luns, 4 de outubro de 2021

Orixe lendaria celta do nome e descubrimento do Brasil, As Illas do Brasil

Mapa do Brasil do Atlas Portugués de 1519

O Brasil, As Illas do Brasil:

A continuar imos ver as posibles orixes lendarias celtas ou célticas na etimoloxía e orixe do nome do Brasil, das mitolóxicas Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, ou incluso a Illa de San Brandán, unha terra da abundancia, a "terra das delicias vista entre néboas".

Nun mapa de Toscanelli, as supostas Illas do Brasil, a Illa de San Brandán, ubicounas enfronte ás costas da Irlanda, Ireland, hÉireann, Éire, Erín, recollido de fontes celtas, onde se referencia como unhas illas occidentais, unhas illas descoñecidas, unhas illas utópicas. Aparecen reflexadas por vez primeira nunha carta náutica do 1333 de Dalorto, situada preto de Irlanda e tería forma circular, chamada "Insula Brasil". No 1480 está documenta unha expedicón que partíu de Bristol para atoparen as Illas do Brasil, navegaron durante nove meses e regresaron sen atoparénas. No 1481 outra expedición procura as mesmas illas co fin de estableceren unha base de pesca no océano Atlántico.

E, outros máis, como Martin Behaim, que realizaría un mapa no que aparece a suposta ubicación da Illa de San Brandán, As Illas do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Paolo_dal_Pozzo_Toscanelli

https://pt.wikipedia.org/wiki/Martin_Behaim

Mapa de Toscanelli de 1474 no que Cristovo Colombo basearía a súa viaxe ás Indias, á descuberta da América


Mapa do océano Atlántico onde aparece a illa de Sant Brandan realizado por Martin Behaim no 1492

O nome das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, a Illa de San Brandán, coma unha illa ou unhas illas descoñecidas e utópicas, a terra da abundancia, o paraíso terrenal, a terra das delicias vista entre as néboas, a Illa das Mazairas onde abondan as mazás e non se pasa fame, aparece por última vez relacionado co descubrimento de Jean Cabot no 1497, nunha carta a Cristovo Colombo dese mesmo ano, no que o mercador John Day asemella a nova terra descuberta á Illa das Sete Cidades de Cíbola, unha cidade lendaria e utópica chea de riquezas, mais asegurando que este descubrimento había sido feito por mariños de Bristol que pensaron que eran as mesmas Illas do Brasil.

https://en.wikipedia.org/wiki/Name_of_Brazil#The_island_of_Brasil

https://en.wikipedia.org/wiki/Brasil_(mythical_island)

https://es.wikipedia.org/wiki/C%C3%ADbola


Etimoloxía do nome do Brasil:

Respecto á etimoloxía e posible orixe do nome de Brasil, a teoría máis aceptada ata fai pouco tempo, que é só unha teoría, dicía que procedería dunha árbore abondosa nesa zona, coa madeira de cor encarnada e moi apreciada, como madeira nobre e para tinguir, sería o chamado Pau Brasil, Paubrasilia echinata, e que daquí viría o nome do Brasil (João de Barros, frei Vicente do Salvador e Pero de Magallães Gândavo). Mais xa Marco Polo na súa viaxe pola Asia fala da existencia de árbores brasiles en moitas rexións do mundo: na illa de Xava, na illa de Borneo, na illa de Sumatra, no Ceilán, na India e na costa oriental da África. Semella entón un nome moi xenérico e pouco específico, e non relacionado cunha nova terra por descubrirse e tan concreta e singular coma o Brasil. Como ían coñeceren a existencia dunha especie certa de árbore de alá se non se coñecía nin o territorio mesmo, o continente?

https://pt.wikipedia.org/wiki/Paubrasilia_echinata

O que está na totalidade claro é que o nome do Brasil foi dado polos navegantes portugueses, que, de facto, serían galaicos xa que a Lusitania estivo ocupada por musulmáns e logo sería repoboada con habitantes da Gallaecia, do norte de Portugal que era onde habitaban os cristiáns, os cales descubriron esa rexión do mundo e que viron esa terra da abundancia, tendo antes de ser Brasil outras desginacións ao longo dos séculos para as novas terras descubertas: Ilha de Vera Cruz (capitão Pedro Álvares de Cabral), Terra de Santa Cruz, Terra dos Papagaios (nome dado nalgúns lugares de Galicia e poida que de Portugal ao paxaro Oriolus oriolus que semella unha ave tropical), Nova Lusitânia, Cabrália, Império do Brasil e Estados Unidos do Brasil. Hoje o nome certo é Brasil, o Brasil, e, a denominación oficial actual é, a República Federativa do Brasil.

Imos avanzar polo relato para entrar no contexto e dirase nas conclusións o que se acha, fundamentadamente, sobre a posible etimoloxía e orixe do nome actual do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Brasil

Mapa xeopolítico do Brasil actual. www.mapainteractivo.net/fotos/mapa-de-brasil

San Brandán o Navegante:

San Brandán, alcumando o Navegante, Sant Branden of Ardfert and Clonfert, (c. 484 - c. 577) foi un bispo e abade de Clonfert, na Irlanda, nas Illas Británicas, na Europa atlántica. Nacido na costa occidental da illa de Irlanda, entón era a fronteira do mundo coñecido polos occidentais, emprendeu un vasto periplo misional e de fundación de abadías polo oeste irlandés, mais polo que ficou máis coñecido foi polas súa viaxes épicas polo Mare Tenebrosum, polo océano Atlántico: polas illas Británicas, polas illas Orcades, polas illas Shettland e polas illas Faroe, un feito entón incomún durante a Alta Idade Media.

A súa biografía está escrita na "Vita Sancti Brendinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia", cuxa copia máis antiga terá sido composta en Latín eclesiástico por volta do século X, e que se transformou nun dos escritos máis copiado da Alta Idade Media, con varias traducións e versións. A partires da Vita Sancti Brendani, nun proceso se callar interactivo, xurdiron diversas lendas que aparecen hoxe no legado cultural da maioría dos pobos da costa occidental europea, en particular os de orixe celta ou céltica, os nosos castrexos.

https://pt.wikipedia.org/wiki/S%C3%A3o_Brand%C3%A3o

Saint Brendan, São Brandão. Wikipedia.Portugal

A Illa de San Brandán:

A Illa de San Brandán foi coñecida na Europa da Idade Media polo texo da biografía de San Brandán antes citada: "Vita S. Brandinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia". Neste texto nárrase a viaxe de San Brandán coa súa partida dende Irlanda, e acompañado por un numeroso grupo de monxes, da súa abadía de Shanakeel ou Baalynevinoorach, próxima de Ardfert, costa ocidental da Irlanda, e que durante sete anos de singladura foran na procura oceánica da Illa das Delicias, da illa da abundancia, do Paraíso celta.

Seica visitaron diversos lugares e atoparon as máis exóticas criaturas. Ao final nárrase que atinxiran de certo a "Terra Repromissionis", o Paraíso, unha terra de indescriptíbel beleza e luxuriante vexetación, mais a narrativa non indica a rota seguida, polo que a verdadeira localización do Paraíso de San Brandán quedou sendo un misterio, dándolle aínda máis misticismo a esa terra da abundancia lendaria.

Nese texto tamén se reproducen numerosos aspectos que serían atribuídos ao deus Bran, Breo, Bre, Bres, o fillo do xigante e rei da Gran Bretaña Brân the Blessed, e o neto da divinidade do mar Llyr, e á súa viaxe, e a narración axudaría a fixar a posición incerta desa illa perdida, da Illa das Delicias, das Illas Afortunadas, das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil. Esta suposta illa ou illas aparecen na cartografía nun mapa da Abadía de Herford onde se identifican coa illa de San Brandán pola súa lexenda "Fortunale Insulae sex sunt, insule Brandani".

Xa Fernão de Noronha (c. 1470 - Liboa c. 1540) identificou mesmamente ao propio Brasil como sendo as Illas Afortunadas da lenda de San Brandán do século VI, chamándolle xa entón as Terras do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/Ilha_de_S%C3%A3o_Brand%C3%A3o

https://pt.wikipedia.org/wiki/Fern%C3%A3o_de_Noronha

https://en.wikipedia.org/wiki/The_Voyage_of_Bran

https://en.wikipedia.org/wiki/Caradog_ap_Bran

https://en.wikipedia.org/wiki/Br%C3%A2n_the_Blessed

https://en.wikipedia.org/wiki/Ll%C5%B7r


As orixes lendarias da nación de Irlanda:

Segundo o Lebor Gabála Érenn (Libro das conquistas de Irlanda) que é un conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa como a suma das distintas invasións dende a súa creación ata o século XI, data na que se escrivíu en lingua gaélica.

Tén varias partes mais ímonos centrar nas que nos concernen, resumindo viría a relatar o seguinte:

Da historia dos celtas dende a diáspora das nacións ata a chegada a Irlanda: Onde sitúa a orixe dos celtas gaélicos en pobos do mediterráneo, coma na Torre de Babel ou no Exipto faraónico, serían descendentes do pobo dos escotos, que chegarán do mediterráneo e asentaranse primeiramente no noroeste da Hispania romana, entendida non como unha entidade política ou nación senón que coma un relevo ou accidente xeográfico, o territorio da península de Hispania, da península Ibérica actual, aquí aséntanse os descendentes destes escotos, hai quen os relaciona cos misteriosos Pobos do Mar, entre os que estará Breogán, fillo de Brath, nese noroeste da Hispania fundaría a cidade de Brigantium, a actual A Coruña, e nela construiría unha alta torre, hai quen a relaciona coa primitiva Torre de Hércules, dende a que o seu fillo Ith poido divisar ao lonxe no mar nun día claro unha illa verde esmeralda, Irlanda.

A invasión dos Milesios: Onde continúa a se narrar a historia dos gaélicos irlandeses, que di que Ith, fillo de Breogán, ao divisar no lonxíncuo a illa verde esmeralda, viaxa a Irlanda para coñecer o seu achádego. Sería benvido e ben recibido polos seus reis, mais a nobreza local envexosa asasinaríano e o seu cadáver volvería ao noroeste da Hispania, á Gallaecia. Os Milesianos, fillos do seu tío Míl Espáne, planean a súa vinganza e conquista a illa. En Tara son benvidos polos tres reis dos Tuatha Dé Danann, quenes defenden a vontade de manteren unido o reino. Entre moitos avatares e mitoloxía, dise que a frota milesiana foi afastada, mais Amergin consegue disipar os ventos coa súa poesía. Das naves sobrevivintes, as de Éber atracan en Inber Scéine (Kenmare River) no suroeste da Irlanda, mentres que as de Éremon atracan en Inber Colptha (na desembocadura do río Boyne). En dúas batallas en Sliabh Mis e Tailtiu, os Tuatha Dé Danann son derrotados.

Logo continuaría narrando as distintas disnastías de Irlanda antes do cristianismo e coas dinastías de Irlanda despois do cristianismo, que é o libro con mellor documentación.

A relación lendaria de Irlanda con Galicia está de sobra clarexada.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Lebor_Gab%C3%A1la_%C3%89renn


Tír na nÓg, o Paraíso celta:

Tír na nÓg é chamada en inglés Land of Eternal Youth (A Terra da Eterna Xuventude) ou Land of the Ever-Young (A Terra dos Sempre Xoves), é a máis popular dos Outros Mundos da mitoloxía celta irlandesa, foi a illa onde os Tuatha Dé Danann se fixarían despois de abandonar Irlanda, e foi visitada por algúns dos maiores heroes irlandeses. Tír na nÓg un paraíso e reino sobrenatural da xuventude eterna, da beleza, da saúde, da adundancia e da ledicia. Segundo as lendas sería unha illa situada máis alá da liña do horizonte cara o poñente nos confíns do Mare Tenebrosum, do océano Atlántico, onda a doenza e a morte non existirían, un lugar da eterena xuventude, onde a felicidade dura para sempe e non se pasa fame nin sede. Sería o equivalente aos Campos Elísios gregos ou ao Valhalla nórdico, vikingo.

Tír na nÓg, como paraíso mitolóxico, e outros paraísos terrenais, tén outras designacións coas que se se lle quiso dar correspondencia, son exemplo Magmell, Ablach, incluso Ábalon, a Illa das Mazairas, a Illa das Delicias, as Illas Afortunadas, a utópica Illa de San Brandán, e, a que máis nos incumbe, as Illas do Brasil.

https://pt.wikipedia.org/wiki/T%C3%ADr_na_n%C3%93g


O Larouco asimilado a un paraíso céltico:

Como se pode ver, se se quere, nun relato recente doutra publicación, que se relaciona a continuar, o monte do Larouco dos nosos castrexos célticos da Gallaecia identificaríase como unha entrada ao Paraíso, unha porta ao Alén, ao Tír na nÓg irlandés, e por ende á suposta Illa de San Brandán, e por tal ás Illas do Brasil.

Para comprender o contexto por completo aconséllase ler en profundiade esta outra publicación enlazada:

Rexiomontanos. O Larouco, que pode ser?

https://rexiomontanos.blogspot.com/2021/09/larouco-que-pode-ser.html

O Larouco no lonxíncuo, as Illas do Brasil

O Larouco e Castrelo de Abaixo:

Castrelo de Abaixo faría mención a un Castrellum, un pequeno castro da cultura céltica, castrexa,  da Idade do Ferro, posiblemente da tribo dos Tamaganos, pertencentes ás tribos do pobo dos Saefes, os adoradores de serpes de Ophiusa, que deu orixe logo á nación galaica, asimilados estes polos romanos aos Kallaicoi, os keltoi, os ocultos, os Celtas, e dos kallaicoi xurdíu o nome da kalaekia, da Gallaecia, da Galicia e do norte de Portugal actuais, sería o noroeste da Hispania romana, a península Ibérica actual.

Dende Castrelo de Abaixo divísase ao lonxe o monte do Larouco, a oeste, ao pór do sol. Aquí non se atoparon lendas de serpes sagradas voadoras que irían morrer á serra do Larouco como porta de acceso ao Alén, ao Paraíso, ao Tír na nÓg, correlacionándoos coa lendaria Illa de San Brandán, coas Illas do Brasil. Mais si que se puntualiza que os vellos en Castrelos dicían: "Vén un frío do demo da serra do Laoruco", e explícase, tendo en conta que O Larouco queda moi afastado xeográficamente de Castrelo de Abaixo, só tén contacto visual no lonxíncuo, na mesma liña do horizonte, no acceso ao infinito, e tendo tamén en conta de que o frío intenso entraría polo norte e non polo oeste, e que polo suroeste entraríannos os frentes atlánticos, as tempestades oceánicas transformadas en borrascas, xa se intúe que algo singular tén esa serra lonxíncua, ese monte afastado, morada dunha divinidade que pode traer o frío, o inverno, e por oposición a primavera, a abundancia, entón para os habitantes de Castrelo de Abaixo, e non só, significaría que hai algo máis alá da tona superficial, algo profundo e extraordinario, en resumo, algo sagrado para eles, se callar O Larouco.

https://gl.wikipedia.org/wiki/Castrelo_de_Abaixo,_Ri%C3%B3s

https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2021/09/posible-significado-do-nome-castrelo-de.html

Catrelo de Abaixo, do concello do Riós, da bisbarra de Monterrei, da Galicia

Conclusións:

Bon, unindo todo isto pódese chegar a concluír, de forma intuitiva, mais baseada en información contrastable e exposta xa, non só recollida da rede, xa que esta estaría moi sesgada, senón que consultando con expertos, alén doutras fontes bilbiográficas, e con coñecementos propios e alleos, e chegando a unhas deducións meditadas e coherentes, case que se pode afirmar, sen dúvida algunha, acho que de facto xa está incluso aceptado por grande parte dos historiadores oficiais destas orixes do nome Brasil, que a etimoloxía do nome de Brasil, das Illas do Brasil, The Island of Brasil, sería de orixe lendaria celta, directamente relacionada coa Irlanda, e por tal coa Galicia, e, porsuposto que con Portugal, aliás máis co norte que co sur, que tamén, e forxado todo el na Gallaecia.

Relacionaríamos entón ao Brasil coas Illas do Brasil, coa Illa de San Brandán, co Paraíso terrenal, co Tír na nÓg celta, entón asimilaríase co Larouco, e o Larouco relacionaríase indirectamente coa Galllaecia romana, coa Galicia actual e co norte de Portugal, para nada coa Lusitania, e máis en concreto coa contorna da serra do Larouco, co Barroso, coas Frieiras, coa bisbarra de Monterrei, e dentro desta coa mesmísima localidade de Castrelo de Abaixo coa visual e perspectiva ao solpor da impoñente silueta de muller do monte sagrado do Larouco, que no seu cimo estaría ubicada a porta de entrada ao Paraíso, ás Illas do Brasil.


Etimoloxía axeitada do nome do Brasil:

Entón para rematar dirase a que pode ser a etimoloxía do nome do Brasil, As Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, podería estar ligado ao deus atlántico Bran, Breo, Bre, Bres, o Deus que governa o Atlántico, daquelas o Mare Tenebrosum, e que dá o nome a terras coma a Bretaña, a Gran Bretaña, e aínda na Galicia ao santuario céltico do deus indíxena Berobreo do Facho de Donón, ou a Bretoña lucense, incluso intúese o heroe galaico Breogán. Se navegamos cara ao interior do Mare Tenebrosum, do océano Atlántico, gobernado polo deus Bran, Breo, Bre, Bres, o fillo do xigante e rei da Gran Bretaña Brân the Blessed, e o neto da divinidade do mar Llyr, atopámonos entón coas Illas do Brasil, as Illas de Bresil, as Illas de Bresail. Navegar en inglés dise 'sail'. Logo o nome de Bresail, Island of the Blessed (a Illa da Bendición), podería vir de Bres sail, coas raíces bres- (prefixo) e -sail (sufixo), bressail - bresail - bresil - brasil, e significaría de maneira literal:

As Illas do Deus Breo que Navegan polo Mare Tenebrosum, polo Océano Atlántico: O Brasil.

No entanto, tamén podería vir do irlandés antigo, do goíldec, no que 'bres' significaría: beleza, valor, grande, poderosa, e Í: illa, e podería ser entón Bres'Í:

A Illa da Beleza, da Afouteza, da Grandiosidade e do Poderío.

Moita xente seguro que non concordará con estas hipóteses, estaríase aberta a discusión, non hai problema, no entanto o relato é coherente en extremo.

Agárdase que gostedes da orixe lendaria do descubrimento e nome do actual Brasil onde moitos veciños de Castrelo de Abaixo tiveron que emigrar, a eles e a todos os seus descendentes, que tamén son veciños de Castrelos, e a todos os brasileiros, e a todos os galegos e portugueses, e a todos os irlandeses, e a todo o mundo celta, e non só, na vosa lembranza sodes a quen vai dirixida esta reflexión.

Moitas grazas, muito obrigado. Que gostedes, que vocês gostem. Saúdos, cumprimentos, dende Castrelo de Abaixo para as Illas do Brasil, a nosa Utopía, a nosa República dos Soños, como di a ilustre escritora brasileira con orixe galega, de Almofrei, do concello de Cerdedo-Cotobade, na provincia de Pontevedra, mais nacida no Rio de Janeiro, Nélida Cuíñas Piñón, reflexado na súa excelente obra literaria que trata do éxodo dos emigrantes galegos, mulleres e homes e nenos, ao Brasil a comezos do século XX e intitulada "A república dos sonhos" (1977).


(Escrébese en lingua e grafía galega, mais pertencendo á lusofonía mundial, á galaicofonía, á mourindá, ao celtismo, peço desculpas!, I apologize!, tá brón orm!).

Ata sempre!, ou, ata a próxima!, ou, see you soon!, ou slán!, ou, até já!

Ningún comentario: