurnas, nunca atopamos nome específico para calquer especie de lepidóptero dada, existía a crenza de que ao rondar unha Polboreta nas luces do interior da casa pola noite era sinal de que en breve se ía recibir unha carta

Morrión, morriós en plural, larvas de lepidópteros, eirugas de bolboretas, poida que tamén outras eirugas de insectos, tamén sinónimo de verme, é exemplo: "os morriós das mazás"

Gaiteiros, odonatos, libeliñas e cabaliños do demo indistintamente

Escarabellos, coleópteros

Avésporas, himenópteros

Saltón, saltós en plural, ortópteros a escepción dos gríllidos

Grilo, Gryllus campestris, outros gríllidos, 'capábanse' cunha palla


Miriápodos:

Cempatas, escolopendromorfos, a especie máis coñecida é Scolopendra cingulata, a súa picadela é moi dolorosa


Moluscos:

Lerme, moluscos gasterópodos de diferentes grupos, a especie maís coñecida é Arion ater, de cor negra, aínda que hai moitas máis especies difíciles de identificar

Caracol, en plural caracois, moluscos gasterópodos, a maioría son da Familia dos helícidos, a especie máis común é Helix aspersa


Anélidos:

Mioca, Lumbricus terrestris


Arácnidos:

Alacrán, Buthus occitanus, a súa picadela é moi dolorasa


Anfibios:

Salamanca, Salamandra salamandra, poida que tamén Triturus marmoratus e Lissotriton boscai xa que había as da terra e as da auga respectivamente, teñen algo de toxicidade, sobre todo as de pintas amarelas, Salamandra salamandra, pero non son perigosas para os humanos

Sapo cunqueiro, Bufo spinosus, estaba o dito de que "cando nacía un sapo nacía unha sapa", referíndose a que cando algunha presoa tiña algún defecto sempre había outra con semellanzas a ela. Dicían que se che mexaba un sapo ou se tocaba por onde andivera un saíache 'goxo', crenza infundada, a toxicidade do sapo cunqueiro non traspasa a pel humana e é moi feble, só se inocularía polas mucosas e a reacción sería un pruicio leve. Tamén había unha oración para esconxurar o goxo, recitábase mentras se fretaba un miolo de pan facéndo cruces sobre a zona afectada e ao rematar tirábaselle este miolo ás pitas para que o comeran, dicía así:

"Goxo, goxiño,

vaite deiquí,

o miolo do pan

vai tras de ti,

se eres de cobra

mítete á cova,

se eres de salamanca

mítete á barranca,

se eres de sapo ou lagarto

mítete ó buraco.

Un Padrenuestro ionha Avemaría

á honra de Dios e a Virghen María".

Sapa, Alytes obstetricans (?), de pequeno tamaño e canto nocturno moi entrañable

Rana, un castelanismo, Pelophylax perezi, a verdadeira 'rana', a que se comía, era a que tiña no lombo unha risca verde, a outra era a que chamnaban Rana cruzada

Rana cruzada, Hyla molleri, Rana iberica, podían ser estas dúas especies ou só unha delas, non nos souberon identificar certo, no entanto a máis común na zona é Rana iberica

Cágados, larvas de anfibios


Réptiles:

Ladra (?), Tarentola mauritanica, poida que aquí non se lle dé esta designación a esta especie, o máis correcto acho que sería Lagartiña, nome xenérico compartido con lacértidos dos xéneros Podarcis e Psammodromus, tamén se recollera o nome de Dragón pero de clara influencia da emigración ao ser unha designación dada na Cataluña e outras partes do Mediterráneo español. En Castrelo de Abaixo recolleuse unha crenza popular sobre estas Ladras, viña a dicir que traían boa sorte, está publicada no seguinte enlace: https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

Escouparón, Blanus cinereus, referíanse a este especie en concreto con este nome dándolle aos lagartos ápodos ou semiápodos a designación de Esóupolos, esta especie debería levar o apelido de "Escouparón cego" para non confundirse con outras designacións de Escouparón en localidades próximas, ademáis foi o nome común escollido polos herpetólogos para designar a especie en galego xa que esta especie só está presente en Galicia nas zonas máis mediterráneas do Búbal, Támega e Mente da bisbarra de Monterrei

Escóupolo, Anguis fragilis, Chalcides striatus, tamén se recolleu o nome de Liso pero debe ser unha introdución recente doutra lingua peninsular reflexo da emigración a outras rexións da España

Lagartas, Lagartiñas, Podarcis lusitanica, Psammodromus algirus

Serpes, é máis frecuente aínda chamarlles Culebras, en castelán, en frases feitas populares díselle Cobra, estes nomes refírense aos colúbridos en xeral, as culebras din que 'muran' moi ben, do verbo murar, cazar ratos, no entanto pese a seren beneficiosas están mal vistas e ata se matan, as únicas especies de serpes velenosas son as víboras, Vipera spp., na zona non se atopou presenza nin testemuño destas especies, en Castrelos dixéronnos que nunca as viran por aquí pese a coñecelas xa que nos contaron que si que as había polo Tameirón da Gudiña, onde as vían ao ir á seitura, alí está constatada a súa presenza, de facto nestas zonas onde aparece chámanlle Bicho de cordón, Bicho d'ascada, poida que incluso Bichorro, sería a da especie Vipera latastei. Tamén hai un topónimo que se chama Ós Quiobros, en zonas próximas da Mezquita ou o Tameirón chámanselle quiobras ás culebras

Lagarto, Timon lepidus, poida que co específico Lagarto arnal (?), diferenciándose así de Lacerta schreiberi que era máis pequeno e andaba nas beiras do río


Mamíferos:

Zorra, Vulpes vulpes, tamén Raposa pero o máis común era chamarlle Zorra en feminino. Á zorra nos contos populares chamábaselle como "Señora Comadre". Dicían que moitas veces víanse nos prados cazando grilos. Comíase, contaban que houbo quen a comeu dicíndolle que era lebre. Falaban que se se trataba de matar unha zorra esta defendíase mexándote, dicía unha historia, contada coma real, que un labrego ía por un camiño e lle saíra a zorra, levaba un sacho ao lombo e tratou de darlle con el, seica a zorra mexouno por tres veces nas pernas e non a deu matado. Sempre se vía como arteira: https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html

Cando saía o sol nun día chuvioso dicíase que estábase casando a zorra, "estase casando a zorra", noutras partes de Galicia a esta condición atmosférica chámaselle Orada e Enxairo, e recitábase:

"Chove e chuvisca

na casa da brisca,

chove e fai sol,

cásase a zorra,

ímoslle á boda

e comémola toda".

Lobo, Canis lupus, do lobo dicían que  "un día comía terra, pro outro comía aire e pro outro comía carne, e ó cuarto descansaba". Falábase do "vento do lobo" que consistía en que se el te vía a ti antes de que ti o viras a el, arrepiábaseche o corpo e púñaseche o cabelo requichado, podería ser algo semellante ao que se coñece como 'horripilación', esclusivo dos grandes simios e homínidos. Cando alguén viña con cara de asustado dicíanlle: "Parece que viches ó lobo". Cando un neno comía a carne sen pan dicíanlle: "Comes coma o lobo". Tamén estaba o dito: "O lobo sempre sigue os camiños" co mesmo significado que "quen busca atallos, busca traballos". En Castrelos hai o topónimo Ó Pozo do Lobo

Oso, Osa, Ursus arctos, ían ás colmeas do mel, xa non lembran velo, só o coñecen de ouviren falar del. Nomeárono como o Oso mais pode que fose a Osa, en feminino, xa que na toponimia aparece como tal, en Castrelo de Abaixo existe a 'pala', oquedade natural nunha fraga a modo de acubillo, chamada A Pala da Osa

Ourizo cacheiro, Erinaceus europaeus

Doniña, Mustela nivalis, había os seguintes ditos:

"Doniña bonita,

cazola queimada,

mataches o home

coaquela machada".

"Doniña bonita,

criada do cura,

... (?) e continuaba dicindo algo con retranca contra os curas".

Furón, Mustela putorius

Toupa, Talpa occidentalis, esta especie que temos aquí é endémica do oeste e centro da Península Ibérica. Dicían que "o sapo deulle o rabo á toupa e a toupa deulle os ollos ó sapo", de aí ven o dito "trocar os ollos polo rabo", é dicir, cambiar unha cousa, boa, non tan boa ou mala, por outra pior

Lirón, en plural é lirós, Rattus norvegicus, R. rattus

Lirón da auga, Arvicola sapidus, comíanse, andaban nos pozos de rega

Teixugo, Meles meles

Londra, Lutra lutra, víanse incluso nos regueiros índo para A Arzoá

Ghabalí, Sus scrofa, en castelán, na escrita con gheada, designación recente, en tempos debía ser unha especie escasa pola presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos, a forma máis correcta en galego é xabaril ou porco bravo, aínda que tamén se admite xabarín como menos recomendable

Ratos, roedores en xeral, a especie máis común nas casas é Mus musculus, hai varias especies máis

Corza, Cabra, Capreolus capreolus, Cabra poida que sexa unha designación moderna, máis correcto sería Corza, de facto en Castrelos hai o topónimo Valdecorzas, no entanto debeu ser unha especie escasa en tempos pasados debido á intensa presión humana no medio natural e á ocupación do territorio para cultivos

Coello do monte, Oryctolagus cuniculus

Lebre, Lepus granatensis, especie moi perseguida e apreciada para comer, dicían que a súa carne cheiraba moito a 'bravume', chaman así aquí ao bravío

Ardilla, Sciurus vulgaris, nome en castelán de recente introdución, o seu sería Esquío ou Esquilo

Ghineta, Genetta genetta, en castelán, o seu sería Algaria ou Rebisaco

Gato montés, Felis silvestris

Garduña, Martes foina, M. martes, "comían as pitas"

Municegos, Quirópteros, varias especies en diversos hábitats, humanos e silvestres


Peixes:

Trúita, Salmo truta, eran moi apreciadas para comer, collíanse a mau nas preseiras das caldeiras dos prados e muíños

Boga, en principio Psedochondrostoma duriense, no entanto a taxonomía destas Bogas están variando continuamente ao separárense as especies das diferentes cuncas dos ríos

Peixes, para ciprínidos en xeral, Bogas e poida que tamén Squalius carolitertii

Barbo, Barbus bocagei, eran moi sabrosos, esta especie en Galicia só aparece nos ríos da cunca do Douro: Búbal, Mente, Rabaçal (os ríos de Pentes e Barxa) e Támega

Anguila, Anguilla anguilla, especie en perigo de extinción ou pode que xa extinta na zona

Tradicionalmente pescábase tamén con Turuvisco, Daphne gnidium, unha planta con toxicidade natural que se deixaba pisotear nos camiños por onde pasaban as ovellas para logo botala na auga e envelenar as pozas do río, iso deu paso ao envelenamento con lixivia, moi perigosa e destrutiva para os organismos acuáticos


Aves:

Ás aves chámaselles páxaros e non paxaros coma no galego normativo, aos niños díselles ninos, e aos ovos, güevos, un vulgarismo castelanizado. Cando os páxaros abandonan a posta do nino, maiormente por molestias humanas, dise que 'enxeitan', de enxeitar. Para axotar os páxaros dos cultivos púñase un aparello que facía ruído co vento chamado 'tarabela'.

Cuco, Cuculus canorus, dicían que marchaba cando vía as primeiras gavelas da seitura, que non quería traballo, tamén estaba o dito:

"S'o cuco non ven

entre marzo ie'abril,

ou o cuco é morto

ou a fin vai vir".

Cando cantaba o Cuco as mozas casadeiras dicíanlle así:

"Cuco, cuquiño,

rabo de escoba,

cuantos anos me faltan

pra miña voda?".

E logo contaban as veces que cantaba o Cuco que eran os anos que lle faltaban para se casar.

Bubela, Upupa epops, cheiraban moi mal, dicían que comía merda e que facía o nino con ela, non eran boas para comer. Unha historia, din que real, contaba que un veciño lle preguntou a outro: "Como se chama ese páxaro que fai "bu-bu bu-bu"?", o outro contestoulle: "Ai oh!, ti non sabes?, a bubela!", e o primeiro respostoulle: "Merda pra ti e pra ela".

Anduriña, Hirundo rustica, hirundínidos, había un conto para as anduriñas pero non se lembraban del

Perdiz, Alectoris rufa, eran moi apreciadas para comer, collíanse nas leiras de centeo cunha trampa chamada 'ichó', tamén eran moi buscados os seus ovos postos no chau, buscábanse pola Pascua, nesta celebración tocaban as campás toda a noite, e dicíanlle aos mozos que o primeiro que fora tocar as campás era o que ía atoparlle os güevos ás perdices, seica era toda unha festa atopalos

Rola, Streptopelia turtur

Pombo, Columba palumbus

Moucho, Athene noctua, existía a crenza de que si se ouvía cantar un moucho era sinal de que ía morrer algún veciño, tamén pasaba o mesmo con "as señas", é dicir, ver luces estranas pola noite, parecer ver algún defunto, soñar con defuntos, eran sinal de morte, sen embargo se se soñaba coa morte dun vivo alongábaselle a este a vida

Curuxa, Tyto alba, Strix aluco, era páxaro de mal fado, dicían que se se houbía o seu bufido pola noite era que ía haber algunha morte

Goucho, Strix aluco, dicían que cando cantaba pola noite, "buuh-buuh-buuuuh", era sinal de que ía haber algunha morte, cando se pousaba nun tellado dunha casa era sinal de que aí ía morrer alguén

Lavandeira, Motacilla alba, tamén coñecían as Lavandeiras do río, Motacilla cinerea

Pardal, Passer domesticus, antes moi abondosos nos Negrillos, Ulmus minor, unha especie de árbore moi común no pobo no pasado e hoxe extinta en fase arbórea por mor dunha doenza, si que queda presencia en fase arbustiva

Tornillo, Sturnus unicolor

Corvo, Corvus corone, C. corax, estes últimos de maior tamaño e solitarios ou en parella víanse na Fraga do Curral, o seu canto era considerado sinal de que ía morrer alguén

Pega, Pica pica

Gabilán, Accipitridae, rapinas diúrnas en xeral, dicían que sempre houbo un nino de gabilán na Fraga do Curral (fragueiros ripícolas) polo que se identificaría con Falco peregrinus

Torda, Turdus spp.

Merla, Turdus merula, dixéronnos este conto:

Polo mes de xaneiro a merla pedíalle de comer á formiga, e a formiga contestáballe:

"Merla,

andas no vrau de silveiro en silveiro,

chirlo merlo, chirlo merlo,

busca de comer pro inverno".

Chasco, Saxicola rubicola, porque andaba sempre "chisca, chisca"

Vencello, Apus apus, chamábano así porque collía as pallas para facer o nino e atábaas coma se fosen un 'vencello': atadura vexetal para atar os feixes de més ou palla

Escribenta, Emberiza cirlus, E. spp., porque tiña os ovos cunhas manchas que semellaban estar escritos

Verderol, Chloris chloris

Paporrubio, Erithacus rubecula, dicíanlle así:

"Paporrubio, paporrubio,

papea, papea".

Carriza, Troglodytes troglodytes, os seus fillotes chamábanse Carrizos, estaba o dito "ser máis pequeno conha carriza"

A Pazpallá, tamén recolleuse a Pazpallota, Coturnix coturnix, en feminino, cantaba así: "pazpallá-pazpallá", había un dito sobre a pazpallá:

"Pazpallá, pazpallá,

moita palla

e pouco grau".

A Tentenarraíz, Miliaria calandra, en feminino, nome onomatopeico, do seu canto: "tentenarraíz-tentenarraíz"

Azulenta, Prunella modularis, puña os ovos azuis

Cigüeña, Ciconia ciconia, de introdución recente, en castelán, andaban pouco por alí, no entanto hai un topónimo chamado Á Cigoña

Averrapiña, Circus pygargus

Tecelán, Falco tinnunculus, tecía no aire, había uns ditos que dicían así:

"Tece, tece, Tecelán,

técellas calzas ó meu can,

se as sabes tecer ben

téceme outras a min tamén".

"Tece, tece, Tecelán,

tente, tente na raíz".

Bufo, Bubo bubo

Noitevoá, Caprimulgus europaeus, por voar de noite

Grulla, Merops apiaster, castelanizado, o máis correcto sería chamarlle Grou, nome recollido nas proximades, díxose que había tamén outro nome para este páxaro que papaba abellas pero que non se lembraba

Pito verdeal, Picus sharpei

Picapau, Dendocopos major, tamén lle chamaban Páxaro carpinteiro

Cutuluvía, Lullula arborea, dicían así:

"Cutuluvía, vía, vía,

cuanto máis alta

máis asubía".

Cutuluvía do capelo, Galerida cristata, chamábanlle así ás persoas a modo de insulto protocolario non ofensivo, normalmente nos fiadeiros: "Oh, Cutuluvía do capelo !"

Merla truiteira, Cinclus cinclus, dicían que se metía na auga para apañar trúitas e peixes, en realidade é unha especie insectívora

Chincho, Fringilla coelebs, hoxe en día hai un veciño con este alcume "o Chincho"

Picanza, Lanius spp.

Rabolargo, o máis seguro é que sexa dado a Aegithalos caudatus

Pigarra, Garrulus glandarius, tamén recollimos para esta especie o nome de Gaiomonte, variante da outra designación en galego de Gaio

Avión, Oriolus oriolus, din que existía o costume de dicir entre os mozos: "Avión, pronde vas ?"

Pintasilva, Carduelis carduelis, recolleuse tamén o nome de Picacardos que poida que sexa un nome contaminado doutras rexións, no entanto escoitouse chamar Picacacardos a dúas persoas diferentes sen parentesco algún

Naviñeiro, Linaria cannabina, "depenicaban as uvas nas viñas, e ían ás boas"

Choia, Pyrrhocorax pyrrhocorax, "andan 'chorando' cando vai nevar, barruntan a neve"

Rousinol, Luscinia megarhynchos

Arruñador, Certhia brachydactyla

Pedreiro, Phoenicurus ochruros

Águila, Accipitridae, nome que de seguro é de recente introdución, non debían ser comúns na zona as aigas, Aquila chrysaetos, aínda que se ven de forma ocasional, hai un topónimo que se chama A Aguieira

Había unha rapina diúrna que era Perdigueira, comía os perdigóns das perdizes, pode que fora a mesma Averrapiña, Circus pygargus (?)

Foleca, identificouse coma Sylvia undata, non se recolleu nome para Hippolais polyglotta que noutras zonas lle chaman así

Millarengo de papada, Serinus serinus

Meixengro, Parus major, Cyanistes caeruleus

Papamoscas, Ficedula hypoleuca, este nome pode estar contaminado, a designación para esta especie recollida na Arzoá e en Castrelo de Cima é Trallón

Picopeixe, Alcedo Atthis, dicían que cazaba insectos e cabras loucas pola tona da auga do río, non mergullaba, non era moi común, no entanto estarían confundidos, este páxaro non é insectívoro senon piscívoro, de facto da merla truiteira dicían que pescaba trúitas e tampouco é verdade, esta si que é insectívora, unha simple confusión entre ambas especies.

O Páxaro, Accipitridae, chamábanlle así ás aves de rapina diúrnas, de tamaño grande, que levaban as pitas, a saber que especies serían

Millarengo ou tamén Millarenga, Linaria cannabina

Cágado, non soubemos identificar a especie, era ruín, case só tiña rabo, toda ela era da mesma cor castaña, andaban polas barreiras


https://verin-natural.blogspot.com/2020/02/nomes-vernaculos-para-as-xoaninas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/12/nomes-vernaculos-para-as-lermes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/11/nomes-vernaculos-para-as-pintegas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/10/nomes-vernaculos-para-as-fedegosas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2019/07/sobre-os-nomes-dos-vagalumes.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/dermapteros-na-cultura-popular.html

https://verin-natural.blogspot.com/2018/03/e-mais-recollas-de-nomes-vernaculos-de.html

https://verin-natural.blogspot.com/2016/10/conversando-sobre-ladras-landras-lascas.html

https://verin-natural.blogspot.com/2012/08/unha-crenza-popular-sobre-as-ladras.html

https://verin-natural.blogspot.com/2008/06/nomes-vernculos-da-comarca-de-vern.html

https://rexiomontanos.blogspot.com/2020/11/uns-contos-da-zorra.html


Moitas grazas aos informantes, continuaremos coa pescuda en Castrelo de Abaixo de maís nomes vernáculos de Fauna que falten ou que estén errados, tamén contos, lendas, crenzas, historias ou ditos.

Se coñecedes máis ao respecto agradécese que se facilite coa finalidade de que non se perda esta tradición oral con serio risco de desaparecer.

Saúdos

Ningún comentario: