Co gallo das vésporas de Defuntos puxéronse a contar uns contos na lareira:
sábado, 30 de outubro de 2021
Contos na lareira nas vésporas de Defuntos
luns, 4 de outubro de 2021
Orixe lendaria celta do nome e descubrimento do Brasil, As Illas do Brasil
O Brasil, As Illas do Brasil:
A continuar imos ver as posibles orixes lendarias celtas ou célticas na etimoloxía e orixe do nome do Brasil, das mitolóxicas Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, ou incluso a Illa de San Brandán, unha terra da abundancia, a "terra das delicias vista entre néboas".
Nun mapa de Toscanelli, as supostas Illas do Brasil, a Illa de San Brandán, ubicounas enfronte ás costas da Irlanda, Ireland, hÉireann, Éire, Erín, recollido de fontes celtas, onde se referencia como unhas illas occidentais, unhas illas descoñecidas, unhas illas utópicas. Aparecen reflexadas por vez primeira nunha carta náutica do 1333 de Dalorto, situada preto de Irlanda e tería forma circular, chamada "Insula Brasil". No 1480 está documenta unha expedicón que partíu de Bristol para atoparen as Illas do Brasil, navegaron durante nove meses e regresaron sen atoparénas. No 1481 outra expedición procura as mesmas illas co fin de estableceren unha base de pesca no océano Atlántico.
E, outros máis, como Martin Behaim, que realizaría un mapa no que aparece a suposta ubicación da Illa de San Brandán, As Illas do Brasil.
https://pt.wikipedia.org/wiki/Paolo_dal_Pozzo_Toscanelli
https://pt.wikipedia.org/wiki/Martin_Behaim
![]() |
| Mapa de Toscanelli de 1474 no que Cristovo Colombo basearía a súa viaxe ás Indias, á descuberta da América |
![]() |
| Mapa do océano Atlántico onde aparece a illa de Sant Brandan realizado por Martin Behaim no 1492 |
O nome das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil, a Illa de San Brandán, coma unha illa ou unhas illas descoñecidas e utópicas, a terra da abundancia, o paraíso terrenal, a terra das delicias vista entre as néboas, a Illa das Mazairas onde abondan as mazás e non se pasa fame, aparece por última vez relacionado co descubrimento de Jean Cabot no 1497, nunha carta a Cristovo Colombo dese mesmo ano, no que o mercador John Day asemella a nova terra descuberta á Illa das Sete Cidades de Cíbola, unha cidade lendaria e utópica chea de riquezas, mais asegurando que este descubrimento había sido feito por mariños de Bristol que pensaron que eran as mesmas Illas do Brasil.
https://en.wikipedia.org/wiki/Name_of_Brazil#The_island_of_Brasil
https://en.wikipedia.org/wiki/Brasil_(mythical_island)
https://es.wikipedia.org/wiki/C%C3%ADbola
Etimoloxía do nome do Brasil:
Respecto á etimoloxía e posible orixe do nome de Brasil, a teoría máis aceptada ata fai pouco tempo, que é só unha teoría, dicía que procedería dunha árbore abondosa nesa zona, coa madeira de cor encarnada e moi apreciada, como madeira nobre e para tinguir, sería o chamado Pau Brasil, Paubrasilia echinata, e que daquí viría o nome do Brasil (João de Barros, frei Vicente do Salvador e Pero de Magallães Gândavo). Mais xa Marco Polo na súa viaxe pola Asia fala da existencia de árbores brasiles en moitas rexións do mundo: na illa de Xava, na illa de Borneo, na illa de Sumatra, no Ceilán, na India e na costa oriental da África. Semella entón un nome moi xenérico e pouco específico, e non relacionado cunha nova terra por descubrirse e tan concreta e singular coma o Brasil. Como ían coñeceren a existencia dunha especie certa de árbore de alá se non se coñecía nin o territorio mesmo, o continente?
https://pt.wikipedia.org/wiki/Paubrasilia_echinata
O que está na totalidade claro é que o nome do Brasil foi dado polos navegantes portugueses, que, de facto, serían galaicos xa que a Lusitania estivo ocupada por musulmáns e logo sería repoboada con habitantes da Gallaecia, do norte de Portugal que era onde habitaban os cristiáns, os cales descubriron esa rexión do mundo e que viron esa terra da abundancia, tendo antes de ser Brasil outras desginacións ao longo dos séculos para as novas terras descubertas: Ilha de Vera Cruz (capitão Pedro Álvares de Cabral), Terra de Santa Cruz, Terra dos Papagaios (nome dado nalgúns lugares de Galicia e poida que de Portugal ao paxaro Oriolus oriolus que semella unha ave tropical), Nova Lusitânia, Cabrália, Império do Brasil e Estados Unidos do Brasil. Hoje o nome certo é Brasil, o Brasil, e, a denominación oficial actual é, a República Federativa do Brasil.
Imos avanzar polo relato para entrar no contexto e dirase nas conclusións o que se acha, fundamentadamente, sobre a posible etimoloxía e orixe do nome actual do Brasil.
https://pt.wikipedia.org/wiki/Brasil
![]() |
| Mapa xeopolítico do Brasil actual. www.mapainteractivo.net/fotos/mapa-de-brasil |
San Brandán o Navegante:
San Brandán, alcumando o Navegante, Sant Branden of Ardfert and Clonfert, (c. 484 - c. 577) foi un bispo e abade de Clonfert, na Irlanda, nas Illas Británicas, na Europa atlántica. Nacido na costa occidental da illa de Irlanda, entón era a fronteira do mundo coñecido polos occidentais, emprendeu un vasto periplo misional e de fundación de abadías polo oeste irlandés, mais polo que ficou máis coñecido foi polas súa viaxes épicas polo Mare Tenebrosum, polo océano Atlántico: polas illas Británicas, polas illas Orcades, polas illas Shettland e polas illas Faroe, un feito entón incomún durante a Alta Idade Media.
A súa biografía está escrita na "Vita Sancti Brendinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia", cuxa copia máis antiga terá sido composta en Latín eclesiástico por volta do século X, e que se transformou nun dos escritos máis copiado da Alta Idade Media, con varias traducións e versións. A partires da Vita Sancti Brendani, nun proceso se callar interactivo, xurdiron diversas lendas que aparecen hoxe no legado cultural da maioría dos pobos da costa occidental europea, en particular os de orixe celta ou céltica, os nosos castrexos.
https://pt.wikipedia.org/wiki/S%C3%A3o_Brand%C3%A3o
![]() |
| Saint Brendan, São Brandão. Wikipedia.Portugal |
A Illa de San Brandán:
A Illa de San Brandán foi coñecida na Europa da Idade Media polo texo da biografía de San Brandán antes citada: "Vita S. Brandinis Abbatis Clumniacendis in Hybernia". Neste texto nárrase a viaxe de San Brandán coa súa partida dende Irlanda, e acompañado por un numeroso grupo de monxes, da súa abadía de Shanakeel ou Baalynevinoorach, próxima de Ardfert, costa ocidental da Irlanda, e que durante sete anos de singladura foran na procura oceánica da Illa das Delicias, da illa da abundancia, do Paraíso celta.
Seica visitaron diversos lugares e atoparon as máis exóticas criaturas. Ao final nárrase que atinxiran de certo a "Terra Repromissionis", o Paraíso, unha terra de indescriptíbel beleza e luxuriante vexetación, mais a narrativa non indica a rota seguida, polo que a verdadeira localización do Paraíso de San Brandán quedou sendo un misterio, dándolle aínda máis misticismo a esa terra da abundancia lendaria.
Nese texto tamén se reproducen numerosos aspectos que serían atribuídos ao deus Bran, Breo, Bre, Bres, o fillo do xigante e rei da Gran Bretaña Brân the Blessed, e o neto da divinidade do mar Llyr, e á súa viaxe, e a narración axudaría a fixar a posición incerta desa illa perdida, da Illa das Delicias, das Illas Afortunadas, das Illas do Brasil, The Island of Brasil, Hy-Brasil. Esta suposta illa ou illas aparecen na cartografía nun mapa da Abadía de Herford onde se identifican coa illa de San Brandán pola súa lexenda "Fortunale Insulae sex sunt, insule Brandani".
Xa Fernão de Noronha (c. 1470 - Liboa c. 1540) identificou mesmamente ao propio Brasil como sendo as Illas Afortunadas da lenda de San Brandán do século VI, chamándolle xa entón as Terras do Brasil.
https://pt.wikipedia.org/wiki/Ilha_de_S%C3%A3o_Brand%C3%A3o
https://pt.wikipedia.org/wiki/Fern%C3%A3o_de_Noronha
https://en.wikipedia.org/wiki/The_Voyage_of_Bran
https://en.wikipedia.org/wiki/Caradog_ap_Bran
https://en.wikipedia.org/wiki/Br%C3%A2n_the_Blessed
https://en.wikipedia.org/wiki/Ll%C5%B7r
As orixes lendarias da nación de Irlanda:
Segundo o Lebor Gabála Érenn (Libro das conquistas de Irlanda) que é un conxunto de manuscritos que relatan a construción nacional irlandesa como a suma das distintas invasións dende a súa creación ata o século XI, data na que se escrivíu en lingua gaélica.
Tén varias partes mais ímonos centrar nas que nos concernen, resumindo viría a relatar o seguinte:
Da historia dos celtas dende a diáspora das nacións ata a chegada a Irlanda: Onde sitúa a orixe dos celtas gaélicos en pobos do mediterráneo, coma na Torre de Babel ou no Exipto faraónico, serían descendentes do pobo dos escotos, que chegarán do mediterráneo e asentaranse primeiramente no noroeste da Hispania romana, entendida non como unha entidade política ou nación senón que coma un relevo ou accidente xeográfico, o territorio da península de Hispania, da península Ibérica actual, aquí aséntanse os descendentes destes escotos, hai quen os relaciona cos misteriosos Pobos do Mar, entre os que estará Breogán, fillo de Brath, nese noroeste da Hispania fundaría a cidade de Brigantium, a actual A Coruña, e nela construiría unha alta torre, hai quen a relaciona coa primitiva Torre de Hércules, dende a que o seu fillo Ith poido divisar ao lonxe no mar nun día claro unha illa verde esmeralda, Irlanda.
A invasión dos Milesios: Onde continúa a se narrar a historia dos gaélicos irlandeses, que di que Ith, fillo de Breogán, ao divisar no lonxíncuo a illa verde esmeralda, viaxa a Irlanda para coñecer o seu achádego. Sería benvido e ben recibido polos seus reis, mais a nobreza local envexosa asasinaríano e o seu cadáver volvería ao noroeste da Hispania, á Gallaecia. Os Milesianos, fillos do seu tío Míl Espáne, planean a súa vinganza e conquista a illa. En Tara son benvidos polos tres reis dos Tuatha Dé Danann, quenes defenden a vontade de manteren unido o reino. Entre moitos avatares e mitoloxía, dise que a frota milesiana foi afastada, mais Amergin consegue disipar os ventos coa súa poesía. Das naves sobrevivintes, as de Éber atracan en Inber Scéine (Kenmare River) no suroeste da Irlanda, mentres que as de Éremon atracan en Inber Colptha (na desembocadura do río Boyne). En dúas batallas en Sliabh Mis e Tailtiu, os Tuatha Dé Danann son derrotados.
Logo continuaría narrando as distintas disnastías de Irlanda antes do cristianismo e coas dinastías de Irlanda despois do cristianismo, que é o libro con mellor documentación.
A relación lendaria de Irlanda con Galicia está de sobra clarexada.
https://gl.wikipedia.org/wiki/Lebor_Gab%C3%A1la_%C3%89renn
Tír na nÓg, o Paraíso celta:
Tír na nÓg é chamada en inglés Land of Eternal Youth (A Terra da Eterna Xuventude) ou Land of the Ever-Young (A Terra dos Sempre Xoves), é a máis popular dos Outros Mundos da mitoloxía celta irlandesa, foi a illa onde os Tuatha Dé Danann se fixarían despois de abandonar Irlanda, e foi visitada por algúns dos maiores heroes irlandeses. Tír na nÓg un paraíso e reino sobrenatural da xuventude eterna, da beleza, da saúde, da adundancia e da ledicia. Segundo as lendas sería unha illa situada máis alá da liña do horizonte cara o poñente nos confíns do Mare Tenebrosum, do océano Atlántico, onda a doenza e a morte non existirían, un lugar da eterena xuventude, onde a felicidade dura para sempe e non se pasa fame nin sede. Sería o equivalente aos Campos Elísios gregos ou ao Valhalla nórdico, vikingo.
Tír na nÓg, como paraíso mitolóxico, e outros paraísos terrenais, tén outras designacións coas que se se lle quiso dar correspondencia, son exemplo Magmell, Ablach, incluso Ábalon, a Illa das Mazairas, a Illa das Delicias, as Illas Afortunadas, a utópica Illa de San Brandán, e, a que máis nos incumbe, as Illas do Brasil.
https://pt.wikipedia.org/wiki/T%C3%ADr_na_n%C3%93g
O Larouco asimilado a un paraíso céltico:
Como se pode ver, se se quere, nun relato recente doutra publicación, que se relaciona a continuar, o monte do Larouco dos nosos castrexos célticos da Gallaecia identificaríase como unha entrada ao Paraíso, unha porta ao Alén, ao Tír na nÓg irlandés, e por ende á suposta Illa de San Brandán, e por tal ás Illas do Brasil.
Para comprender o contexto por completo aconséllase ler en profundiade esta outra publicación enlazada:
Rexiomontanos. O Larouco, que pode ser?
https://rexiomontanos.blogspot.com/2021/09/larouco-que-pode-ser.html
| O Larouco no lonxíncuo, as Illas do Brasil |
O Larouco e Castrelo de Abaixo:
Castrelo de Abaixo faría mención a un Castrellum, un pequeno castro da cultura céltica, castrexa, da Idade do Ferro, posiblemente da tribo dos Tamaganos, pertencentes ás tribos do pobo dos Saefes, os adoradores de serpes de Ophiusa, que deu orixe logo á nación galaica, asimilados estes polos romanos aos Kallaicoi, os keltoi, os ocultos, os Celtas, e dos kallaicoi xurdíu o nome da kalaekia, da Gallaecia, da Galicia e do norte de Portugal actuais, sería o noroeste da Hispania romana, a península Ibérica actual.
Dende Castrelo de Abaixo divísase ao lonxe o monte do Larouco, a oeste, ao pór do sol. Aquí non se atoparon lendas de serpes sagradas voadoras que irían morrer á serra do Larouco como porta de acceso ao Alén, ao Paraíso, ao Tír na nÓg, correlacionándoos coa lendaria Illa de San Brandán, coas Illas do Brasil. Mais si que se puntualiza que os vellos en Castrelos dicían: "Vén un frío do demo da serra do Laoruco", e explícase, tendo en conta que O Larouco queda moi afastado xeográficamente de Castrelo de Abaixo, só tén contacto visual no lonxíncuo, na mesma liña do horizonte, no acceso ao infinito, e tendo tamén en conta de que o frío intenso entraría polo norte e non polo oeste, e que polo suroeste entraríannos os frentes atlánticos, as tempestades oceánicas transformadas en borrascas, xa se intúe que algo singular tén esa serra lonxíncua, ese monte afastado, morada dunha divinidade que pode traer o frío, o inverno, e por oposición a primavera, a abundancia, entón para os habitantes de Castrelo de Abaixo, e non só, significaría que hai algo máis alá da tona superficial, algo profundo e extraordinario, en resumo, algo sagrado para eles, se callar O Larouco.
https://gl.wikipedia.org/wiki/Castrelo_de_Abaixo,_Ri%C3%B3s
https://castrelodeabaixo.blogspot.com/2021/09/posible-significado-do-nome-castrelo-de.html
![]() |
| Catrelo de Abaixo, do concello do Riós, da bisbarra de Monterrei, da Galicia |
Conclusións:
domingo, 5 de setembro de 2021
Uns seres mitolóxicos
A mitoloxía en toda Galicia é moi rica, está chea de personaxes e animais fantásticos, cada un con características singulares, no entanto non hai moitas recollas en Castrelo de Abaixo, habería de se pescudar máis neste eido preguntando aos veciños máis vellos. Polo de agora estes son os seres mitolóxicos que se teñen recollido:
O Pai das Zocas:
Era un ser que tiña a facultade de provocar o trono e o trebón ao andar coas zocas pola cima das néboas, nubes, non dos neboeiros, sería entón a mesma ou similar figura que á que chaman noutras partes de Galicia O Tronador, O Tronante, O Nubeiro ou poida que O Escoler, con certos matices.
Cando viña unha treboada acendíase unha vela e queimábase loureiro, Laurus nobilis, bendicido no Domingo de Ramos, e recitábase unha oración a Santa Bárbora:
"Santa Bárbora bendita,
que nos ceos estás escrita,
nun papel de auga bendita.
Guarda o pan e guarda o viño
e guarda a xente no camiño.
Santa Bárbora bendita,
líbranos de raios e centellas
e de mortes repentinas."
Os Mouros:
Os de Castrelo de Abaixo din que habitaron en tempos na Cabanca dos Mouros (o lugar é un destacado outeiro cun profundo curte no terreo ao norte coma se fose un foxo, na parte alta do cimo pode que houbera habitación humana onde se ven entullos de muros antigos, hoxe este lugar está catalogado coma unha mina romana de explotación de ouro e un posible castro ligado á explotación mineira xa prerromana). Eran temidos, a xente aínda tiña medo de pasar por alí.
Estes personaxes son dos máis comúns en Galicia, non teñen nada a ver cos musulmáns que habitaron na Idade Media na Península Ibérica senón que na meirande parte dos casos fan referencia a outras culturas desaparecidas da antigüidade (da Prehistoria, da Idade do Bronce, castrexos, romanos, da Alta Idade Media). Dise que habitaron ou aínda habitan baixo terra en determinados lugares destacados coma castros, mámoas, dolmes, penedos con petróglifos, penedos singulares ou lugares onde aparecen restos arqueolóxicos de diferentes épocas históricas. Seica teñen a pel escura (ao contrario cas mouras que adoitan ser loiras, cos ollos azúis e fermosas), tamén son portadores de enormes tesouros. Interactúan cos seres humanos pedíndolles que lles ceben un porco ou outras encomendas relacionadas coa facenda ou co campo a cambio da promesa de facelos ricos pero pedindo sempre algo a cambio que adoita ser que se garde o segredo de haber pactado con eles, se non se cumple, que é a meirande parte das veces, bótanlle unha maldición xa que teñen poderes máxicos para facelo. Cando aparecen tellas, normalmente de época romana, ao arárense as leiras coas vacas dicíase que era que se estaba afondando moito a rella e se levantaba o tellado das casas dos mouros ao crerse que habitaban por baixo. Ás veces tamén baixaban á feira de incógnito. Á comunidade dos mouros chamábaselle "A Mourindá". E máis singularidades. Isto contado así a grandes trazos.
As Mouras:
En Castrelo de Abaixo aínda non dimos recollido ningunha lenda sobre As Mouras, póñense por seren un dos eixos principais da mitoloxía galega, seguirase pescudando, de certo que as hai.
Eran mulleres moi fermosas, mozas casadeiras, de longos cabelos loiros e de profundos ollos azuis. A súa raza era distinta da dos mouros. Adoitaban aparecerse penteando os seus cabelos dourados a carón das fontes, dos ríos ou das penedas e lugares de paisaxe moi bela. Tiñan moita riqueza e poderes sobrenaturais. Algunhas chegaban a casar con veciños que se namoraban delas. Nas lendas de mouras sempre había unha moral que aprender (avaricia, envexa, egoísmo, agradecemento, discreción, humildade, afouteza). Tamén podían trasnformarse en serpes aterradoras que se o ser humano cumpría co pactado volvían estas á súa forma de moza fermosa ceibándoa do encantamento e casándose con ela. Nalgúns casos aparecíanselle aos mozos que viñan de facer o servizo militar e comezaba así a historia. Nunha interesante lenda de Medeiros, resumindo, xa que o conto é máis longo, a moura dálles aos veciños, en agradacemento por habela mantido durante un ano, comendo un xato diario, unhas sementes para plantar, non era nada menos que as primeiras sementes da vide, de tantísima importancia coma a memoria milenaria mitificada dos inicios do viño na rexión.
O Trasgo:
É un personaxe burleiro, cambia as cousas de sitio nas cociñas, fai barullos pola noite, métese nas cortes da facenda a axotala, ponse enriba do peito das persoas pola noite na cama e non os deixa durmir, tamén ten a facultade de se transformar noutros animais. Fai estragos pero sempre sen producir danos graves, só molestias.
Noutras zonas de Galicia coñécese como Trasno, hai outras figuras, pero diferenciándose as trasnadas, coma O Tardo que era o que se puña na cima do peito e non deixaba durmir, e O Abelurio, e O Diaño Burleiro, e O Tártalo e aínda máis, cada un con matices propios.
Había un conto que daban como certo, dicía que o avó da Carmiña da Pena do Souto, que era de Castrelo de Abaixo, ía unha noite en dirección ao sagrado (en Castrelos chámanlle así ao adro da igrexa) cando víu un carneiro por riba dunha parede. Pensou que sería dun veciño e foi a collelo para levarllo. Ao chegar onda este e ir a apañalo, o carneiro pegou un brinco e saíu voando por cima do sagrado ríndose a gargalladas: "Ha-ha-ha-ha", ao que o avó da Carmiña dicía: "Ai oh!, eu pensaba que era un carneiro e érach'o trasgo" (seica voaba porque dicían que non podía pisar sólo sagrado).
A Cruz:
Din que consistía nunha procesión de ánimas de defuntos que saían pola noite a andar polos camiños. Levaban unha cruz diante (daí o nome da Cruz) que sempre portaba un vivo, este ao día seguinte levantábase todo esgotado da cama sen se lembrar de nada, ía enfraquecendo aos poucos, ata que a xente ao velo tan fraco murmuraba: "Este débeche andar coa cruz". Se un vivo se atopaba coa procesión e era visto polos defuntos, este acababa tendo que relevar ao outro vivo que portaba nese momento a cruz, se non o vían librábase delo, tamén dicían de facer un círculo cunha cruz no seu interior riscado no chau e meterse dentro para se protexer.
Se unha persoa tiña que andar polos camiños pola noite, ao chegar preto dunha aldea botaba un aturuxo, "ei-ei-ei-eiiii", para que os veciños souberan que era un 'cristián' e non unha ánima.
Chámaselle aquí á figura similar con matices que noutras partes de Galicia se coñece como A Estadea, A Estantiga, A Estadeíña, A Hoste, As da Noite, A Antaruxada, A Pantaruxada, A Procesión de Ánimas, A Rolda, A Roldiña, A Xaira, A Sociedade do Oso, O Enxamio, A Compaña, e outras, no entanto a máis coñecida é A Santa Compaña.
As Bruxas:
En Castrelo de Abaixo non se teñen recollido moitas historias das bruxas, só algunha referencia escasa, de certo que as hai.
No tocante á crenza nelas, en galego díse "habelas, hainas" e en portugués "que as há, há".
Na mitoloxía cristiá dise que as Bruxas tiñan maldade e facían pactos do Demo. Mais ao que se lle adoita a chamar bruxa na tradición oral galego-portuguesa non se corresponde sempre con esta definición, serían máis ben As Meigas, eran ou son mulleres reais e sabidas, mais con algunhas cualidades mitificadas: Feiticeiras, curandeiras, vedoiras, coñecedoras das propiedades medicinais das herbas, sincretizando estes coñecementos transmitidos e empíricos con crenzas, oracións e ritos relixiosos, algo así coma unha 'xamán' (máis un apuntamento curioso: Un dos indicios que agoiraban que unha persoa ía ser vedoira, home ou muller, consistía en que esta falaba xa aínda no ventre materno. Un caso relatado na obra "La aldea gallega" de Nicolás Tenorio, natural de Huelva, libro que narra as súas vivencias a comezos do seculo XX como xuíz na bisbarra da Viana do Bolo de entón, fascinado, ao ser de fóra de Galicia, polas singularidades que víu. O asunto, resumido, é que viña a contar que en Camba de Laza había un vedoiro que tiña moita sona, que cando a mai estaba grávida del estraviáranselle unhas tixeiras e o neno non nato dicíalle dende o útero: "Mira na gabeta da mesa da cociña que alí che están", seica estaban alí mesmo). Estas bruxas reais mitificadas da tradición oral non facían entón o mal senón que axudaban á xente. En Castrelo de Abaixo coñecíase á "Bruxa de Quirás" (haberá de se pescudar máis desta singular muller).
Contárannos o caso dunha muller vella de Castrelo de Abaixo, non era bruxa como tal mais tiña cualidades sobrenaturais, dicían que che facía dano coa vista. Se pasabas por onda ela e mirábala aos ollos esta facíache dano coa mesma mirada aínda sen pretendelo, consistindo este dano en mal de ollo, mal fado: Doenzas, estragos nas colleitas, morte de facenda, dano físico.
O Bichorro:
Dicían que era coma unha 'culebra' pero non tan longo e de corpo groso, tiña a pel de cor negra brillante e era velenoso (non se corresponde con ningunha especie de réptil coñecida aínda que se intúen retallos dalgunhas coma o de corpo groso que se correspondería co Escóupolo, Anguis fragilis, ou que é velenoso coma o Bicho de cordón, Bicho de coller, Bicho da'scada ou mesmo tamén chamada Bichorro, Vipera latastei, a cor negra non é rara nalgunhas especies de colúbridos coma algúns exemplares melánicos da Cobra de auga de colar, Natrix astreptophora, e outras, tamén a outra Víbora de Seoane, Vipera seoanei). Polo inverno metíase debaixo da terra, onde engordaba máis e morría ao non poder mexerse. Logo tiña a cualidade de resucitar na primavera (unha mestura de rasgos de animais reais e cualidades imaxinarias).
As Serpes Voadoras:
Dicían que había unhas 'culebras' que tiñan a facultade de poder voar e que cantaban como as pitas.
Nalgunha zona próxima, coma no Tameirón ou Parada da Serra, da Gudiña, dicíase que as cobras ao íren vellas saíalles nas costas unha especie de par de cunchas a xeito de ás coas que podían voar e ían a morrer ao monte Larouco (unha montaña sagrada, unha porta ao Alén e ata un propio Deus indíxena asimilado polos romanos ao mesmo Xúpiter segundo dúas aras romanas atopadas en Vilar de Perdizes e Baltar, e máis outra en Santo Antonio de Monforte - Curral de Vacas, e existe o que se supón unha representación en pedra deste deus na igrexa de Vilar de Perdizes. Desde Castrelo de Abaixo tamén se vé este mítico monte cara poñente).
Unha vez un cazador contou como certo que un día índo de caza coa escopeta se atopara no monte cunha 'culebra' grande subida no alto dunhas gallas dunha árbore ao pé dun camiño, ao ver vir a este, a serpe botou un chouto e saíu voando, o home dicía: "e cantaba como as pitas".
As Alpabardas:
Inclúese aquí estes seres por seren imaxinarios mais non forman parte da mitoloxía mesma, pertencen a unha brincadeira tradicional para enganar aos incautos.
Adoitábase dicirlle aos rapaces ou aos forasteiros: "Tes que ir buscar as alpabardas", "estanche por tal sitio polo medio das carqueixas", "tes que ir de noite e en silencio para atopalas", "se te oen escapan", "están moi ricas", "abundan moito, mais o difícil é atopalas", "ao collelas tes que metelas nun saco" (e facíanlle levar o saco), e mentiras semellantes. Mentres o incauto ía na procura das alpabardas os outros escachaban coa risa. Cando chegaba e lle preguntaban se collera algunha alpabarda dicía o lóxico: "Pois non vin ningunha", e estes contestábanlle: "Claro!, fixeches ruído" ou: "Pois elas por aí andan", e deixábano así crendo que de verdade existían.
Noutras partes de Galicia estes seres imaxinarios son coñecidos con outros nomes, ou mesmo seren doutra raza, coma Os Meimós (no Riós), Os Biosbardos, Os Cazabellos, Os Cocerellos, Os Gazafellos, alguén tamén incluía As Póutigas, mais estas si que existen, son unha planta parásita das cistáceas sen clorofila, carnuda e de cores amarelas e encarnadas, son mesmo difíciles de atopar ao estaren preto do chan entre a vexetación, búscanse porque son comestibles, a especie é Cytinus hipocistis.
Tamén estaba o dito "andar ás alpabardas", e mesmo "andar ás póutigas", en alusión a estar distraído ou aparvado.
E de seguro que aínda hai máis seres mitolóxicos que se tratarán de ir recollendo e divulgando.
(As fontes consultadas foron directas da miña avóa materna, a Tía Dominga das Figueiras, transmitidas oralmente xa vai motísimo tempo, que foi quen sementou a pasión pola tradición oral galego-portuguesa, o profundo respecto pola Natureza, e non só; do Toño da Guada, tío avó meu, que inculcou moitas destas cousiñas, el era de Passos; de ouvir entón os contos ao meu pai, o Pepe; das frecuentes preguntas á miña mai, a Anita; dos contos da Carmiña da Pena do Souto; das preguntas aos tíos do Brasil, a Chela e o Orlando, tamén á Xon do Riós; de ouvir falar a outros veciños de Castrelos coma o Toñito, e máis que non lles sei o nome, desculpade; de ler e conversar co etnógrafo e escritor José Rodríguez Cruz da Gudiña; das recollas de lendas de transmisión oral do antropólogo cultural e escritor Bruno Rúa Martínez de Verín; de escoitar as conferencias e preguntas sobre patrimonio coa arqueóloga, investigadora e historiadora Nieves Amado Rolán de Laza; do interese mostrado e conversas con Ana Prado Gago de Castrelo de Abaixo, sobre información transmitida pola súa avoa, a María do Xena, que seica foi unha profunda coñecedora das plantas medicinais e as súas propiedades como remedios naturais no eido da tradición oral; alén doutras fontes documentais. Agradécese mesmo a todas e todos polo aportado).
Un saúdo a toda a xente e grazas por interesárdesvos, isto é voso.





