luns, 30 de agosto de 2021

O Entrúido en Castrelo de Abaixo

A celebración do Entrúido en Castrelo de Abaixo ocorría dende o Xoves de Compadres ata o Martes de Entrúido. Contaban que daquelas a súa poboación era relativamente abondosa, que había moita 'mocidá', dicíanque aínda máis que en Castrelo de Cima, a pesar de estar alí a casa reitoral, o posto da Guarda Civil, ser unha meirande parroquia e haber pretendido constituírse coma concello polas primeiras décadas do século XIX. Había certa rivalidade con algunha poboación veciña, sobre todo nas festas, por exemplo cos de Berrande, aos que os mozos e mozas de Castrelos lles chamaban de forma burleira "Os da chaqueta rachada". Nas festas había boa relación en xeral coas aldeas da veciñanza, A Arzoá, A Silva, O Mourisco, Castrelo de Cima, A Veiga do Seixo, Sampaio, Santa Comba de Baroncelle, Moialde e as veciñas portuguesas da Cisterna, Vilarinho de Lomba, Quiraz, Edroso e Pazos de Lomba. O Entrúido era unha festividade máis íntima de cada aldea onde en todas sempre se facía algo.

Nestas celebracións do Entrúido había unha loita de sexos na que os homes botábanlle cinsa ás mulleres e viceversa (non se botaba fariña nin farelos xa que non había suficiente e reservábase para o consumo propio ou da facenda) e enzoufábanse as caras entre eles con borrallo do forno, das lareiras e dos potes (non confundir co borrallo dos camiños, chamado así nesta zona á poeira). Isto acontecía durante todas estas datas con maior incidencia nos días máis sinalados: No Xoves de Compadres, no Xoves de Comadres, no Domingo Gordo e no Martes de Entrúido.

No Xoves de Compadres as rapazas e mozas facían un boneco ao que chamaban O Compadre, o ritual consistía en querer queimalo e os rapaces e mozos tiñan que tratar de impedilo.

No Xoves de Comadres eran os rapaces e os mozos os que facían a boneca, A Comadre, e as rapazas e mozas tiñan que tratar de que eles non a queimaran.

Entre todos facíase un meco ao que chamaban O Entrúido, normalmente con roupas vellas recheado con pallas e unha carauta. Durante os días grandes dos festexos: No Domingo Gordo e no Martes de Entrúido maiormente, subíano ao alto dun carro e paseábano por toda a aldea e os veciños ofrecíanlles viandas e viño. Tamén se desprazaban a outras localidades da veciñanza co carro e co Entrúido, ían ata O Mourisco, Castrelo de Cima, Santa Comba de Baroncelle e Moialde, non ían á Arzoá, nin a Sampaio, nin á Veiga do Seixo, si que pasaban pola Silva pero de camiño a Santa Comba e Moialde, non pedían viandas, só era unha forma de reafirmárense como mocidade ante outras comunidades veciñas. Ao carro apretábanselle as treitoiras para que cantase máis, era tirado polos Vellarrós (máscaras disfrazadas de vellos) e no alto ían subidas as Madamas (mozas vestidas con roupas bonitas), acompañábaos tamén xente disfrazada coas Mascaritas ou mesmo sen disfraz.

Personaxes do Entrúido:

Os Vellarrós (Vellarrón en singular): Parodiaban aos homes vellos, ían adobiados con máscaras feitas de pelica, tea ou cartón duro, e disfrazados con roupas vellas de home improvisadas, tamén adoitaban por un coxín nas costas a modo de xiba e levaban un caxato para camiñaren dobregados. Unha das súas misións era acompañar ao carro do Entrúido, tamén ían polas casas pedindo viandas e os veciños dábanllas sen coñecerse nunca a súa identidade.

As Vellarronas: Similar aos Vellarrós só que desta volta parodiando ás mulleres vellas e disfrazadas delas, era frecuente que os homes se vestiran tamén de Vellaronas.

As Madamas: Rapazas e mozas que se vestían con roupas elegantes, adoitaban botar unha colcha por riba dos ombreiros, se callar a mellor que se tiña na casa, tamén se pintaban os beizos e a cara con coloretes nas meixelas, non levaban alfaias ao non se teren nas casas humildes.

As Mascaritas: Eran disfraces que consistían en porse roupas improvisadas e carautas de pelica, tea ou cartón duro, diferenciábanse dos Vellarrós e Vellarronas porque estas non cumprían a función de parodiar aos vellos, non actuaban, o que si era é que ían percorrendo os Fiadeiros que xurdían polas noites nas lareiras ou no forno calquer día dos festexos.

Os Cigarrós (Cigarrón en singular, distinto aos de Verín máis co nome seguramente que da súa influenza, tamén se ouvíu chamarlle así a uns personaxes con chocallos, carauta e zamarra, máis rudimentarias e menos elaboradas que as verinesas, no entanto non se sabe certo desta máscara) ou Vellarois (Vellarrón en singular, non confundir cos outros Vellarrós propios) de Castrelo de Cima e da Veiga do Seixo: Eran uns personaxes que viñan de visita dende estas dúas localidades veciñas, tiñan un traxe moi elaborado e vistoso, cunha camisola de felpa enfeitadas con fitas ou papeis de cores, cun deseño en triángulo invertido, igual que os calzóns tamén de felpa e enfeitados con fitas, nas pernas levaban unhas polainas de couro negro, nas maus unhas luvas brancas, unha faixa branca á cintura e un pano tamén branco ao pescozo, unha máscara de home feita de cartón duro con cellas pintadas e barba ou bigoteira de lá de ovella negra, cun branco dentame, con nariz e orellas moi grandes, enriba da cabeza levaba unha especie de pucho feito con vímbios aos que lle colaban papeis de cores cunha masa feita de farelos, levaban un cinto con esquilas que facían soar aos choutos e movementos da cintura, espantaban así aos rapaces, tamén portaban un 'farrampo' a modo de tralla ou zamarra, que se asemellaba a un mallo, feito cun mango de pau e unha tira de coiro, ás veces forrada de tea de saco de esparto, no entanto eran unhas máscaras fustigadoras á vez que petitorias, ás veces pedían viandas, ás veces eran acompañados por unha Madama e un Farranpón (persoa disfrazada que se ocupaba de recoller as viandas nun cesto), dicíanlle así ao seu paso "Vello, vello, Vellarrón, mete os cartos no bolsón !" (personaxe moi ben recollido e documentado nas obras de Xerardo Dasairas de Verín "O Entroido en Terras de Monterrei", e José Rodríguez Cruz da Gudiña "Mitos, crenzas e costumes da raia seca. A máxica fronteira galego-portuguesa". Esta máscara é a día de hoxe o emblema do entroido do concello do Riós. En Castrelo de Cima tratan de recuperala con todo o seu ritual orixinal). http://monterreicultura.blogspot.com/2015/01/os-vellarrois-veiga-do-seixo-e-castrelo.html https://www.osil.info/nos-dominios-do-vellaron/

No Domingo Gordo íase á misa de mañá. Un apuntamento, estas máscaras e personaxes sempre respectaban o eido sagrado.

No Martes de Entrúido só se adoitaba traballar pola mañá, pola tarde tíñase música e baile, un gaiteiro, normalmente O Gaiteiro de Castrelo d'Arriba, unha caixa, acho que viña un veciño de Barxa, e un bombo, O Bombeiro de Santacomba, rematábase a festa co bouramento a paus e queima do Entrúido pola noite na praza onda Ó Forno, eixo central de todos os festexos e rituais profanos.

Como é de lóxica, todos estes actos eran festexados pola tardiña ao remate das tarefas do campo e ao acomodárese a facenda, a non ser o Domingo Gordo que xa era o día propio de descanso, se non había traballos pendentes, máis o Martes de Entrúido pola tarde, e, o dito, o lugar de reunión sempre era ao redor do forno comunal (tamén cando se chamaba a concello e cando se reunían no Fiadeiro que as máis das veces se facía aquí no interior do forno e outras nas lareiras).

Non se sabe se na época da guerra civil española se celebrou o Entrúido (indagarease no tocante). Durante a ditadura franquista non estaba permitido pero seguíuse facendo ás agochadas das autoridades.

Na actualidade seica algúns mozos e mozas de Castrelos aínda fixeron o meco do Entrúido, iso si, con menos elaboración, e queimárono no Martes de Entrúido.

Estas máscaras e costumes seica non son exclusivas de Castrelo de Abaixo, hóuboas ou hainas con variantes en moitas aldeas da contorna e aínda máis lonxe, de certo que cunha orixe común.

Unha tradición a recuperar na súa totalidade.

Ningún comentario: