Amosando publicacións coa etiqueta Tradición oral galego-portuguesa. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Tradición oral galego-portuguesa. Amosar todas as publicacións

mércores, 18 de febreiro de 2026

Ampliacións ao Entruido en Castrelo de Abaixo

Ampliacións ao post sobre o Entruido en Castrelo de Abaixo: https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2026/02/o-entruido-en-castrelo-de-abaixo.html?m=1

Cartaz do Entroido de Castrelo de Abaixo deste ano 2026


A continuar vaise transcribir unha información que nos foi comentando Joaquín Prado Barazal, Quin, nunha conversa mantida nun grupo, das redes sociais, de Castrelo de Abaixo.

Máis ou menos foi isto o que nos contou a todos:


"Eu creo que xa aportara algo das ideas e costumes do Entroido de Castrelos, do que recordo de rapaz, e do que me contaban algúns veciños que xa non están con nós, en concreto o Nelo, Daniel Diéguez, que en paz descanse, pero foi moi interesante a súa aportación de como se facía o entroido en Castrelos, aló polos anos 40, 50, 60 e 70 do século XX.

Cuando a época de entroido, o 'meco' levábase nun carro de vacas. A partires do ano 1975, aproximadamente, o meco empezou a recorrer nun tractor as dúas rúas da localidade e das aldeas veciñas porque era máis cómodo e fácil de levar. Todo vai cambiando cos tempos.


Reporto un pouco de información para que quede de arquivo para un futuro dos veciños de Castrelos:

1) Vestíase o Entroido con palla e roupa vella, ó final dos setenta mesmo cunha funda de obra, púñanlle unha chaqueta de pana por exemplo, e unha careta normal, tapábase a cabeza do meco cunha gorra ou sombreiro de palla, tamén podía ser unha viseira, e como calzado recordo unhas botas de goma Katiuskas.

2) Logo os mozos que máis sabían centrábano no medio do carro, ben suxeito, coas pernas abertas, todo moi ben amarrado porque, ata que se sacara do carro na praza onda o forno, e se baixara para queimalo, que era ó remate final do entroido o martes de carnaval, o meco non debería caer do carro.

3) Había unhas normas, uns costumes, no carro. Só lles estaba permitido montar ás mozas, ás Madamas, ou algunha persoa con pouca movilidade. Ningún mozo de máis de 15 anos ou home se lle permitía montar no carro do Entroido. As mozas, por costume, non todas, levaban unha cesta de vimbias para poñer os ovos que os veciños lles ían dando. Logo, ó remate do entroido, o martes de carnaval, facíanse tostas de pan con ovos e filloas, e café, e chocolate.

4) O carro mesmo ía adornado un pouco. No pinallo do carro cruzábanse dous paos amarrados ó mesmo pinallo onde os mozos máis fortes suxeitaban de cada lado para levantar o carro á altura da cintura. Logo, dos chavellos ou chavellas do pinallo de diante do carro, amarrábase unha corda a cada lado, de aproximadamente uns oito metros cada corda, onde os mozos tiraban do carro polas rúas da aldea e cuando se salía co Entroido a outras aldeas da contorna.


No entroido, o último día, Martes de Carnaval, que era precisamente cuando salía o carro polo pobo co Entroido, había unha figura importante que destacaba e mandaba en toda a parafernalia do entroido. Era o Entroido Maior. A ser  posible escollíase un mozo dos máis altos e robustos do pobo. Ese mozo disfrazábase intentando no ser recoñecido, o menos posible, polos veciños do pobo, somente polos mozos, que tamén se disfrazaban, e participaban así no carnaval. A máscara ou careta, os anos que eu lembro, era sempre unha moi fea, coa imaxe do Demo, Satanás. Ese mordomo xefe levaba un lareiro, estaca larga cun saco ou farrapeira na punta, chea de lama, e mollada. Representaba toda a orde do desfile. Cual era a sua misión? Pois que os mozos tiraran do carro con forza, e vixiar que somente montaran enriba dele as mulleres e rapaces pequenos, nunca ningún mozo, do contrario pasáballes a farrapeira polas costas, polo lombo. Por algo era o Mordomo do Entroido.


Durante muitos anos, por costume ou machismo ou a saber, as comidas, troulas, no pobo eran exclusivamente cousa de homes, todo o ano, pero en carnaval, no Martes de Entroido, era unha reunión ó finalizar o entroido e queimar o meco, na que se xuntaban mozos e mozas para comer as tostas, filloas e chocolate. Mozos, mozas e rapaces.


Termino. Cuando pasabas de rapaz a mozo. Moi importante isto:

Na praza de detrás do forno, durante muitos anos, había un pau largo, fora de pino ou de castiñeiro, no que por costume se sentaban os mozos do pobo cara a noitiña, ó pór do sol, pero estáballe prohibido achegárense os rapaces. O motivo era moi simple. Os mozos falaban de muitas cousas, festas, mozas, amoríos, e os rapaces xa se sabe que non guardan segredo.

Para  ser mozo, aproximadamente entre os 15 e 16 anos, cando eras admitido como mozo, tiñas que pagar un cántaro de Viño e mesmo aportar algún diñeiro para unha troula no forno do Concello, e desde ese día eras admitido xa como mozo e pasabas a formar parte da mocidade para esas troulas e festas.

Creo que, para admitírente como mozo, o que tiñas que pagar era entre un cántaro ou dous de viño. Eran costumes que xa viñan de moi atrás.

Coa chegada da democracia pos todo foi cambiando. Agora muitos deses costumes xa non se levan. Tamén xa quedan poucos mozos e mozas nos pobos, e todo foi cambiando co progreso e cos novos tempos que vivimos.


É todo o que sei destes costumes que che/vos podo aportar. Isto é o que recordó eu como rapaz, máis o que me contaron os nosos pais e avós.

Os costumes e tradicións dun pobo non se poden esquecer, nin olvidar que son as nosas raíces e a nosa historia."


Dámoslle o agradecemento a Joaquín Prado Barazal por todo o que aportou aiquí para o pobo de Castrelo de Abaixo e non só. Obrigados pois.


Un saúdo a toda a comunidade, e irase a seguir recollendo desta riquísima tradición oral, do entruido e doutras que foren xurdindo...

xoves, 12 de febreiro de 2026

O Entruido en Castrelo de Abaixo (revisado e ampliado)

A celebración do Entruido en Castrelo de Abaixo, A Ribeira, O Riós, ocorría dende o Xoves de Compadres ata o Martes de Entruido. Contaban que daquelas a súa poboación era relativamente abondosa, que había moita 'mocidá', dicían que aínda máis que en Castrelo de Cima, a pesar de estar alí a casa reitoral, o posto da Guarda Civil, ser unha meirande parroquia e haber pretendido constituírse coma concello polas primeiras décadas do século XIX. Había certa rivalidade con algunha poboación veciña, sobre todo nas festas, por exemplo cos de Berrande, aos que os mozos e mozas de Castrelos lles chamaban de forma burleira "Os da chaqueta rachada". Nas festas había boa relación en xeral coas aldeas da veciñanza: A Arzoá, A Silva, O Mourisco, Castrelo de Cima, A Veiga do Seixo, Sampaio, Santa Comba de Baroncelle, Moialde e as veciñas portuguesas da Cisterna, Vilarinho de Lomba, Quirás, Edroso e Paços de Lomba. O Entruido era unha festividade máis íntima de cada aldea onde en todas sempre se facía algo.

Castrelo de Abaixo

Nestas celebracións do Entruido había unha loita de sexos na que os homes botábanlle cinsa ás mulleres e viceversa (non se botaba fariña nin farelos xa que non había suficiente e reservábase para o consumo propio ou da facenda) e enzoufábanse as caras entre eles con borrallo do forno, das lareiras e dos potes (non confundir co borrallo dos camiños, chamado así nesta zona á poeira). Isto acontecía durante todas estas datas con maior incidencia nos días máis sinalados: no Xoves de Compadres, no Xoves de Comadres, no Domingo Gordo e no Martes de Entruido.

No Xoves de Compadres as rapazas e mozas facían un boneco ao que chamaban O Compadre. O ritual consistía en querer queimalo e os rapaces e mozos tiñan que tratar de impedilo.

No Xoves de Comadres eran os rapaces e os mozos os que facían a boneca, A Comadre, e as rapazas e mozas tiñan que tratar de que eles non a queimaran.

Entre todos e todas facíase un meco ao que chamaban O Entruido, normalmente con roupas vellas recheado con pallas e unha carauta. Durante os días grandes dos festexos: no Domingo Gordo e no Martes de Entruido maiormente, subíano ao alto dun carro e paseábano por toda a aldea e os veciños ofrecíanlles viandas e viño. Tamén se desprazaban a outras localidades da veciñanza co carro e co Entruido. Ían ata O Mourisco, Castrelo de Cima, Santa Comba de Baroncelle e Moialde, non ían á Arzoá, nin a Sampaio, nin á Veiga do Seixo, si que pasaban pola Silva mais de camiño a Santa Comba e Moialde. Nestas localidades veciñas non pedían viandas, só era unha forma de reafirmárense como mocidade ante outras comunidades. Ao carro apretábanselle as treitoiras para que cantase máis, era tirado polos Vellarrós (máscaras disfrazadas de vellos) e no alto ían subidas as Madamas (mozas vestidas con roupas bonitas), acompañábaos tamén xente disfrazada coas Mascaritas ou mesmo sen disfraz.

Personaxes do Entruido:

Os Vellarrós (Vellarrón en singular): Parodiaban aos homes vellos, ían adobiados con máscaras feitas de pelica, tea ou cartón duro, e disfrazados con roupas vellas de home improvisadas, tamén adoitaban pór un coxín nas costas a modo de xiba e levaban un caxato para camiñaren dobregados interpretando o papel. Unha das súas misións era acompañar ao carro do Entruido, tamén ían polas casas pedindo viandas e os veciños dábanllas sen coñecerse nunca a súa identidade.

As Vellarronas: Similar aos Vellarrós só que desta volta parodiando ás mulleres vellas e disfrazadas delas. Era frecuente que os homes se vestiran tamén de Vellaronas.

As Madamas: Rapazas e mozas que se vestían con roupas elegantes, adoitaban botar unha colcha por riba dos ombreiros, se callar a mellor que se tiña na casa, tamén se pintaban os beizos e a cara con coloretes nas meixelas, non levaban alfaias ao non se teren nas casas humildes.

As Mascaritas: Eran disfraces que consistían en pórse roupas improvisadas e carautas de pelica, tea ou cartón duro, diferenciábanse dos Vellarrós e Vellarronas porque estas non cumprían a función de parodiar aos vellos, non actuaban, o que si era é que ían percorrendo os Fiadeiros que xurdían polas noites nas lareiras ou no forno calquera día dos festexos.

Os Cigarrós (Cigarrón en singular, distinto aos de Verín máis co nome seguramente que da súa influenza. Tamén se ouvíu chamarlle así a uns personaxes con chocallos, carauta e zamarra, máis rudimentarias e menos elaboradas que as verinesas, no entanto non se sabe certo desta máscara. Amplíase no texto a continuar) ou Vellarrois (Vellarrón en singular, non confundir cos outros Vellarrós propios) de Castrelo de Cima e da Veiga do Seixo: Eran uns personaxes que viñan de visita dende estas dúas localidades veciñas, tiñan un traxe moi elaborado e vistoso, cunha camisola de felpa enfeitadas con fitas ou papeis de cores, cun deseño en triángulo invertido, igual que os calzóns tamén de felpa e enfeitados con fitas, nas pernas levaban unhas polainas de couro negro, nas maus unhas luvas brancas, unha faixa branca á cintura e un pano tamén branco ao pescozo, unha máscara de home feita de cartón duro con cellas pintadas e barba ou bigoteira de lá de ovella negra, cun branco dentame, con nariz e orellas moi grandes, enriba da cabeza levaba unha especie de pucho feito con vímbios aos que lle colaban papeis de cores cunha masa feita de farelos, levaban un cinto con esquilas que facían soar aos choutos e movementos da cintura, espantaban así aos rapaces, tamén portaban un 'farrampo' a modo de tralla ou zamarra, que se asemellaba a un mallo, feito cun mango de pau e unha tira de coiro, ás veces forrada de tea de saco de esparto, no entanto eran unhas máscaras fustigadoras á vez que petitorias, ás veces pedían viandas, ás veces eran acompañados por unha Madama e un Farranpón (persoa disfrazada que se ocupaba de recoller as viandas nun cesto), dicíanlle así ao seu paso "Vello, vello, Vellarrón, mete os cartos no bolsón !" Personaxe moi ben recollido e documentado nas obras de Xerardo Dasairas de Verín "O Entroido en Terras de Monterrei", José Rodríguez Cruz da Gudiña "Mitos, crenzas e costumes da raia seca. A máxica fronteira galego-portuguesa", e Nieves Amado de Laza "Os Vellarrois ( A Veiga do Seixo e Castrelo de Cima - Riós)". Esta máscara é a día de hoxe o emblema do entroido do concello do Riós. En Castrelo de Cima tratan de recuperala con todo o seu ritual orixinal.

http://monterreicultura.blogspot.com/2015/01/os-vellarrois-veiga-do-seixo-e-castrelo.html

https://www.osil.info/nos-dominios-do-vellaron/

Engádese neste post a recolla dun personaxe central do entruido de Castrelo de Abaixo. Falounos del o Quin, Joaquín Prado Barazal, dicíanos que era unha especie de 'mordomo' que ía pondo orde, digamos, zustigando cunha vara longa que levaba na punta unha tea de saco mollada coa que batía aos mozos que tentaban subir ao carro das madamas, por exemplo. Conta tamén que levaba unha carauta algo así coma a máis fea que dese medo que se atopase, tipo demo. Intúese que pode ser unha variante do que se coñece co nome xenérico de 'choqueiro', 'chocalleiro', 'mázcara' ou 'careto', e podería ser que coincidese con ese tal 'cigarrón', diferente dos de Verín, do que se fala no texto anterior.

Exemplo dun Choqueiro de Chaves (non quer dicir que for coma este, é só de exemplo).
Imaxe sacada da páxina Entroido:

Exemplo dun Choqueiro de Chaves (non quer dicir que for coma este, é só como exemplo).
Imaxe sacada da páxina Entroido:
https://www.facebook.com/share/p/1AYPu33Qn9/

No Domingo Gordo íase á misa, de mañá. Un apuntamento, estas máscaras e personaxes sempre respectaban o eido sagrado.

No Martes de Entruido só se adoitaba traballar pola mañá, pola tarde tíñase música e baile, un gaiteiro, normalmente O Gaiteiro de Castrelo d'Arriba, unha caixa, áchase que viña un veciño de Barxa, e un bombo, O Bombeiro de Santacomba, rematábase a festa co bouramento a paus e queima do Entruido pola noite na praza onda Ó Forno, eixo central de todos os festexos e rituais do Entroido, e outras.

Como é de lóxica, todos estes actos eran festexados pola tardiña ao remate das tarefas do campo e ao acomodárese a facenda, a non ser o Domingo Gordo que xa era o día propio de descanso, se non había traballos pendentes, máis o Martes de Entruido pola tarde, e, o dito, o lugar de reunión sempre era a redor do forno comunal (tamén cando se chamaba a concello e cando se reunían no fiadeiro que as máis das veces se facía aquí no seu interior, e outras nas lareiras).

Non se sabe se na época da Guerra Civil Española se celebrou o Entruido (continuarase a indagar no tocante). Durante a ditadura franquista non estaba permitido mais seguíuse a facer ás agochadas das autoridades.

En épocas contemporaneas algúns mozos e mozas e veciñanza de Castrelo de Abaixo aínda fixeron, e fan, o meco do Entruido e queimárono, e quéimano, no Martes de Entruido ou no Sábado de Entruido para non coincidir con festexos doutras localidades ou por simple disposición.

Entruido de Castrelo de Abaixo do ano 2023

Estas máscaras e costumes anteriores seica non son exclusivas de Castrelo de Abaixo, hóuboas ou hainas con variantes en moitas aldeas da contorna e aínda máis lonxe, de certo que cunha orixe común.

Unha tradición a continuar e a recuperar o que se puidera haber perdido.

Moitísimas grazas entón a tódalas persoas que aportaron información e, por certo, a todos os veciños e veciñas de Castrelo de Abaixo que non perden os seus costumes e tradicións. Saúde e Entruido!


P. E.: este artigo é unha revisión e ampliación dun post anterior deste mesmo blogue: 

ttps://castrelodeabaixo.blogspot.com/2021/08/o-entruido-en-castrelo-de-abaixo.html

luns, 4 de outubro de 2021

Orixe lendaria celta do nome e descubrimento do Brasil, As Illas do Brasil

Mapa do Brasil do Atlas Portugués de 1519

O Brasil, As Illas do Brasil:

A continuar imos ver as posibles orixes lendarias celtas ou célticas na etimoloxía e orixe do nome do Brasil, das mitolóxicas Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, ou incluso a Illa de San Brandán, unha terra da abundancia, a "terra das delicias vista entre néboas".

Nun mapa de Toscanelli, as supostas Illas do Brasil, a Illa de San Brandán, ubicounas enfronte ás costas da Irlanda, Ireland, hÉireann, Éire, Erín, recollido de fontes celtas, onde se referencia como unhas illas occidentais, unhas illas descoñecidas, unhas illas utópicas. Aparecen reflexadas por vez primeira nunha carta náutica do 1333 de Dalorto, situada preto de Irlanda e tería forma circular, chamada "Insula Brasil". No 1480 está documenta unha expedicón que partíu de Bristol para atoparen as Illas do Brasil, navegaron durante nove meses e regresaron sen atoparénas. No 1481 outra expedición procura as mesmas illas co fin de estableceren unha base de pesca no océano Atlántico.

E, outros máis, como Martin Behaim, que realizaría un mapa no que aparece a suposta ubicación da Illa de San Brandán, As Illas do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Paolo_dal_Pozzo_Toscanelli

https://pt.wikipedia.org/wiki/Martin_Behaim

Mapa de Toscanelli de 1474 no que Cristovo Colombo basearía a súa viaxe ás Indias, á descuberta da América


Mapa do océano Atlántico onde aparece a illa de Sant Brandan realizado por Martin Behaim no 1492

O nome das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, a Illa de San Brandán, coma unha illa ou unhas illas descoñecidas e utópicas, a terra da abundancia, o paraíso terrenal, a terra das delicias vista entre as néboas, a Illa das Mazairas onde abondan as mazás e non se pasa fame, aparece por última vez relacionado co descubrimento de Jean Cabot no 1497, nunha carta a Cristovo Colombo dese mesmo ano, no que o mercador John Day asemella a nova terra descuberta á Illa das Sete Cidades de Cíbola, unha cidade lendaria e utópica chea de riquezas, mais asegurando que este descubrimento había sido feito por mariños de Bristol que pensaron que eran as mesmas Illas do Brasil.

https://en.wikipedia.org/wiki/Name_of_Brazil#The_island_of_Brasil

https://en.wikipedia.org/wiki/Brasil_(mythical_island)

https://es.wikipedia.org/wiki/C%C3%ADbola


Etimoloxía do nome do Brasil:

Respecto á etimoloxía e posible orixe do nome de Brasil, a teoría máis aceptada ata fai pouco tempo, que é só unha teoría, dicía que procedería dunha árbore abondosa nesa zona, coa madeira de cor encarnada e moi apreciada, como madeira nobre e para tinguir, sería o chamado Pau Brasil, Paubrasilia echinata, e que daquí viría o nome do Brasil (João de Barros, frei Vicente do Salvador e Pero de Magallães Gândavo). Mais xa Marco Polo na súa viaxe pola Asia fala da existencia de árbores brasiles en moitas rexións do mundo: na illa de Xava, na illa de Borneo, na illa de Sumatra, no Ceilán, na India e na costa oriental da África. Semella entón un nome moi xenérico e pouco específico, e non relacionado cunha nova terra por descubrirse e tan concreta e singular coma o Brasil. Como ían coñeceren a existencia dunha especie certa de árbore de alá se non se coñecía nin o territorio mesmo, o continente?

https://pt.wikipedia.org/wiki/Paubrasilia_echinata

O que está na totalidade claro é que o nome do Brasil foi dado polos navegantes portugueses, que, de facto, serían galaicos xa que a Lusitania estivo ocupada por musulmáns e logo sería repoboada con habitantes da Gallaecia, do norte de Portugal que era onde habitaban os cristiáns, os cales descubriron esa rexión do mundo e que viron esa terra da abundancia, tendo antes de ser Brasil outras desginacións ao longo dos séculos para as novas terras descubertas: Ilha de Vera Cruz (capitão Pedro Álvares de Cabral), Terra de Santa Cruz, Terra dos Papagaios (nome dado nalgúns lugares de Galicia e poida que de Portugal ao paxaro Oriolus oriolus que semella unha ave tropical), Nova Lusitânia, Cabrália, Império do Brasil e Estados Unidos do Brasil. Hoje o nome certo é Brasil, o Brasil, e, a denominación oficial actual é, a República Federativa do Brasil.

Imos avanzar polo relato para entrar no contexto e dirase nas conclusións o que se acha, fundamentadamente, sobre a posible etimoloxía e orixe do nome actual do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Brasil

Mapa xeopolítico do Brasil actual. www.mapainteractivo.net/fotos/mapa-de-brasil

San Brandán o Navegante:

San Brandán, alcumando o Navegante, Sant Branden of Ardfert and Clonfert, (c. 484 - c. 577) foi un bispo e abade de Clonfert, na Irlanda, nas Illas Británicas, na Europa atlántica. Nacido na costa occidental da illa de Irlanda, entón era a fronteira do mundo coñecido polos occidentais, emprendeu un vasto periplo misional e de fundación de abadías polo oeste irlandés, mais polo que ficou máis coñecido foi polas súa viaxes épicas polo Mare Tenebrosum, polo océano Atlántico: polas illas Británicas, polas illas Orcades, polas illas Shettland e polas illas Faroe, un feito entón incomún durante a Alta Idade Media.

A súa biografía está escrita na "Vita Sancti Brendinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia", cuxa copia máis antiga terá sido composta en Latín eclesiástico por volta do século X, e que se transformou nun dos escritos máis copiado da Alta Idade Media, con varias traducións e versións. A partires da Vita Sancti Brendani, nun proceso se callar interactivo, xurdiron diversas lendas que aparecen hoxe no legado cultural da maioría dos pobos da costa occidental europea, en particular os de orixe celta ou céltica, os nosos castrexos.

https://pt.wikipedia.org/wiki/S%C3%A3o_Brand%C3%A3o

Saint Brendan, São Brandão. Wikipedia.Portugal

A Illa de San Brandán:

A Illa de San Brandán foi coñecida na Europa da Idade Media polo texo da biografía de San Brandán antes citada: "Vita S. Brandinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia". Neste texto nárrase a viaxe de San Brandán coa súa partida dende Irlanda, e acompañado por un numeroso grupo de monxes, da súa abadía de Shanakeel ou Baalynevinoorach, próxima de Ardfert, costa ocidental da Irlanda, e que durante sete anos de singladura foran na procura oceánica da Illa das Delicias, da illa da abundancia, do Paraíso celta.

Seica visitaron diversos lugares e atoparon as máis exóticas criaturas. Ao final nárrase que atinxiran de certo a "Terra Repromissionis", o Paraíso, unha terra de indescriptíbel beleza e luxuriante vexetación, mais a narrativa non indica a rota seguida, polo que a verdadeira localización do Paraíso de San Brandán quedou sendo un misterio, dándolle aínda máis misticismo a esa terra da abundancia lendaria.

Nese texto tamén se reproducen numerosos aspectos que serían atribuídos ao deus Bran, Breo, Bre, Bres, o fillo do xigante e rei da Gran Bretaña Brân the Blessed, e o neto da divinidade do mar Llyr, e á súa viaxe, e a narración axudaría a fixar a posición incerta desa illa perdida, da Illa das Delicias, das Illas Afortunadas, das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil. Esta suposta illa ou illas aparecen na cartografía nun mapa da Abadía de Herford onde se identifican coa illa de San Brandán pola súa lexenda "Fortunale Insulae sex sunt, insule Brandani".

Xa Fernão de Noronha (c. 1470 - Liboa c. 1540) identificou mesmamente ao propio Brasil como sendo as Illas Afortunadas da lenda de San Brandán do século VI, chamándolle xa entón as Terras do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Ilha_de_S%C3%A3o_Brand%C3%A3o

https://pt.wikipedia.org/wiki/Fern%C3%A3o_de_Noronha

https://en.wikipedia.org/wiki/The_Voyage_of_Bran

https://en.wikipedia.org/wiki/Caradog_ap_Bran

https://en.wikipedia.org/wiki/Br%C3%A2n_the_Blessed

https://en.wikipedia.org/wiki/Ll%C5%B7r


As orixes lendarias da nación de Irlanda:

Segundo o Lebor Gabála Érenn (Libro das conquistas de Irlanda) que é un conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa como a suma das distintas invasións dende a súa creación ata o século XI, data na que se escrivíu en lingua gaélica.

Tén varias partes mais ímonos centrar nas que nos concernen, resumindo viría a relatar o seguinte:

Da historia dos celtas dende a diáspora das nacións ata a chegada a Irlanda: Onde sitúa a orixe dos celtas gaélicos en pobos do mediterráneo, coma na Torre de Babel ou no Exipto faraónico, serían descendentes do pobo dos escotos, que chegarán do mediterráneo e asentaranse primeiramente no noroeste da Hispania romana, entendida non como unha entidade política ou nación senón que coma un relevo ou accidente xeográfico, o territorio da península de Hispania, da península Ibérica actual, aquí aséntanse os descendentes destes escotos, hai quen os relaciona cos misteriosos Pobos do Mar, entre os que estará Breogán, fillo de Brath, nese noroeste da Hispania fundaría a cidade de Brigantium, a actual A Coruña, e nela construiría unha alta torre, hai quen a relaciona coa primitiva Torre de Hércules, dende a que o seu fillo Ith poido divisar ao lonxe no mar nun día claro unha illa verde esmeralda, Irlanda.

A invasión dos Milesios: Onde continúa a se narrar a historia dos gaélicos irlandeses, que di que Ith, fillo de Breogán, ao divisar no lonxíncuo a illa verde esmeralda, viaxa a Irlanda para coñecer o seu achádego. Sería benvido e ben recibido polos seus reis, mais a nobreza local envexosa asasinaríano e o seu cadáver volvería ao noroeste da Hispania, á Gallaecia. Os Milesianos, fillos do seu tío Míl Espáne, planean a súa vinganza e conquista a illa. En Tara son benvidos polos tres reis dos Tuatha Dé Danann, quenes defenden a vontade de manteren unido o reino. Entre moitos avatares e mitoloxía, dise que a frota milesiana foi afastada, mais Amergin consegue disipar os ventos coa súa poesía. Das naves sobrevivintes, as de Éber atracan en Inber Scéine (Kenmare River) no suroeste da Irlanda, mentres que as de Éremon atracan en Inber Colptha (na desembocadura do río Boyne). En dúas batallas en Sliabh Mis e Tailtiu, os Tuatha Dé Danann son derrotados.

Logo continuaría narrando as distintas disnastías de Irlanda antes do cristianismo e coas dinastías de Irlanda despois do cristianismo, que é o libro con mellor documentación.

A relación lendaria de Irlanda con Galicia está de sobra clarexada.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lebor_Gab%C3%A1la_%C3%89renn


Tír na nÓg, o Paraíso celta:

Tír na nÓg é chamada en inglés Land of Eternal Youth (A Terra da Eterna Xuventude) ou Land of the Ever-Young (A Terra dos Sempre Xoves), é a máis popular dos Outros Mundos da mitoloxía celta irlandesa, foi a illa onde os Tuatha Dé Danann se fixarían despois de abandonar Irlanda, e foi visitada por algúns dos maiores heroes irlandeses. Tír na nÓg un paraíso e reino sobrenatural da xuventude eterna, da beleza, da saúde, da adundancia e da ledicia. Segundo as lendas sería unha illa situada máis alá da liña do horizonte cara o poñente nos confíns do Mare Tenebrosum, do océano Atlántico, onda a doenza e a morte non existirían, un lugar da eterena xuventude, onde a felicidade dura para sempe e non se pasa fame nin sede. Sería o equivalente aos Campos Elísios gregos ou ao Valhalla nórdico, vikingo.

Tír na nÓg, como paraíso mitolóxico, e outros paraísos terrenais, tén outras designacións coas que se se lle quiso dar correspondencia, son exemplo Magmell, Ablach, incluso Ábalon, a Illa das Mazairas, a Illa das Delicias, as Illas Afortunadas, a utópica Illa de San Brandán, e, a que máis nos incumbe, as Illas do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/T%C3%ADr_na_n%C3%93g


O Larouco asimilado a un paraíso céltico:

Como se pode ver, se se quere, nun relato recente doutra publicación, que se relaciona a continuar, o monte do Larouco dos nosos castrexos célticos da Gallaecia identificaríase como unha entrada ao Paraíso, unha porta ao Alén, ao Tír na nÓg irlandés, e por ende á suposta Illa de San Brandán, e por tal ás Illas do Brasil.

Para comprender o contexto por completo aconséllase ler en profundiade esta outra publicación enlazada:

Rexiomontanos. O Larouco, que pode ser?

https://rexiomontanos.blogspot.com/2021/09/larouco-que-pode-ser.html

O Larouco no lonxíncuo, as Illas do Brasil

O Larouco e Castrelo de Abaixo:

Castrelo de Abaixo faría mención a un Castrellum, un pequeno castro da cultura céltica, castrexa,  da Idade do Ferro, posiblemente da tribo dos Tamaganos, pertencentes ás tribos do pobo dos Saefes, os adoradores de serpes de Ophiusa, que deu orixe logo á nación galaica, asimilados estes polos romanos aos Kallaicoi, os keltoi, os ocultos, os Celtas, e dos kallaicoi xurdíu o nome da kalaekia, da Gallaecia, da Galicia e do norte de Portugal actuais, sería o noroeste da Hispania romana, a península Ibérica actual.

Dende Castrelo de Abaixo divísase ao lonxe o monte do Larouco, a oeste, ao pór do sol. Aquí non se atoparon lendas de serpes sagradas voadoras que irían morrer á serra do Larouco como porta de acceso ao Alén, ao Paraíso, ao Tír na nÓg, correlacionándoos coa lendaria Illa de San Brandán, coas Illas do Brasil. Mais si que se puntualiza que os vellos en Castrelos dicían: "Vén un frío do demo da serra do Laoruco", e explícase, tendo en conta que O Larouco queda moi afastado xeográficamente de Castrelo de Abaixo, só tén contacto visual no lonxíncuo, na mesma liña do horizonte, no acceso ao infinito, e tendo tamén en conta de que o frío intenso entraría polo norte e non polo oeste, e que polo suroeste entraríannos os frentes atlánticos, as tempestades oceánicas transformadas en borrascas, xa se intúe que algo singular tén esa serra lonxíncua, ese monte afastado, morada dunha divinidade que pode traer o frío, o inverno, e por oposición a primavera, a abundancia, entón para os habitantes de Castrelo de Abaixo, e non só, significaría que hai algo máis alá da tona superficial, algo profundo e extraordinario, en resumo, algo sagrado para eles, se callar O Larouco.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Castrelo_de_Abaixo,_Ri%C3%B3s

https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2021/09/posible-significado-do-nome-castrelo-de.html

Catrelo de Abaixo, do concello do Riós, da bisbarra de Monterrei, da Galicia

Conclusións:

Bon, unindo todo isto pódese chegar a concluír, de forma intuitiva, mais baseada en información contrastable e exposta xa, non só recollida da rede, xa que esta estaría moi sesgada, senón que consultando con expertos, alén doutras fontes bilbiográficas, e con coñecementos propios e alleos, e chegando a unhas deducións meditadas e coherentes, case que se pode afirmar, sen dúvida algunha, acho que de facto xa está incluso aceptado por grande parte dos historiadores oficiais destas orixes do nome Brasil, que a etimoloxía do nome de Brasil, das Illas do Brasil, The Island of Brasil, sería de orixe lendaria celta, directamente relacionada coa Irlanda, e por tal coa Galicia, e, porsuposto que con Portugal, aliás máis co norte que co sur, que tamén, e forxado todo el na Gallaecia.

Relacionaríamos entón ao Brasil coas Illas do Brasil, coa Illa de San Brandán, co Paraíso terrenal, co Tír na nÓg celta, entón asimilaríase co Larouco, e o Larouco relacionaríase indirectamente coa Galllaecia romana, coa Galicia actual e co norte de Portugal, para nada coa Lusitania, e máis en concreto coa contorna da serra do Larouco, co Barroso, coas Frieiras, coa bisbarra de Monterrei, e dentro desta coa mesmísima localidade de Castrelo de Abaixo coa visual e perspectiva ao solpor da impoñente silueta de muller do monte sagrado do Larouco, que no seu cimo estaría ubicada a porta de entrada ao Paraíso, ás Illas do Brasil.


Etimoloxía axeitada do nome do Brasil:

Entón para rematar dirase a que pode ser a etimoloxía do nome do Brasil, As Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, podería estar ligado ao deus atlántico Bran, Breo, Bre, Bres, o Deus que governa o Atlántico, daquelas o Mare Tenebrosum, e que dá o nome a terras coma a Bretaña, a Gran Bretaña, e aínda na Galicia ao santuario céltico do deus indíxena Berobreo do Facho de Donón, ou a Bretoña lucense, incluso intúese o heroe galaico Breogán. Se navegamos cara ao interior do Mare Tenebrosum, do océano Atlántico, gobernado polo deus Bran, Breo, Bre, Bres, o fillo do xigante e rei da Gran Bretaña Brân the Blessed, e o neto da divinidade do mar Llyr, atopámonos entón coas Illas do Brasil, as Illas de Bresil, as Illas de Bresail. Navegar en inglés dise 'sail'. Logo o nome de Bresail, Island of the Blessed (a Illa da Bendición), podería vir de Bres sail, coas raíces bres- (prefixo) e -sail (sufixo), bressail - bresail - bresil - brasil, e significaría de maneira literal:

As Illas do Deus Breo que Navegan polo Mare Tenebrosum, polo Océano Atlántico: O Brasil.

No entanto, tamén podería vir do irlandés antigo, do goíldec, no que 'bres' significaría: beleza, valor, grande, poderosa, e Í: illa, e podería ser entón Bres'Í:

A Illa da Beleza, da Afouteza, da Grandiosidade e do Poderío.

Moita xente seguro que non concordará con estas hipóteses, estaríase aberta a discusión, non hai problema, no entanto o relato é coherente en extremo.

Agárdase que gostedes da orixe lendaria do descubrimento e nome do actual Brasil onde moitos veciños de Castrelo de Abaixo tiveron que emigrar, a eles e a todos os seus descendentes, que tamén son veciños de Castrelos, e a todos os brasileiros, e a todos os galegos e portugueses, e a todos os irlandeses, e a todo o mundo celta, e non só, na vosa lembranza sodes a quen vai dirixida esta reflexión.

Moitas grazas, muito obrigado. Que gostedes, que vocês gostem. Saúdos, cumprimentos, dende Castrelo de Abaixo para as Illas do Brasil, a nosa Utopía, a nosa República dos Soños, como di a ilustre escritora brasileira con orixe galega, de Almofrei, do concello de Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra, mais nacida no Rio de Janeiro, Nélida Cuíñas Piñón, reflexado na súa excelente obra literaria que trata do éxodo dos emigrantes galegos, mulleres e homes e nenos, ao Brasil a comezos do século XX e intitulada "A república dos sonhos" (1977).


(Escrébese en lingua e grafía galega, mais pertencendo á lusofonía mundial, á galaicofonía, á mourindá, ao celtismo, peço desculpas!, I apologize!, tá brón orm!).

Ata sempre!, ou, ata a próxima!, ou, see you soon!, ou slán!, ou, até já!

xoves, 9 de setembro de 2021

Un contrabandista filántropo de rexo carácter

A continuar vaise escribir sobre parte da vida dun veciño singular de Castrelo de Abaixo, Daniel Reigada Pérez, alcumado o Tío Fona, que como veremos máis adiante foi un contrabandista filántropo, afouto e cun carácter moi marcado.

Fotografía de Mari R. R.

Isto foi o que contaron del os veciños, as amizades e os familiares:


Era o dono do comercio e taberna da Forxa, en Castrelo de Abaixo, foi tratante de gando e o maior contrabandista da contorna. Seica antepuña a xente aos negocios. En cuestión de contrabando, e debido ao seu mal xenio, os veciños temíanlle, pero con respecto, máis a el que aos propios guardas civís (e iso que entón tíñaselle moito medo á guarda civil da época da ditadura franquista. Daquelas, e aínda hoxe, pola Raia, aos guardas tamén era frecuente que se lles chamara "os carabineros", nome herdado do Cuerpo de Carabineros, que vixiaban as fronteiras e o contrabando na España, desaparecido xa acabada a guerra no ano 1940 e integrado despois na Guardia Civil. Aos 'guardiñas' portugueses, Guarda Fiscal e mesmo a GNR (chamada e pronunciada como "llí-ene-erre") Guarda Nacional Republicana, non se lles tiña tanto medo, si á PVDE Polícia de Vigilância e Defesa do Estado ata 1945, que foi sucedida logo pola PIDE Polícia Internacional e de Defesa do Estado, unha policía política encargada da represión de calquer tipo de oposición da ditadura portuguesa do Estado Novo, tamén abranguían o servizo de estranxeiros e fronteiras, en Portugal eran mesmo de terror, por desgraza non desapareceu ata o ano 1969. Seu equivalente como medio represor no réxime dictatorial de Franco era a chamada Brigada Político-Social BPS, oficialmente Brigada de Investigación Social BPI, seica estivo asesorada mesmo pola Gestapo da "Alemaña Nazi", dependía do Cuerpo General de Policía, desmilitarizado e reconvertido no actual Cuerpo Nacional de Policía CNP, que ten a súa orixe directa na 'Constitución' de 1978, mais esta Brigada Político-Social non desaparecu ata a chamada 'Transición', sendo substituída xa ben entrada a 'Democracia' pola BCI Brigada Central de Información. Todos estes a Castrelos non chegaban, actuaba entón a guarda civil).

Na súa xuventude fora chamado a combater na guerra civil española no bando nacional dos sublevados. Estivo loitando na histórica batalla do Ebro onde foi ferido de gravidade nunha perna por metralla de fogo aéreo. No entanto, políticamente, sempre se definíu como socialista acérrimo, non había quen lle levara a contraria, "vós que sabredes!" dicía. Logo dixéronnos o polo que da súa participación na guerra civil, a motivación é fascinante. O caso foi que a súa mai, a tía Amalia, tiña as terras embargadas por mor dun empréstito de cartos dos Romero das Vendas da Barreira. Ao non poder pagalo, o Daniel decididíu alistarse voluntario para a guerra, xa que alí lle pagaban por combater, e non foi en calquera sitio que enrolouse, senón que nada menos que en "La Legión", onde pagaban mellor, iso si, eran os que estaban na primeirísima liña de fogo. O motivo de ir á guerra foi entón só para salvar a mantenza familiar, con moito risco para a súa vida, abraiante!

Era un defensor da xestión comunitaria do pobo, herdanza da tradición oral galego-portuguesa, dicía: "Eiquí sempre resolvimos as cousas chamando "a concello"".

Antes nos comercios adoitábase comprar ao fiado ao non se teren, moitas das veces, capacidade monetaria para se pagar, el esperáballes ao tempo das castañas para cobrar, deste xeito o Daniel axudaba á xente no que poider, veciños do pobo, veciños da contorna, veciños portugueses. Escoitouse falar ben del deste xeito ata a veciños da Chaira do Riós, moi afastada xa xeográficamente das aldeas da Ribeira do Riós, dicindo unha muller dalí que "daquelas o Daniel de Castrelo d'Abaixo quitou muita fame", dicían o mesmo nas aldeas portuguesas da raia, "o Daniel tirou muita fome".


Tamén din que pagou moitos billetes a América. A xente acudía a el para poder pagar a pasaxe, se non podían devolverlle os cartos ofrecíalles, se quixeran, para lle pasar contrabando durante un tempo pactado e saldaren así a débeda. Os beneficiados quedáronlle sempre moi agradecidos xa que doutro xeito nunca houberan podido emigrar.

Non era crente, "bó!, trapalladas!" dicía. O caso foi que un día na festa da padroeira de Castrelo de Abaixo, A Santa María, o 15 de agosto, día da Asunción, coñecéndoo, o 'crego' (chamábaselle mesmo así aquí aos curas), que xacando era Don Lisardo, 'peseteiro' (que lle gustan os cartos), contrabandista e mesmo mullereiro, desafiouno a que se atrevera a pasarlle a colecta, "o cepillo", na misa, e que repartirían despois a medias a recolleita, e, todo afouto, aceptou o desafío. Entrou na igrexa no momento da colecta, agarrou a cesta e foi pasándoa por onda todos os fregueses (seica escachaban coa risa xa que coñecían de sobra o seu xeito descrente), ata foi onda os que estaban no sagrado (chámaselle así aquí ao adro) fóra da igrexa. Un home non ía botar esmola, parouse, mexeuno polo brazo e díxolle: "Ei!, Ti índa non botaches!", respondeulle o veciño: "É que non teño solto", e díxo o Daniel ordeando: "Pois bota entón un billete!", e botoullo mesmo. Despois entrou na igrexa levando o cesto co diñeiro, tapándoo coa mau para que non se escaparan os billetes, e foi directo para a sancristía, o crego seica deixou mesmo de misar a metade da cerimonia e entrou correndo na sancristía, apañou o cesto e levouno para onda el no altar, érache ben desconfiado e avarento. Seica nunca tantos cartos se recolleran.

Coma contrabandista pasaba, como moito, café (Sical mormente), 'whisky' (J&B mormente) ou tabaco (Winston mormente), seica nin el nin os fillos aceptaron nunca, e repudiaron sempre, tanto o narcotráfico como a trata de persoas, coma cando se levaban portugueses para a Francia, deixándoos moitas das veces tirados a metade de camiño (esa ralea de xentuza eran contrabandistas sen escrúpulos nin moral).

Cando morreu, no día do seu enterro, onde aistíu unha multitude, só se ouvía falar: "Ai!, a cuanta xentiña axudou o Daniel!", "o Daniel quitouche muita fame", "cuanto axudou este home!", "o Daniel foiche mui boa persoa", e cousas semellantes.


Agora uns relatos do contrabando que teñen a súa parte de graza mais tamén a súa parte de seriedade e traxedia, mesmo dramáticas, xa que ocurriron en tempos moi difíciles, hai que velos coa perspectiva do contexto histórico do momento, unha posguerra, unha ditadura, a época da fame, a necesidade de supervivencia, os profundos cambios dunha comunidade labrega que esmorecía, que socialmente non estaba atrasada, ao contrario, nalgúns eidos, de coexión social, de respecto polo alleo, de cultura tradicional, de felicidade do individuo, era ben avanzada, un pobo en armonía, como din os vellos e vellas: "Antes non tiñamos moito mais erámosche felices", a xente seica ía cantando ás labouras do campo, había unhas regras non escritas que non eran violadas, herdanza da nosa tradición oral galego-portuguesa, funcionaba mesmo, estivo funcionando así durante séculos, coas súas tristuras e ledicias.

Ben, eis aquí os relatos:


O primeiro intitulado: Neste lugar sobra un dos dous.

Hai moitas historias e anécdotas de interese que contar del, maiormente relativas ao contrabando, como cando a guarda civil recibíu unha denuncia de que o Daniel tiña na casa un cargamento moi importante de contrabando.

Din que se presentaron no comercio da Forxa un capitán, varios sarxentos e un feixe de guardas. Seica revolveron toda a taberna, as adegas e a casa, e ata miraron no interior das almofadas e colchóns.

A súa muller, a Tía Dolores da Forxa, que era "unha santa", discreta, de carácter afable e moi sentida (cando morreu, no día do seu enterro ouvíase dicir ás mulleres: "Ai! Doloriñas, Doloriñas! Cuanta fame nos quitaches!"), choraba na cociña e el dicíalle refunfuñando:

- "Eló pra que choras?, muller!, se non morreu naide".

Non atoparon nada de valor, o máis que viron fora nunha adega unhas cantas peles de cabrito e un par de lingotes de cobre de contrabando, unha miseria en relación a todo o que en realidade tiña, o resto estaba ben agochado xa que sabía de antemao que o habían denunciado e que o ían a rexistrar, semella que sabía incluso quen fora o delator.

Mentres os guardas civís estaban reunidos falando entre eles, enviou a espreitar á súa filla pequena, a Xon, que aínda era unha nena, para que ouvira o que dicían e que logo llo viñera a contar. A meniña foi e escoitaba e logo ía contárllo todo. Nunha ocasión descubrírona e dicía un guarda en ton despectivo:

- "¿Qué hace aquí esta polilla?".

(Como anécdota comentar que, por mor de facerlles tanta graza este nome e circunstancia, dende entón a esta filla quedoulle o alcume da Polilla).

E outro dos guardas reprochoulle á rapaza:

- "Niña, ¿qué haces aquí?".

E ela, con ton enfadado, contestoulle:

- "Que vou facer ? -respondendo a unha pregunta con outra pregunta, unha característica enxebre da linguaxe galega-, veño buscar ó meu pai".

Ao que o guarda dixo cara aos outros:

- "Es de su misma raza".

Total, que o capitán chamou ao Daniel para interrogalo e púxose a esixirlle:

- "¿Dónde tiene usted escondido el contrabando?".

El levantábase con todo o seu mal xenio da mesa, arrastrándoa e todo, e dicindo:

- "Eu non teño nada!, cona!".

A filla pequena, que estaba agochada debaixo da mesa, tiráballe da perna e el calmábase e sentábase de novo.

Logo o capitán volvía a insistir:

- "¿Le digo que me diga donde tiene usted el contrabando?".

E o Daniel, levantándose de novo mais desta vez con calma, baril, e dicíalle todo serio en castelán:

- "Mi capitán, en este lugar sobramos uno de los dos".

(Quen vería ao capitán!)

Logo de non atoparen nada máis e dándose por vencidos o capitán chamouno de novo para que asinara unha acta de aprehensión polo pouco que lle colleran e díxolle:

- "¿Quiere que le lea el acta para firmarla?".

E o Daniel co seu mal xenio contestoulle con autoridade:

- "Non firmo nada que non houbera redactado eu".

O capitán ao ver o panorama ordeou chamar polo pedáneo do pobo que era o que tiña que asinar en caso de que o acusado non quixera. Chamaron ao pedáneo, que daquelas era o Trescadelas, e ameazárono de que tiña que asinar a acta ou senón iría detido para Verín, ao que o Daniel lle dixo:

- "Como se che ocurra firmar son eu o que vai ir a por ti non eles, da cárcel xa sairás".

E non asinou.

Entón díxolle o Daniel:

- "Non te preocupes que mañá estás fóra".

Vendo isto o capitán non lle quedou outra que ceder, chamando polo Daniel a parte e deixándoo redactar a el a acta. Fíxoo tal cual e devolveulla asinada.

Levárano detido para Ourense.

Alí o Daniel coñecía a xente influínte, os do Simeón, que saíron ao seu favor, e ao día seguinte estaba xa de volta para Castrelos parando antes en Verín para recoller ao pedáneo, o Trescadelas, que había sido levado detido para a vila. Saíu canda el e díxolle:

- "Xa che dixen que hoxe estarías fóra".

No final de toda a historia as autoridades puxéronlle unha multa, acho que foran cento oito pesetas daquelas, unha miseria en comparación co enorme cargamento de contrabando que tiña. Pagounas con gusto.

E aí quedou o conto, co seu temperamento irreductible e co negocio ben feito.


E o segundo relato intitulado: Pau, cenoria.

Logo había máis historias, coma outra que contaba que entre o Daniel e os fillos, estaban o Pepe e o Ghenete, tiñan un camión Ebro cargadiño de caixas de figuras de porcelana de contrabando xa listas para írenllas entregar a un comprador castellano.

O caso é que, outra volta, foron denunciados ante a guarda civil. Unha parella de guardas de Castrelo de Cima viñan xa pola Chaira da Trapa para logo coller pola Gorbia, pola parte de atrás de Castrelo de Abaixo, e un veciño víunos e deu o aviso.

O Pepe e o Ghenete apresuráronse a saír co camión a toda présa pola outra entrada de Castrelos, polo Calleteiro. Aínda non chegaran alí cando un veciño chegou correndo a informalos de que os gardas deberan ver algo raro e deran a volta para entrar por onde eles ían.

De súpeto puxéronse a descargar o camión coa axuda de todos os veciños, cadaquén agochaba como podía unha caixa na súa casa, seica voaban (unha mostra de axuda comunitaria). O caso é que en poucos minutos cando chegaron os guardas ao Calleteiro o camión estaba totalmente baleiro.

É lóxico que os guardas desconfiaran, preguntando onde estaba o contrabando.

O Daniel apareceu en escena e díxolles:

- "Ben sei que a vós que vos mandaron, tendes que facer o voso traballo, polo tanto tomai un saco de café para que non vaiandes cas maus vacías, e se queredes tomar e comer algo vinde polo comercio".

Déullelo saco duns poucos quilos de café e os guardas foron a comer algo e a tomar un viño ao comercio da Forxa e coa mesma marcharon para Castrelo de Cima ata case que agradecidos.

(Coma o burro do xitano para que andivera, pau, cenoria).

Logo o Pepe e o Ghenete volveron a subir as caixas ao camión e marcharon tan campantes a levar o cargamento de contrabando ao seu destino.


Máis un relato de cando salvou a uns 'atracadores', intitulado: Esperade eiquí que vou eu.

Nunha ocasión, o cabo e os guardas de Castrelo de Cima viñeran á Forxa onda el para pedirlle un favor. Foi na época da posguerra.

Seica se dicía que nunhas covas dunhas fragas que había polos Bruxancos estaban agochados os que a xente lles chamaba "os atracadores" (que en realidade eran fuxidos da guerra ou poida que tamén houbese algún guerrilleiro da loita antifranquista, os menos).

O caso é que os guardas non se atrevían a ir sós na procura dos 'atracadores' porque podían ter armas, e, coñecendo o carácter afouto do Daniel pedíronlle se os acompañaba. Nun principio non aceptou, dicíalles:

- "Como?, primeiro andandes tras de min e agora vindes a que vos acompañe?. Non vou".

Eles insistiron tanto que se lle ocurríu unha idea para ir e aceptou entón.

Foron cara aos Bruxancos e, por Castreleiros, antes de chegar ao lugar do suposto campamento dos 'atracadores' o Daniel díxolle aos guardas:

- "Esperade eiquí que vou eu".

(Eles encantados).

Foi, entrou, estivo un rato e saíu. A idea que se lle ocorrera fora de avisar aos fuxidos. Seica entrou no agocho, víu a estes no interior e díxolles:

- "Estanvos alá arriba os guardias, fuxide d'eiquí".

Ao chegar de novo onda aos guardas díxolles con ton case de enfado:

- "Aí non hai naide!".

Esa foi a maneira de que os gardas marcharan e os fuxidos se libraran de seren apresados.


E para ir rematando vaise relatar unha historia moi emotiva, de tristeza, de alegría e de esperanza, que contou a Chela do Brasil, a sú filla (cando o estaba contando os ollos víanselle vidrados).

Ben, o caso foi que unha veciña de Castrelo de Abaixo, a Elena, quedara viúva, o seu marido fora o Emilio, e quedara 'soa' nada menos que con tres fillas pequenas, naqueles tempos!, imaxinade!.

Ela foi onda o Daniel e díxolle, intúese que con vergoña e humillación:

- "Non temos nada pra comer, podíasme deixar levar algo a fiado do comercio e págocho logo co que me den polos xamós?".

O Daniel seica lle dixo con respecto e admiración:

- "Colle todo o queiras, e se non hai dío, que cho buscamos. Vós comigo fame non pasais".

E así aconteceu mesmo.

Por causa do destiño e pasado moito tempo o Daniel viaxou ao Brasil para visitar aos seus fillos e netos e bisnetos que vivían alá, daquelas en Santos, que era o porto de chegada dos navíos procedentes de Vigo, que xunto co da Coruña eran os portos de saída da emigración galega cara América. E foron facerlle unha visita á Elena. Ela había emigrado tamén para o Brasil, daquelas non quedaba outra, e vivía mesmo en Santos, as súas fillas xa eran maiores, a grande era do mesmo tempo ca Chela, e tiñan contacto con esta coma bos veciños de Castrelos que eran.

E contábanos a Chela con bágoas nos ollos:

- "Olla!, no tempo que nós estivemos lá!, ela estuvo chorando todo o tempo!, abrazada só ao papá, e falaba: -"Hai Daniel! Daniel! Se non fora por ti nós non estábamos xa aquí!"".

Hoxe a Elena xa faleceu e as súas fillas viven moi ben no Brasil. Quedoulle eternamente agradecida. Vólvese a dicir, un relato moi emotivo, ao ouvilo, ao pensalo, ao escribilo e ao lelo. Impresionante!. Fermoso!.


E así moitos máis contos do contrabando, dos dramas e doutras historias reais, algunhas case míticas, non só do Daniel senón que doutros veciños e veciñas de Castrelo de Abaixo tamén, uns heroes e heroínas de antano, unhas nova "Ariadna esposa de Dioniso filla de Minos rei de Creta fillo de Zeus e de Pasífae raíña de Minos filla de Helios", uns novo "Ulises esposo de Penélope fillo de Laertes e pai de Telémaco" de Ítaca, uns novo "Mil Espáin conquistador de Éire sobriño de Ith neto de Breogán bisneto de Brath" de Brigantia, uns novo "Don Quixote de la mancha" de Seabra de cuxo nome non quero lembrarme, uns novo "Áragorn fillo de Árathorn e de Gilraén e chámanlle Élessar Pedra de Elfo herdeiro do fillo de Ísildur señor dos Dúnadan herdeiro do trono de Góndor alcumado Trancos capitán dos Montesíos do Norte" que dicía: "Non sirvo a ningún home, mais persigo aos servintes de Sauron en calquera lugar que se atopen", que se irán contando a medida que se poidan recoller.

Moitas grazas aos seus familiares, veciños e amigos pola información transmitida e o seu permiso para seren recollidas e divulgadas. En especial á Xon do Riós e á Chela do Brasil por contárennos historias súas, ao Toño e ao Julio que aínda teñen máis que contaren, ao Ghenete do Brasil, ao Pepe que xa non está, á Chiqui que nos pasou a fotografía del, ao Lois que nos animou a recoller as historias do seu bisavó e do seu avó, á Marga por nos alentar, e a todos os que participaron contando ou ouvindo.

Desculpade polos posibles erros ou imprecisións.

Adicado á memoria do Daniel da Forxa, é de xustiza merecida, e á súa esposa 'Doloriñas', sen ela nada sería igual. Que saibades que, dende o Brasil e a Galicia, aos vosos bisnetos e bisnetas, e non só, encantoulles e encantaralles escoitar contar estas historias túas, foron eles un dos porqués desta narración.

Fotografía de Mari R. R.
Saúdos e ata a próxima.