domingo, 5 de setembro de 2021

Uns seres mitolóxicos

A mitoloxía en toda Galicia é moi rica, está chea de personaxes e animais fantásticos, cada un con características singulares, no entanto non hai moitas recollas en Castrelo de Abaixo, habería de se pescudar máis neste eido preguntando aos veciños máis vellos. Polo de agora estes son os seres mitolóxicos que se teñen recollido:


O Pai das Zocas:

Era un ser que tiña a facultade de provocar o trono e o trebón ao andar coas zocas pola cima das néboas, nubes, non dos neboeiros, sería entón a mesma ou similar figura que á que chaman noutras partes de Galicia O Tronador, O Tronante, O Nubeiro ou poida que O Escoler, con certos matices.

Cando viña unha treboada acendíase unha vela e queimábase loureiro, Laurus nobilis, bendicido no Domingo de Ramos, e recitábase unha oración a Santa Bárbora:

"Santa Bárbora bendita,

que nos ceos estás escrita,

nun papel de auga bendita.

Guarda o pan e guarda o viño

e guarda a xente no camiño.

Santa Bárbora bendita,

líbranos de raios e centellas

e de mortes repentinas."


Os Mouros:

Os de Castrelo de Abaixo din que habitaron en tempos na Cabanca dos Mouros (o lugar é un destacado outeiro cun profundo curte no terreo ao norte coma se fose un foxo, na parte alta do cimo pode que houbera habitación humana onde se ven entullos de muros antigos, hoxe este lugar está catalogado coma unha mina romana de explotación de ouro e un posible castro ligado á explotación mineira xa prerromana). Eran temidos, a xente aínda tiña medo de pasar por alí.

Estes personaxes son dos máis comúns en Galicia, non teñen nada a ver cos musulmáns que habitaron na Idade Media na Península Ibérica senón que na meirande parte dos casos fan referencia a outras culturas desaparecidas da antigüidade (da Prehistoria, da Idade do Bronce, castrexos, romanos, da Alta Idade Media). Dise que habitaron ou aínda habitan baixo terra en determinados lugares destacados coma castros, mámoas, dolmes, penedos con petróglifos, penedos singulares ou lugares onde aparecen restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas. Seica teñen a pel escura (ao contrario cas mouras que adoitan ser loiras, cos ollos azúis e fermosas), tamén son portadores de enormes tesouros. Interactúan cos seres humanos pedíndolles que lles ceben un porco ou outras encomendas relacionadas coa facenda ou co campo a cambio da promesa de facelos ricos pero pedindo sempre algo a cambio que adoita ser que se garde o segredo de haber pactado con eles, se non se cumple, que é a meirande parte das veces, bótanlle unha maldición xa que teñen poderes máxicos para facelo. Cando aparecen tellas, normalmente de época romana, ao arárense as leiras coas vacas dicíase que era que se estaba afondando moito a rella e se levantaba o tellado das casas dos mouros ao crerse que habitaban por baixo. Ás veces tamén baixaban á feira de incógnito. Á comunidade dos mouros chamábaselle "A Mourindá". E máis singularidades. Isto contado así a grandes trazos.


As Mouras:

En Castrelo de Abaixo aínda non dimos recollido ningunha lenda sobre As Mouras, póñense por seren un dos eixos principais da mitoloxía galega, seguirase pescudando, de certo que as hai.

Eran mulleres moi fermosas, mozas casadeiras, de longos cabelos loiros e de profundos ollos azuis. A súa raza era distinta da dos mouros. Adoitaban aparecerse penteando os seus cabelos dourados a carón das fontes, dos ríos ou das penedas e lugares de paisaxe moi bela. Tiñan moita riqueza e poderes sobrenaturais. Algunhas chegaban a casar con veciños que se namoraban delas. Nas lendas de mouras sempre había unha moral que aprender (avaricia, envexa, egoísmo, agradecemento, discreción, humildade, afouteza). Tamén podían trasnformarse en serpes aterradoras que se o ser humano cumpría co pactado volvían estas á súa forma de moza fermosa ceibándoa do encantamento e casándose con ela. Nalgúns casos aparecíanselle aos mozos que viñan de facer o servizo militar e comezaba así a historia. Nunha interesante lenda de Medeiros, resumindo, xa que o conto é máis longo, a moura dálles aos veciños, en agradacemento por habela mantido durante un ano, comendo un xato diario, unhas sementes para plantar, non era nada menos que as primeiras sementes da vide, de tantísima importancia coma a memoria milenaria mitificada dos inicios do viño na rexión.


O Trasgo:

É un personaxe burleiro, cambia as cousas de sitio nas cociñas, fai barullos pola noite, métese nas cortes da facenda a axotala, ponse enriba do peito das persoas pola noite na cama e non os deixa durmir, tamén ten a facultade de se transformar noutros animais. Fai estragos pero sempre sen producir danos graves, só molestias.

Noutras zonas de Galicia coñécese como Trasno, hai outras figuras, pero diferenciándose as trasnadas, coma O Tardo que era o que se puña na cima do peito e non deixaba durmir, e O Abelurio, e O Diaño Burleiro, e O Tártalo e aínda máis, cada un con matices propios.

Había un conto que daban como certo, dicía que o avó da Carmiña da Pena do Souto, que era de Castrelo de Abaixo, ía unha noite en dirección ao sagrado (en Castrelos chámanlle así ao adro da igrexa) cando víu un carneiro por riba dunha parede. Pensou que sería dun veciño e foi a collelo para levarllo. Ao chegar onda este e ir a apañalo, o carneiro pegou un brinco e saíu voando por cima do sagrado ríndose a gargalladas: "Ha-ha-ha-ha", ao que o avó da Carmiña dicía: "Ai oh!, eu pensaba que era un carneiro e érach'o trasgo" (seica voaba porque dicían que non podía pisar sólo sagrado).


A Cruz:

Din que consistía nunha procesión de ánimas de defuntos que saían pola noite a andar polos camiños. Levaban unha cruz diante (daí o nome da Cruz) que sempre portaba un vivo, este ao día seguinte levantábase todo esgotado da cama sen se lembrar de nada, ía enfraquecendo aos poucos, ata que a xente ao velo tan fraco murmuraba: "Este débeche andar coa cruz". Se un vivo se atopaba coa procesión e era visto polos defuntos, este acababa tendo que relevar ao outro vivo que portaba nese momento a cruz, se non o vían librábase delo, tamén dicían de facer un círculo cunha cruz no seu interior riscado no chau e meterse dentro para se protexer.

Se unha persoa tiña que andar polos camiños pola noite, ao chegar preto dunha aldea botaba un aturuxo, "ei-ei-ei-eiiii", para que os veciños souberan que era un 'cristián' e non unha ánima.

Chámaselle aquí á figura similar con matices que noutras partes de Galicia se coñece como A Estadea, A Estantiga, A Estadeíña, A Hoste, As da Noite, A Antaruxada, A Pantaruxada, A Procesión de Ánimas, A Rolda, A Roldiña, A Xaira, A Sociedade do Oso, O Enxamio, A Compaña, e outras, no entanto a máis coñecida é A Santa Compaña.


As Bruxas:

En Castrelo de Abaixo non se teñen recollido moitas historias das bruxas, só algunha referencia escasa, de certo que as hai.

No tocante á crenza nelas, en galego díse "habelas, hainas" e en portugués "que as há, há".

Na mitoloxía cristiá dise que as Bruxas tiñan maldade e facían pactos do Demo. Mais ao que se lle adoita a chamar bruxa na tradición oral galego-portuguesa non se corresponde sempre con esta definición, serían máis ben As Meigas, eran ou son mulleres reais e sabidas, mais con algunhas cualidades mitificadas: Feiticeiras, curandeiras, vedoiras, coñecedoras das propiedades medicinais das herbas, sincretizando estes coñecementos transmitidos e empíricos con crenzas, oracións e ritos relixiosos, algo así coma unha 'xamán' (máis un apuntamento curioso: Un dos indicios que agoiraban que unha persoa ía ser vedoira, home ou muller, consistía en que esta falaba xa aínda no ventre materno. Un caso relatado na obra "La aldea gallega" de Nicolás Tenorio, natural de Huelva, libro que narra as súas vivencias a comezos do seculo XX como xuíz na bisbarra da Viana do Bolo de entón, fascinado, ao ser de fóra de Galicia, polas singularidades que víu. O asunto, resumido, é que viña a contar que en Camba de Laza había un vedoiro que tiña moita sona, que cando a mai estaba grávida del estraviáranselle unhas tixeiras e o neno non nato dicíalle dende o útero: "Mira na gabeta da mesa da cociña que alí che están", seica estaban alí mesmo). Estas bruxas reais mitificadas da tradición oral non facían entón o mal senón que axudaban á xente. En Castrelo de Abaixo coñecíase á "Bruxa de Quirás" (haberá de se pescudar máis desta singular muller).

Contárannos o caso dunha muller vella de Castrelo de Abaixo, non era bruxa como tal mais tiña cualidades sobrenaturais, dicían que che facía dano coa vista. Se pasabas por onda ela e mirábala aos ollos esta facíache dano coa mesma mirada aínda sen pretendelo, consistindo este dano en mal de ollo, mal fado: Doenzas, estragos nas colleitas, morte de facenda, dano físico.


O Bichorro:

Dicían que era coma unha 'culebra' pero non tan longo e de corpo groso, tiña a pel de cor negra brillante e era velenoso (non se corresponde con ningunha especie de réptil coñecida aínda que se intúen retallos dalgunhas coma o de corpo groso que se correspondería co Escóupolo, Anguis fragilis, ou que é velenoso coma o Bicho de cordón, Bicho de coller, Bicho da'scada ou mesmo tamén chamada Bichorro, Vipera latastei, a cor negra non é rara nalgunhas especies de colúbridos coma algúns exemplares melánicos da Cobra de auga de colar, Natrix astreptophora, e outras, tamén a outra Víbora de Seoane, Vipera seoanei). Polo inverno metíase debaixo da terra, onde engordaba máis e morría ao non poder mexerse. Logo tiña a cualidade de resucitar na primavera (unha mestura de rasgos de animais reais e cualidades imaxinarias).


As Serpes Voadoras:

Dicían que había unhas 'culebras' que tiñan a facultade de poder voar e que cantaban como as pitas.

Nalgunha zona próxima, coma no Tameirón ou Parada da Serra, da Gudiña, dicíase que as cobras ao íren vellas saíalles nas costas unha especie de par de cunchas a xeito de ás coas que podían voar e ían a morrer ao monte Larouco (unha montaña sagrada, unha porta ao Alén e ata un propio Deus indíxena asimilado polos romanos ao mesmo Xúpiter segundo dúas aras romanas atopadas en Vilar de Perdizes e Baltar, e máis outra en Santo Antonio de Monforte - Curral de Vacas, e existe o que se supón unha representación en pedra deste deus na igrexa de Vilar de Perdizes. Desde Castrelo de Abaixo tamén se vé este mítico monte cara poñente).

Unha vez un cazador contou como certo que un día índo de caza coa escopeta se atopara no monte cunha 'culebra' grande subida no alto dunhas gallas dunha árbore ao pé dun camiño, ao ver vir a este, a serpe botou un chouto e saíu voando, o home dicía: "e cantaba como as pitas".


As Alpabardas:

Inclúese aquí estes seres por seren imaxinarios mais non forman parte da mitoloxía mesma, pertencen a unha brincadeira tradicional para enganar aos incautos.

Adoitábase dicirlle aos rapaces ou aos forasteiros: "Tes que ir buscar as alpabardas", "estanche por tal sitio polo medio das carqueixas", "tes que ir de noite e en silencio para atopalas", "se te oen escapan", "están moi ricas", "abundan moito, mais o difícil é atopalas", "ao collelas tes que metelas nun saco" (e facíanlle levar o saco), e mentiras semellantes. Mentres o incauto ía na procura das alpabardas os outros escachaban coa risa. Cando chegaba e lle preguntaban se collera algunha alpabarda dicía o lóxico: "Pois non vin ningunha", e estes contestábanlle: "Claro!, fixeches ruído" ou: "Pois elas por aí andan", e deixábano así crendo que de verdade existían.

Noutras partes de Galicia estes seres imaxinarios son coñecidos con outros nomes, ou mesmo seren doutra raza, coma Os Meimós (no Riós), Os Biosbardos, Os Cazabellos, Os Cocerellos, Os Gazafellos, alguén tamén incluía As Póutigas, mais estas si que existen, son unha planta parásita das cistáceas sen clorofila, carnuda e de cores amarelas e encarnadas, son mesmo difíciles de atopar ao estaren preto do chan entre a vexetación, búscanse porque son comestibles, a especie é Cytinus hipocistis.

Tamén estaba o dito "andar ás alpabardas", e mesmo "andar ás póutigas", en alusión a estar distraído ou aparvado.


E de seguro que aínda hai máis seres mitolóxicos que se tratarán de ir recollendo e divulgando.

(As fontes consultadas foron directas da miña avóa materna, a Tía Dominga das Figueiras, transmitidas oralmente xa vai motísimo tempo, que foi quen sementou a pasión pola tradición oral galego-portuguesa, o profundo respecto pola Natureza, e non só; do Toño da Guada, tío avó meu, que inculcou moitas destas cousiñas, el era de Passos; de ouvir entón os contos ao meu pai, o Pepe; das frecuentes preguntas á miña mai, a Anita; dos contos da Carmiña da Pena do Souto; das preguntas aos tíos do Brasil, a Chela e o Orlando, tamén á Xon do Riós; de ouvir falar a outros veciños de Castrelos coma o Toñito, e máis que non lles sei o nome, desculpade; de ler e conversar co etnógrafo e escritor José Rodríguez Cruz da Gudiña; das recollas de lendas de transmisión oral do antropólogo cultural e escritor Bruno Rúa Martínez de Verín; de escoitar as conferencias e preguntas sobre patrimonio coa arqueóloga, investigadora e historiadora Nieves Amado Rolán de Laza; do interese mostrado e conversas con Ana Prado Gago de Castrelo de Abaixo, sobre información transmitida pola súa avoa, a María do Xena, que seica foi unha profunda coñecedora das plantas medicinais e as súas propiedades como remedios naturais no eido da tradición oral; alén doutras fontes documentais. Agradécese mesmo a todas e todos polo aportado).

Un saúdo a toda a xente e grazas por interesárdesvos, isto é voso.

Ningún comentario: