Antes de dar un significado interpretado ao nome de Castrelo de Abaixo vaise falar da designación oficial para a localidade:
O único nome oficial e correcto é Castrelo de Abaixo, tanto en Galicia coma en España coma en Portugal coma no Brasil. As localidades de escasa relevancia non admitirían exónimos, traducións.
O nome de Castrelo de Abajo é un erro, non existe tal, é unha tradución forzada, non literal e de mala calidade ao español, sen base histórica algunha, o que se coñece como unha castelanización, que tamén é unha incultez, unha ridiculez, unha inxustiza e unha falta de respecto.
Esta castelanización leva efectuándose dende o século XIX, aproximadamente, pasando pola época da ditadura, onde tivo moita intensidade, e continúa na actualidade con esa inercia herdada de épocas pasadas. Un grave erro histórico, reflexo da situación de inxustiza social de cada momento.
Hoxe a pronuncia certa da xente ao nome da localidade é Castrelo d'Abaixo, con ese 'dabaixo' todo xunto, próxima á que poida que fora a súa forma máis correcta, Castrelo de Baixo.
No entanto, os veciños refírense a Castrelo de Abaixo simplemente como Castrelos, só entre eles, de maneira familiar, e con sentimento afectivo.
É unha valoración, se alguén non concordar co escrito, na totalidade ou en parte, ou ten outra valoración admítese tamén a discusión, e sería de grande interese mesmo. Agradécese.
Agora vaise pór unha hipótese, fundamentada mais interpretada, do posible significado do topónimo Castrelo de Abaixo:
O nome 'Castrelo' viría dun castro pequeno, un castrelo, do latín castrum, castrellum. Os romanos copiaron este nome 'castrum' nativo da provincia romana da Gallaecia (nome dado por estes ao territorio habitado polos gallaeci, kallaeki, kallaekos, gallaecos, galegos, eran os galaicos proto-galegos e proto-portugueses, unha tribo castrexa que habitaba entre o río Douro e o río Miño, os supostos kallaikoi como eran coñecidos polos gregos, que viría da palabra kéltis, 'ocultos' en grego, e de keltis viría a derivarse en celtas, outros non lle dan esta orixe, hai contriversias, pode que só fose a tribo indíxena dos Kallaikoi e nada de celtas, o máis seguro, os celtas foron por un lado mitificados polo romanticismo galeguista e por outro lado creou e crea controversia dentro da comunidade académica, nin tanto nin tan pouco acho. Esta Gallaecia do noroeste peninsular estaba en Hispania, chamada así polos romanos e herdado o nome dos fenicios, que lle chamaran I-spsn-ia, que significaría "A Illa onde abondan os Coellos", entendida esta Hispania romana, non como entidade política, senón que coma un territorio xeográfico, un topónimo, sería o equivalente ao que chamamos hoxe como península Ibérica), ese nome de castrum designaba a unha fortificación prerromana castrexa que semellaba un castelo rodeado dunha muralla circular na cima dun outeiro.
A tribo que habitaba na zona de Castrelo de Abaixo pénsase que eran os tamagani, os tamaganos (nome herdado da raíz indoeuropea tam-, co significado de adoradores dunha posible divinidade de culto ás augas ou aos ríos), con topónimos preto coma O Tameirón, ou aventurándose moito Tomus Homonti, Tomonte, tamén outros certos da bisbarra de Monterrei coma o propio río Támega, Tamaguelos, Tamagos, Tamicelas e a Fonte da Támega.
Logo para diferenciárense ambos Castrelo, que nun principio sábese que eran chamados aos dous indistintamente como Castrello, Castrellum alio Castrellum, engadiríaselles o adverbio de lugar precedido dunha preposición que indicaría dirección a, "de Abaixo", polo tanto faría referencia a afastamento, o castrelo de máis alá, diferenciándose así do "de Cima", que indicaría máis achegamento, o castrelo de máis acá.
Polo tanto o significado de "Castrelo de Abaixo" sería "pequeno castro de máis alá" ou, máis completo:
"Pequena fortificación castrexa da tribo dos tamaganos que semella un castelo rodeado dunha muralla circular na cima dun outeiro e que a súa situación é máis afastada".
É só unha interpretación, se alguén ten outra hipótese admítese tamén, e sería de inmenso interese publicalas. Grazas.
Saúdos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario